O recuncho de Jessica Fernández

Pasarela do Colado de Lamas: o lugar no que voar sobre o Eo

Unha estrutura que atravesa as augas ribeiregas, acochada entre a natureza virxe desta paraxe
A pasarela do Colado de Lamas sobre o río Eo. NOEMI FERNÁNDEZ
photo_camera A pasarela do Colado de Lamas sobre o río Eo. NOEMI FERNÁNDEZ
Localización
A ponte atópase a dous kilómetros do Chao do Pousadoiro, onde hai que cruzar o Eo e coller dirección A Fonsagrada. Ao chegar ao barrio de Lamas, na parroquia de Santa Eulalia de Piquín, os indicadores sinalan o paradoiro da pasarela. Xirando á dereita atópase un aparcadoiro para deixar o coche e baixar 700 metros a pé ata a beira do río. 
Sendeirismo
Polo emprazamento pasa unha ruta de 4,3 quilómetros que comeza na área recreativa do Chao do Pousadoiro e que transcorre á beira do río ata chegar ao Muíño de García. De dificultade media, a senda complétase en pouco máis de dúas horas.
O Muín de García
A 1,5 quilómetros da ponte atópase un muíño construído no ano 1892 que debe o seu nome a José García López, quen o levantou. Alí tamén se encontra o Túnel dos Romanos.

A flora e a fauna enchen Ribeira de Piquín dunha cor e duns sons únicos que a converten nun auténtico paraíso natural, ao que se suman prezados tesouros cargados de historias da veciñanza que se agochan ás beiras do río Eo.

Entre esas xoias está a pasarela do Colado de Lamas. Unha ponte que se move cando se pasa por riba e cuxo vaivén permite sentir algo semellante a alzar o voo sobre as augas do río.

Entorno da pasarela e cauce do río Eo. NOEMI FERNÁNDEZ
Entorno da pasarela e cauce do río Eo. NOEMI FERNÁNDEZ

Pero non foi sempre así, os máis lonxevos recordan as manobras ás que tiñan que recorrer antano para atravesar o Eo.

Esas historias, que a pesar das dificultades se recordan cun sorriso, coñéceas Jessica Fernández, unha veciña do barrio de Esqueira, na parroquia de Navallos, que aínda que viviu certa parte da súa vida en Lugo sente predilección polas terras ribeiregas

Era un cesto o que atravesaba o río antes da construción da ponte. Un cesto enganchado a unha roldana que lles permitía cruzar dunha ladeira a outra. Un sistema mañoso que presentaba certas dificultades cando o cesto quedaba do lado oposto ao que as persoas querían cruzar. "Tiñan que esperar a que alguén pasase por alí, quixese cruzar do outro lado e así lles trouxese o cesto para facer eles o camiño á inversa", conta Jessica grazas ás lembranzas que gardan os seus veciños

Escaleiras e acceso á ponte. NOEMI FERNÁNDEZ
Escaleiras e acceso á ponte. NOEMI FERNÁNDEZ

Décadas despois chegou a construción da ponte colgante, como única solución para cruzar o río Eo, pois por aquel entón non existía ningún outro lugar por onde facelo. Ata que pouco a pouco foron chegando avances en forma de estradas e pontes de formigón. 

A pasarela do Eo resistiu ao paso do tempo e permitiulle a Jessica crear recordos na súa contorna, anécdotas da súa infancia entre as que garda con especial cariño aquelas que protagonizou a súa avoa. "Iamos miña irmá e máis eu coa avoa e ela contaba que como a ponte lle daba medo, primeiro pasaba a ovella e se non caía, pasaba ela", recorda Jessica cun sorriso.

A vinculación desta moza ribeirega á súa terra acentúase pola paz que lle transmiten os paraxes da Ribeira, pola tranquilidade única que lle brinda este municipio. "A ponte é un lugar único, pero como toda a Ribeira en xeral, que vou dicir eu...", confesa Jessica cun ton de complicidade.