domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

Veleiro: "A maior parte da xente cumpre, pero hai unha minoría que repecute no resto"

Elba Veleiro. ARCHIVO
Elba Veleiro. ARCHIVO
Logo de pasar a primeira vaga do coronavirus case sen positivos, a capital chairega é agora un dos municipios máis afectados da provincia, onde a incidencia acumulada supera os mil casos por cada 100.000 habitantes, malia a levar con restricións dende o 22 de novembro

Vilalba leva máis de dous meses e medio con medidas restritivas, mais aínda así, chegou a contabilizar máis de 200 positivos. A alcaldesa, Elba Veleiro, repasa a situación na que se atopa o concello.

Como está a situación agora?

Hoxe (domingo) temos 180 casos rexistrados nos últimos 14 días, segundo os datos do Sergas. Hai unha semana comezaron a baixar as cifras, o que abría unha pequena porta á esperanza, pero agora levamos varios días nos que se manteñen estables, polo que hai que facer unha análise dende a prudencia e esperar que se recupere esa tendencia á baixa no número de contaxios.

A que cre que se debe que se manteña no tempo unha incidencia tan alta, pese as restricións?

Non teño a capacidade para facer unha valoración das causas. Como administración local non tempos competencias e carecemos de datos concretos. Temos cifras, pero non sabemos cal é o problema ou por que se produce e a de Vilalba tampouco é unha situación excepcional, pasa en toda Galicia. Creo que a causa pode ser multifactorial e diría que a nosa climatoloxía e os nosos costumes non axudan. Fóra do gromo do Hospital Asilo, os casos empezaron a subir co inverno, co frío, cando pasamos máis tempo en lugares pechados, con menos ventilación, e se a iso lle sumas as relacións sociais, hai máis posibilidades de contaxio.

"Seguimos insistindo na necesidade de facer un cribado masivo, é a mellor ferramenta para localizar asintomáticos"

Que falla, as medidas ou a xente?

Non teño capacidade ou coñecemento suficiente para emitir unha opinión, aínda que supoño que pode haber algo de todo. Confío nos expertos e nas medidas que nos impoñen e oxalá soubese onde está o problema para tomar medidas e arranxalo. O importante é que todos colaboremos respectando as medidas ao máximo para que isto dure o mínimo tempo posible, por nós, polo noso contorno e polo conxunto da sociedade, porque cantos menos positivos haxa, menos posibilidades hai de contaxiarnos ou de contaxiar a outros.

Ve necesaria máis vixilancia?

Vixilancia exércese, pero non hai medios humanos para poñer un vixilante detrás de cada persoa. O Concello acata as normas que fixan as autoridades e tenta cumprilas, pero todos temos que colaborar. A maior parte da xente, dos negocios, da hostelería... cumpre, pero hai unha minoría que acaba repercutindo no conxunto. Temos que ser conscientes de que hai que ser sumamente responsables polo ben de todos, e o máis importante é a responsabilidade de cada un.

Falouse de contaxios en matanzas e en celebracións, hai máis incidencia nas aldeas que na zona urbana ou está repartido?

Nós só temos cifras, non datos concretos de persoas ou de formas de transmisión pero polo que sabemos, os casos están repartidos, aínda que hai algún gromo que si se vinculou a estas relacións sociais.

Pódese falar de transmisión comunitaria?

Eu mesma fixen esa pregunta no último cribado, e a resposta das autoridades sanitarias foi que non estaba claro, porque hai varios focos detectados que non estarían relacionados entre si.

Haberá máis cribados?

Non temos confirmación, pero nós seguimos insistindo, como fixemos dende que comezou a subir a incidencia, na necesidade de facer un cribado masivo, porque os que se fixeron foron a grupos ou sectores concretos e en todos se detectaron positivos. Cremos que é a mellor ferramenta para localizar asintomáticos, adiantarse e tratar de previr contaxios.

Que sensación perciben na rúa?

Notamos que a xente está preocupada, cansada e un pouco desesperanzada, sobre todo no que vai deste ano, cando volveron subir os casos, e é que xa é moito tempo con restricións. Confiamos nas vacinas, son as que nos dan algo de esperanza.

E que lle demanda a xente?

O Concello, coa colaboración de Protección Civil e da Cruz Vermella, habilitou un sistema de apoio ás familias en corentena ou as persoas que vivan soas para levarlles medicinas ou produtos de primeira necesidade, recoller residuos ou o que poidan necesitar. Tamén fixemos repartos de máscaras, xeles... E despois, a maiores da crise sanitaria, está a económica, e tamén hai xente que acode a nós porque non pode facer fronte ao pago de recibos, por exemplo. Neste sentido detectamos un incremento da demanda das axudas á emerxencia e das situacións de risco.

Dende o Concello, reciben apoio doutras administracións ou pedíronlles axuda?

Achegáronnos material, sobre todo nos inicios da pandemia e colaboraron en labores de desinfección. Unha das peticións que lle temos feito á Xunta de Galicia é que asuma o sobrecusto que supón incrementar a limpeza nos centros escolares, onde tiveron que facer unha gran adaptación.

Veleiro: "A maior parte da xente cumpre, pero hai unha minoría que...
Comentarios