Luar na Lubre será un dos pratos fortes da Romaxe Artesá da Chaira

A cita, que se celebra este sábado na área recreativa da Veiga, en Muras, ofrece varios obradoiros, artesanía, xogos tradicionais, venda de produtos e moita música
Cristina Franco e Manuel Requeijo, na Veiga. EP
photo_camera Cristina Franco e Manuel Requeijo, na Veiga. EP

A actuación de Luar na Lubre, que presentará o seu último traballo, Vieras e vieiros, historias de peregrinos, será un dos grandes atractivos da VII Romaxe Artesá da Chaira, que se celebrará este sábado, día 27, na área recreativa da Veiga, en Muras, e que ofrecerá un amplísimo programa de actividades durante toda a xornada festiva.

Esta arrincará ás 11.00 horas coa apertura do recinto feiral, no que os artesáns chegados dende distintos puntos de Galicia mostrarán os seus traballos ás ducias de curiosos e veciños que visiten a carpa central.

Unha das artesás máis recoñecidas a todos os niveis, a zoqueira Elena Ferro, será a encargada de impartir, a partir das 11.30 horas, a charla Dignificar un oficio, na que trasladará aos presentes a súa propia experiencia persoal.

A xornada de mañá completarase co concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona, ás 13.00 horas, ao que lle seguirá a actuación itinerante Louband.

Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas, está previsto que Bea Valín imparta un obradoiro de iniciación á cestería, e media hora despois, Imavi ofrecerá outro sobre pezas cerámicas con engobes e elementos naturais. Para estas actividades será necesario anotarse. Na primera delas haberá un máximo de oito prazas, e no segundo poderán participar seis persoas cada media hora, cun máximo de 18 asistentes.

Artefeito Producións presentará en Muras o seu espectáculo Circando, ás 17.30 horas, e sobre as 18.45, Lupe Blanco dirixirá o taller Os segredos da regueifa, ao que se poderán sumarse medio cento de persoas independentemente da idade.

A música volverá tomar un papel protagonista durante a entrada da noite cos concertos de Caamaño&Ameixeiras, que mostrará temas do seu traballo Aire!, e o de Luar na Lubre, previstos para as 20.00 e 21.15 horas, respectivamente.

A todo isto sumaranse exhibicións en vivo, como as da sombrereira artesanal Julia Vilariño ou a de José Rodil, un artesán e ferreiro especialista na fabricación de navallas de Taramundi, e os xogos tradicionais, que nesta nova edición chegarán da man de Xotramu de Muimenta.

"Cada ano imos perfeccionando e mellorando o programa dunha feira que naceu para darlle visibilidade á artesanía da zona e que co paso dos anos foi medrando ata converterse nunha gran festa da cultura e da tradición galega", explica a concelleira, Cristina Franco, desexosa de que a Romaxe Artesá da Chaira sume un novo éxito.

Retratos do século XIX
Unha das principais novidades da sétima edición da Romaxe Artesá da Chaira, que organiza o Concello de Muras coa colaboración da Deputación e da Asociación de Obradoiros Artesáns da Terra Chá, será a proposta que presente Lab on Wheels, que ofrecerá a posibilidade de facer retratos coma os do século XIX.
Técnica
O proceso artesanal que utilizan recibe o nome de "colodión hímedo" e consiste en facer unha fotografía formada de prata pura sobre unha placa de aluminio ou cristal. Unha forma ideal de manter no tempo un recordo especial do que se poden coñecer máis detalles na web labonwheels.info/.
 

Comentarios