O lugar onde reina o cabuxo

O local que rexenta José Ángel Maseda no polígono de Muimenta celebra as xornadas deste manxar, feito en forno de pedra e en cocción lenta, ata o vindeiro mes de maio
José Ángel Maseda, con dous pratos de cabrito. S. IGLESIA
photo_camera José Ángel Maseda, con dous pratos de cabrito. S. IGLESIA

Aceite de oliva, un bo albariño, sal, pementa negra e forno de pedra. É todo canto precisan no asador O Cabuxo de Muimenta para facer brillar o produto que lles dá nome e cuxos días grandes están xa aquí.

Durante marzo, abril e maio —todos os días a mediodía, ademais de venres e sábados ás ceas— este local ofrecerá cabrito elaborado en cocción lenta, durante tres horas, e acompañado de patacas á panadeira e ensalada. "Non é fácil darlle co punto, aquí faise máis tirando a pasado, que é como o prefire o cliente", detalla José Ángel Maseda, propietario do establecemento situado no polígono da vila e que en 2022 cumpre 15 anos.

Estas xornadas son, para Maseda, un xeito de recuperarse do baixón da pandemia e achegar o produto, "preferido entre a xente maior", tamén aos novos. "Moitos rapaces veñen sen nunca ter probado o cabrito e descobren que lles gusta", engade o hostaleiro, que recomenda encargar previamente este prato, ben para levar para a casa ou ben para degustar no local. "Iso é o ideal, que o cabrito espere no forno ao comensal", apunta Maseda, ademais de detallar que procede da granxa Cabuxas da Noca, de Prevesos.

O cabrito require de tres horas de cocción no forno de leña e vai acompañado de patacas ao estilo panadeira e ensalada

Cabuxo, pan e forno de leña foron desde as orixes deste asador os seus sinais de identidade que continúan a día de hoxe, cada vez máis afianzadas e ás que se suman propostas como as empanadas de liscos ou as pizzas de masa caseira, entre as que destacan a Muimenta ou a Cabuxo e ás que acaban de incorporar a de polbo e a de churrasco con salchichas.

Logo de 15 anos, José Ángel Maseda non deixa de mostrar a súa gratitude ao seu equipo co que traballa man a man —Patri, Mari Carmen, Nerea e Hermelinda— e mostra a súa preocupación por un hándicap que fai extensible a todo o sector hosteleiro, a falta de persoal. Pese a iso, O Cabuxo non deixará de celebrar tan especial aniversario e, ademais das xornadas do cabrito, tamén prevé organizar actuacións en directo e ata ampliar o forno, "para que teña máis capacidade".

Actualmente, traballa a pleno rendemento cocendo unha fornada de pan diaria que chega a dúas os domingos, "unha para o local e outra para a xente que vén por el", engade.

Comentarios