O lugar onde o torno volveu xirar

A Aldea Artesá de Fraga é un pequeno enclave da parroquia xermadesa de Cazás que une o turismo rural coa promoción da artesanía e os oficios

Aldea Artesá de Fraga. M.R.
photo_camera Aldea Artesá de Fraga. M.R.

NO VERÁN de 2001, Fernando Vérez e Vicente Ledo visualizaron a organización dunhas xornadas para transmitir todo o relacionado cos torneiros. "Tiñamos a intuición de que pagaba a pena intentar facer o esforzo", asegura Ledo. E non se equivocaron.

Casa da Aldea Artesá de Fraga. M.R.Dezasete anos despois, o Encontro Internacional de Torneiros da Madeira de Galicia é xa un referente neste mundo en toda España e Europa, e incluso fóra, ao contar coa presenza de grandes profesionais como relatores. Esta fin de semana cumpren a súa decimoitava edición, pero para chegar ata aquí houbo moito traballo, moita dedicación e moito corazón para sacar este proxecto cultural adiante.

A orixe de todo foi a Aldea Artesá da Fraga, na parroquia xermadesa de Cazás, a cal rexenta Vicente Ledo. Unha iniciativa que aúna turismo, natureza, artesanía e costumes. "Abrimos en 1999 como restaurante e en xuño de 2000 a casa de turismo rural, conservándose a estrutura orixinal dunha vivenda que ten máis de 200 anos. Dende aquela queremos continuar dentro das liñas que nos marcamos, que é axudar a facer tecido económico, social e cultural na zona", explica.

Casa da Aldea Artesá de Fraga. M.R.Pero Tito, como todo o mundo o coñece, quixo ir máis alá e creou unha ligazón entre isto e a artesanía, e xunto a Fernando Vérez levaron para alí a primeira edición dos encontros de torneiros en novembro de 2001.

"Buscamos aliados, que foron a Consellería de Industria e Aga, que tiña experiencia nos encontros do coiro en Allariz. E seguindo esa estrutura, marcámonos os obxectivos de recuperar do esquecemento un oficio, documentalo e pór en valor esa actividade e espallala. E así empezou todo, con pouca asistencia, pero a valoración resultou moi positiva e decidimos continuar pero cambiando a data a setembro", explica Tito.

A iniciativa foi medrando ata que, na sexta edición, houbo que cambiar a ubicación a Xermade, onde cada edición reúne milleiros de visitantes e inscritos chegados incluso de Inglaterra, Francia, Estados Unidos, Nova Zelandia ou Australia.

Casa de turismo rural en Cazás. M.R.Esperaban tal éxito? "Nunca nos plantexamos iso. Só uns obxectivos para nós acadables, pero nin tempos nin cantidades, porque era un camiño que había que explorar e sabiamos que podía funcionar", afirma.

E o segredo? "A familiaridade. É unha cousa que o resto de encontros do mundo non teñen. E o boca-orella entre profesionais de Europa, que dan boas referencias nosas, provoca que veña xente ata aquí que doutra forma non viría", asegura Tito, que mostra na casa as pezas que lle regalaron distintos relatores dos encontros ao longo dos anos.

Casa da Aldea Artesá de Fraga. M.R.Que o oficio non quede só nas demostracións senón que sexa tamén sustento, que a xente sexa consciente do traballo e a diferenza económica das pezas elaboradas manualmente e as industriais e mostrar as posibilidades didácticas do torneado son metas que se lograron con estas xornadas, quedando aínda pendente "chegar aos rapaces, aos máis novos, aos que poden garantir o futuro".

Así, tamén xurdiron iniciativas paralelas e relacionadas, como crear a exposición itinerante Contornos, para achegala a outras vilas e colexios, ou o Bosque dos Torneiros, na Aldea Artesá da Fraga, creado a partir das árbores autóctonas que trouxo xente de toda a península e as illas que veu aos encontros e en cuxa prantación colaboraron os nenos do colexio de Xermade.

Pero cambiar de ubicación os encontros non fixo que os tornos pararan na Fraga. De feito, Vérez e Ledo, vendo que "a xente quería aprender" a tornear, impulsaron en 2003 uns cursos neste enclave turístico, enfocados a todos os niveis e que aínda hoxe se manteñen, despois do falecemento de Fernando en 2014. "Xurdiron coa idea de complementar os obxectivos dos torneiros, cun ratio de tres persoas por profesor e para darlles os instrumentos e argumentos técnicos para que despois practicaran na casa", recorda Tito, que trata de "seguir este labor".

Casa da Aldea Artesá de Fraga. M.R."Seguimos cos mesmos prezos, intencións e ánimo de 2003. Coa idea de transmitir o que sabes e en base á práctica. A teoría xorde despois", di. E así segue, entre cursos e colaboracións nos encontros, ademais de a través da asociación Obradoiros da Terra Chá, coa que hai uns anos levaron os oficios tradicionais a 36 colexios da provincia.

"O torneado é unha arte moi plástica, atractiva e dinámica. E aos rapaces atráelles moito. Cando veñen nenos ao taller doulles algo que fago, pero que vexan o proceso, porque así, ademais do agasallo, gardan ese recordo", di Tito na súa loita porque o torno non desapareza da memoria.

Comentarios