Luz Fandiño inaugurará o XLII Festival de Pardiñas, que terá 6 días de actos

A escritora lerá o pregón en Guitiriz o 6 de agosto e Parga acollerá a Mostra de Instrumentos o 7 e a de artesanía, o 8

35,35,190,195.632843
photo_camera Mostra de Instrumentos nos cobertizos da feira en Parga. ARCHIVO

A escritora e activista compostelá Luz Fandiño será a encargada de inaugurar co seu pregón o XLII Festival de Pardiñas que, igual que na edición de 2020, adopta un formato especial por mor do coronavirus, ofrecendo seis días de actos que unha vez máis tratarán de honrar ese apelido que acompaña sempre á popular cita guitiricense: Feira e Festa da Música e da Arte.

"É unha muller marabillosa, como escritora e como activista cultural, unha líder do feminismo galego e da cultura de base", indicou o coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco, sobre a pregoeira desta edición, cuxa intervención está fixada para a tarde do 6 de agosto no Campo da Feira.

"Coincide de marabilla coa esencia de Pardiñas, a onde ela vén pasalo ben, sobre todo cos grupos de música", engadiu Alfonso, precisando que o ritmo non faltará nesta primeira xornada do festival, na que o dúo Acordeireita acompañará a Fandiño, mentres que á noite haberá un concerto.

As actividades trasladaranse a Parga na fin de semana. O sábado 7 celebrarase a XXVIII Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, que dará comezo ás 11.30 e se prolongará ata as 21.00 horas, contando coa presenza dunha trintena de artesáns.

Camilo Regueiro, promotor de múltiples iniciativas de recuperación e promoción do patrimonio musical galego e das novas tecnoloxías, será o encargado de ler o pregón ás 12.00 horas, mentres que o grupo Airiños da Freba ofrecerá un concerto ás 19.30.

O domingo 8, no mesmo escenario, recollerá a testemuña a tradicional Mostra de Artesanía de Pardiñas que promove Xermolos dende as orixes do festival e que contará tamén con pasarrúas musicais e un aberto de billarda.

Os actos farán un alto para deixar paso ás comemoracións ao redor da Galiza Mártir que tamén organiza a asociación, e retomaranse na última fin de semana de agosto. No serán do vernes 27 haberá un concerto no Campo da Feira de Guitiriz, onde ao día seguinte se celebrará o festival de arte urbana Witericus, con obradoiros, grafitti, xogos e diversas actuacións.

No decurso deste tamén se levará a cabo a entrega de premios do XLII Certame Terra Chá, que incluirá regueifas ou unha proxección de vídeos, entre eles ‘Días contados’, do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz.

O broche de ouro porase o domingo 29 no lugar que lle dá nome ao festival, Pardiñas. Haberá un pasarrúas polas aldeas da volta e unha sesión vermú, con música en directo, na Casa da Artes.

O programa completo de actos presentarase o día 1 de agosto no San Alberte, onde haberá un concerto a cargo de Adrián Vigo.

Comentarios