Luz Fandiño: "Na emigración descubrín o que eran as bibliotecas, nunca tal vira"

A escritora dará o pregón do Festival de Pardiñas este venres ás 21.00 horas
Luz Fandiño, cos bonecos que fai ela. T.FORJA
photo_camera Luz Fandiño, cos bonecos que fai ela. T.FORJA

A xuventude vai no espírito e diso a escritora e activista Luz Fandiño sabe moito. Os seus 89 anos –ou mellor dito 17, oito máis nove, como di ela– non son un impedimento para seguir activa, unha vitalidade e enerxía que verán todos os que acudan este venres 6, ás 21.00 horas, no Campo da Feira, ao pregón do Festival de Pardiñas, no que estará acompañada polo dúo Acordeireta. Fandiño viviu a dureza da franquismo e da emigración na súa pel e non dubida en compartir as súas vivencias con todos os que queiran escoitala

Como recibiu a noticia de ser pregoeira?
Moi ben, a xente de Xermolos é moi agradable e tratoume moi ben dende que comezamos a falar, teño moitas ganas de ir. 

Xa ten o pregón preparado?
Estou pensando de que falar e que poemas recitar, vaime acompañar Acordeireta, que é un grupo que musicou dous poemas meus. De todos os xeitos, gústame improvisar así que vai ser sorpresa.

Cando comezou a interesarse pola literatura?
De pequena na casa había moitos libros e dende sempre tiven interese en lelos pero foi logo na emigración cando lin e descubrín moitas obras e tamén cando comecei eu a escribir. Eu emigrei a Arxentina e logo a París. No primeiro, traballei moito e non vin un can, pero tiven a sorte de coñecer a unha persoa moi importante para min, o señor Ares. Era galego e traballaba nunha biblioteca. Eu vira fóra dela un libro aberto pola páxina na que estaba o poema de Ramón Cabanillas ¡Meu carriño!, conmoveume de tal maneira que eu quería ese libro e a miña amiga animoume a entrar e mercalo. Eu case non tiña cartos pero fun preguntar, o bo do señor Ares explicoume que aquelo era unha biblioteca e podía ler o que quixera sen ter que mercalo. Eu nunca tal vira!

A xente de Xermolos tratoume moi ben dende que comezamos a falar, teño moitas ganas de ir ao Festival de Pardiñas

E comezou aí a ler máis?
Si, o señor Ares deume moitos libros para ler, pero o pobre pasaba vergonza comigo alí, porque eu non sabía estar nunha biblioteca e emocionábame cando lía, choraba e ría. El un día veume dicir, con todo o agarimo do mundo, que non podía chorar e rir porque podía molestar á demais xente que ía a biblioteca. 

Tivo influencia el en que comezase a escribir?
Si, un día díxenlle que me gustaría saber escribir en galego pero que non sabía facelo e el animoume a escribir e prometeume que logo me axudaría a corrixir o que fixera. Foi tanto o que me animou que escribín o poema Soidade. Cando llo lin a el díxome que iso si que era poesía de verdade e dende aí seguín, seguín e seguín. 

Foi moi importante para vostede.
O señor Ares, el sabíao ben, foi o pai que non tiven e o meu mestre, e eu para el tamén era coma unha filla. Teño varios poemas dedicados a el e el tamén me dedicou un moi fermoso.

Cando lle lin Soidade ao señor Ares díxome que iso si que era poesía de verdade e dende aí seguín, seguín e seguín

Os seus primeiros libros foron en francés, por que nesa lingua?
Logo de estar na Arxentina funme traballar a París, aí estiven moito mellor e tiña unha xefa moi boa e moi culta que me ensinou moito. Nunca fun á escola para aprender francés pero saíume escribir poesía nesa lingua. Logo ensineille os poemas a Méndez Ferrín para que me axudase a traducilos ao galego pero el díxome que os tiña que deixar así como me saíran.  

