Luz Airado: "O poemario nace coa idea de darlle voz ás mulleres que me rodean"

Tras uns anos presentándose a certames e colaborando noutras publicacións, a poetisa e avogada vilalbesa pasa a ser protagonista co seu primeiro poemario, ‘Instintos’, cun marcado transfondo feminista.
Luz Airado. EP
photo_camera Luz Airado. EP

A casa da cultura de Vilalba acolle hoxe venres, ás 19.00 horas, a presentación de Instintos, a primeira obra da poeta local Luz Airado, que conta co prólogo de Luz Campello e as ilustracións de Viki Rivadulla, unhas colaboracións «que lle dan ao poemario unha fermosura especial», di a autora.

Como se sente ante o seu debut literario de hoxe?

Moi contenta, feliz. Sendo de Vilalba a primeira presentación do poemario quería que fose aquí. Sei que vai ser como facelo en familia, co nerviosismo típico destes actos, pero con moita ilusión.

Como nace Instintos?

A raíz de entrar en contacto coa Nova Poesía Guitirica (NPG) en 2018 e empezar a formar parte da asociación o ano pasado. Tiña un pouco abandonada a poesía e volvín escribir, e os compañeiros dicíanme que ao mellor tiña algo para publicar. Empecei a revisar o que tiña, a darlle forma, a recompilar e a continuar co que tiña ata que tiven este poemario. Elixín a editorial Medulia, pasámosllo, foi ben acollido e aquí está.

Que tipo de poemas recolle?

Son todos feitos a partir do confinamento, cunha temática moi feminista. É unha voz poética que é a das mulleres en xeral, coa idea de dar voz ás mulleres que me rodean: amigas, compañeiras de traballo ou clientas que sofren violencia de xénero.

Como está estruturada?

Ten cinco apartados. Empeza co chamado Tribu, que é un recoñecemento ao matriarcado galego, á dinastía de mulleres que nos foron coidando e abrindo o camiño. Despois falo dende a animalidade como unha muller plena, libre, que se autocoñece, se goza, se disfruta... Tamén toco o tema da maternidade, desde o punto de vista de filla e de nai, pola miña experiencia persoal e compartida con outras nais, e tamén sobre o tratamento deshumanizado do embarazo e a violencia obstétrica. Pola miña profesión, avogada, hai unha pegada fonda de alegato feminista e de chamada á sororidade. E o poemario remata cun regreso á orixe, aos instintos, ao primixenio.

É a súa primeira publicación individual.

Dende moi nova participei en certames e gañei algún premio, e máis recentemente colaborei nas revistas da NPG e Xistral, en poemarios doutros autores ou en obras conxuntas como o manifesto feminista do 25-N editado por Alvarellos.

Pensa sacar á luz novas obras?

Ao non dedicarme a isto nin ter unha profesión máis relacionada coa literatura, cóstame máis, teño pouco tempo. Estou contenta porque me está chegando que a xente está comprando o libro, lendo, opinando... Sentir que é un sentimento compartido é algo que me enche. Agora mesmo si que me dá ganas de publicar outro, pero tempo ao tempo. Non o descarto, pero non está previsto. Polo de agora toca vivir esta experiencia.

Comentarios