Se lle preguntas a un veciño ou veciña de Vilalba cal é o lugar máis emblemático para celebrar o San Xoán na vila, ninguén dubidaría ao contestar. "A praza de San Xoán", asegurarían. De feito, os fanáticos de Sherlock Holmes non tardarían demasiado tempo en adiviñar o porqué do seu nome. Dende hai décadas e aínda hoxe, este pequeno recuncho é o sitio por excelencia para facer as fogueiras.
Antón Gayoso, veciño de Vilalba, recorda moi ben as grandes celebracións que se levaban a cabo aquí. "Había competicións entre barrios para ver quen facía o lume máis alto. A xente recollía leña, pólas de árbores caídos e, incluso, rodas de tractor, que era unha animalada", explica, rememorando como unha vez "romperon os cristais das ventás dos veciños" debido á altura das chamas.
Tito, como o coñecen os máis achegados, sinala que agora todo está máis controlado, grazas ao traballo de Protección Civil ou dos bombeiros. Este integrante do inactivo grupo de rock Los Degenerados coñece moi ben a praza, xa que viviu toda á vida a seu carón, na Rúa Nova, que se coñece como rúa da cucharilla. "Cada vez que paso por aí, a miña cabeza volve aos anos 80. Foi unha grande época, a mellor que viviu Vilalba", afirma. "Todos eramos colegas, había moi bo ambiente, eran tempos de tomar a cunca de viño. Acórdome moito dos que xa non están...", indica nostálxico.
Viño tinto ou branco que se tomaba nas tres tabernas que había na mesma praza: o bodegón -o cal ían reconstruír, pero quedou a medio facer-, a Casa da Paloma e a Taberna do Rato. Só quedan os edificios, pero Antón non esquece todos os momentos vividos nestes locais. "O bodegón tivo un dos primeiros futbolíns de Vilalba. Na Casa da Paloma tomabamos as sopas de allo despois de saír de festa", conta.
O bodegón tivo un dos primeiros futbolíns de Vilalba. Na Casa da Paloma tomabamos as sopas de allo despois de saír de festa"
Os tempos cambian. Agora, a vitalidade da praza non é a mesma. A gran cantidade de cativos que se reunía para xogar ás canicas ou ao fútbol cun par de pedras como porterías non existe, como noutros puntos do mapa. "Non hai neno ningún", confirma Antón. Porén, a historia deste mítico lugar é algo que nunca se poderá borrar da memoria dos que tiveron a sorte de vivila.