Sobre que escribe agora?
Sempre escribín sobre a miña vida, sobre o que me preocupa, o que me enfada, o que me emociona... a veces estou escribindo e véñenme tantas ideas á cabeza que non dou plasmado todo.

O activismo ten un peso importante para vostede?
Si, temos que defender a nosa lingua á que tanto dano lle están facendo e hai que facerlle fronte ás inxustizas. Sempre me din que xa non teño idade para ir a actos reivindicativos pero eu penso que todas as idades son boas para iso.


Conciencia política

"Na casa había libros prohibidos e escondían escapados"

Que recorda da súa infancia?
Miña nai e miña avoa eran unhas adiantadas ao seu tempo e mulleres moi valentes. En pleno franquismo había na miña casa libros prohibidos, cantabamos a Internacional e ata escondían escapados do franquismo. 

Eran revolucionarias.
E así saín eu, coa Internacional quedárame cun anaquiño que dicía "el día en que el triunfo alcancemos ni dueños ni esclavos habrá, la tierra será un paraíso, la patria de la humanidad". Eu oía aquelo en pleno franquismo e preguntáballe a miña nai se iso ía ser posible e ela dicía que os seus ollos non o verían, pero nós si. 

Recorda á xente que escondían na súa casa?
Si, houbo dous escapados un cunha pena de morte e outro con dúas. A un vino despois en Bos Aires. Eles estaban alí agochados e baixaban para comer e asearse. Eu sabía que non podía contar que estaban alí.

Unha vez obrigaron a poñer as bandeiras nas ventás de todas as casas e na miña púxose a da República

Non tiñan medo a represalias.
Non, unha vez obrigaron a poñer as bandeiras nas ventás de todas as casas e na miña púxose a da República. A xente empezou a dicirlle a miña nai que lle era mellor escapar porque ían ir a por ela, pero foi ao cuartel e alí dixo que puxera a bandeira que tiña, que se querían que puxera a outra tiñan que regalarlla. Fíxose a parva e deixáronlle marchar.

De cativa era reivindicativa?
Si, recordo que cando eu tiña sete anos non tiñamos para comer na casa, polo que tiña que ir ao comedor da Falanxe. Iamos un grupiño de nenas e obrigábannos a cantar o Cara al Sol co brazo en alto. A nós non nos gustaba, entón poñiámonos dacordo para que cada día unha de nós, cando tiveramos o brazo en alto, fose pechando o puño mentres as demais o facían como querían os falanxistas. A min un día pilláronme, déronme unha labazada e obrigáronme a estar de xeonllos sobre o chan cos brazos en alto. 

E xa a animaban a ler e escribir de nena?
Si, fun pouco á escola, pero na miña casa había moitos libros prohibidos. Miña avoa quería que lese todo e a min había cousas que non me gustaban. Ela sempre me dicía que aínda que non me gustara o que estaba lendo que o acabara, porque desa maneira ía saber o que quería e o que non. E iso aínda o teño presente agora. 

De preto: "Gústame facer bonecos empregando sempre moitas cores, mantenme entretida"
Ten algunha afección distinta á escritura?
Si, gústame facer bonecos empregando sempre moitas cores, mantenme entretida e ocupada. Habitualmente poño a televisión mentres os fago pero só para facerme compañía porque non me gusta o que botan.
Cales son os seus referentes?
Hai moitos pero miña nai e miña avoa tiveron moita influencia en min en moitos aspectos.
E alleos á familia?
Rosalía de Castro, pero a de verdade, non a imaxe dela que nos venderon, non era ningunha coitada, dixo moito a través das súas obras. E tamén Ernesto Che Guevara, a súa filla estivo na miña casa e estivemos conversando sobre seu pai e a súa loita. 
Cre en Deus?
Non, son atea e apóstata. A miña única relixión é a natureza. 
Que lle gusta dela?
Gústanme moito as árbores, sobre todo as grandes, as centenarias, que viron mil historias diante delas. Cando vexo unha desas sinto a necesidade de abrazala. 

Comentarios