O Madia Leva acolle unha exposición con 17 autores e unha trintena de fotos

A ecléctica mostra Xeitos, do Grupo Bazán de Ferrol, pódese ver ata finais de xaneiro no local de Baamonde
Exposicion fotográfica no Madia Leva de Baamonde
photo_camera Exposicion fotográfica no Madia Leva de Baamonde

O Madia Leva de Baamonde acaba de inaugurar unha exposición fotográfica na que participan 17 artistas e que reúne unha trintena de obras. Baixo o nome Xeitos, esta mostra nace coa finalidade de expresar os diferentes estilos do colectivo de fotógrafos que integran a formación ferrolá Grupo Bazán.

"Pretendemos reflectir a ampla variedade de miradas e de estilos que hai dentro do colectivo", explica Carlos Cruz, un dos participantes en Xeitos. As imaxes contan cunha gran variedade de temáticas que van desde os retratos ou as paisaxes ata a fotografía de detalles, pasando polas instantáneas nocturnas.

"Cada un temos o noso xeito de enteder a fotografía e así o quixemos reflectir", recalca Cruz, quen indica que precisamente grazas a esta miscelánea de estilos cada visitante poderá sentirse identificado cun xénero. "Todo o mundo pode atopar algunha imaxe que lle guste, dada a ampla variedade de temas que abordamos na exposición", comenta o artista.

AUTORES. Ademais do fotógrafo Carlos Cruz, expoñen as súas obras autores como Alejandro Martínez, Antonio Carrete, Bea Rodríguez, Chus Villamar, David Souto, Fer Cendán, Fran Suárez, Gelis López ou José Amigo.

A mostra, que poderá verse ata finais do mes de xaneiro, tamén conta coa participación de Luis Losada, Luz González, Marcos García, Miguel Llano, Mónica Lorenzo, Pablo Mauriz e Pepe Botella.

A idea de facer realidade Xeitos xurdiu o pasado verán co fin de dar vida a un proxecto colectivo no que cada fotógrafo podía escoller un par de obras que máis o representasen. "Organizámola ao longo destes meses cada un ao noso xeito, de aí o nome", comenta Carlos Cruz.

GRUPO BAZÁN. O Grupo Bazán naceu en Ferrol en 1994. Forma parte da asociación cultural recreativa e deportiva sen ánimo de lucro homónima e está integrado por 40 amantes da fotografía que se reúnen os venres para compartir impresións sobre a súa paixón. Ao longo do ano organizan excursións, exposicións e todo tipo de actividades relacionadas co sector.

Comentarios