Lúa Ribeira: "Estar en Magnum require moito sacrificio, pero é o que máis me gusta"

A fotógrafa pontesa vén de estrear unha exposición en solitario en San Sebastián e de publicar o seu segundo traballo editorial. E ten a mirada posta en xuño, cando presentará a súa candidatura para ser membro de pleno dereito na prestixiosa axencia
Lúa Ribeira, fotógrafa pontesa. XAVIER GÓMEZ
photo_camera Lúa Ribeira, fotógrafa pontesa. XAVIER GÓMEZ

Como vive este momento doce?
A inauguración é un momento alegre sobre todo porque é un encontro de colegas, amigos, familia e tamén das persoas que colaboraron no traballo. Pero tamén deixa un certo baleiro. Despois de ter traballado para producir a exposición e o libro, cando remata, hai certa sensación de desconcerto.

Tanto o volume como a mostra forman parte de cinco traballos que realizou entre 2016 e 2020. Que nexo de unión hai entre eles?
Son proxectos que pertencen a unha etapa de desenvolvemento e busca común no meu traballo. Todos tratan temas complexos, relacionados con grupos ou persoas que dalgún xeito experimentan certa exclusión. Son traballos que teñen unha motivación política de achegamento, de buscar un novo xeito de relacionarme eu con certas limitacións que se senten como impostas. Pero tamén son proxectos que logo se tornan, a través da propia experiencia do traballo, en algo moito máis incerto, menos resolto, máis poético se cadra e cunha coherencia formal que se foi dando nas imaxes.

É entón unha motivación máis política que fotográfica?
Si, dende o comezo. O traballo ‘Aristócratas’, realizado con EVD —www.evdgalicia.com— ou os feitos nas fronteiras de Melilla ou Tijuana veñen dun interese persoal e político de tomar certa posición de achegamento, de cuestionamento de certos constructos que definen como nos relacionamos con certos temas. A necesidade de explorar un pouco eses temores e de que están feitos. 

Algúns dos meus traballos teñen unha motivación política, de cuestionamento de certos constructos

Á hora de crear as imaxes, fixo un uso intencionado da teatralización. Con que propósito?
A teatralización ou certas dinámicas que ás veces xorden cando traballo e que tamén foron, dun xeito bastante instintivo marcando o meu xeito de traballar, non son métodos ben definidos, máis ben espontáneos. Trátase dun xeito de implicarme eu nas imaxes, de xogar, de buscar maneiras de encontro. Para min está relacionado coa busca de imaxes verdadeiras moi lonxe da idea de ficción que moitas veces me comentan.

Como definiría a mostra? Ata cando se poderá visitar?
Como un percorrido por esa ‘Subida ao ceo’ —nome dun dos traballos presentes na mostra—. A intención é que a xente se sinta libre para relacionarse con imaxes que non ilustran un concepto literal, senón que expresan por si mesmas con toda a ambigüidade. A mostra está ata xullo. 

E o libro, que vén acompañado por un ensaio de Carlos Skliar, onde se pode atopar?
O xeito máis fácil en Galicia sería Dispara.com ou Dalpine.com. Son envíos nacionais e rápidos. En Vigo está na tenda de Marco.

É o seu segundo traballo editorial. Que supón para un fotógrafo ver as súas creacións en papel?
Un gusto. Toma outro corpo e a sensación de ir pechando certas etapas.

A intención da mostra é que a xente se sinta libre para relacionarse con imaxes que non ilustran un concepto literal

En que outros proxectos está inmersa?
Estou traballando sobre Galicia e tamén noutro proxecto novo que se chama ‘Agony in the garden’, relacionado co tema das xeracións que naceron a finais dos 90 en adiante. Tratar de explorar un pouco o seu entendemento no mundo e noción de futuro. É unha etapa histórica peculiar e gustariame traballar sobre ela. 

Ademais de adicarse á fotografía, tamén está vinculada ao ámbito educativo. Que é o que máis lle gusta da formación?
A miña aprendizaxe nesas dinámicas que se xeran nos grupos. Sobre todo gústame traballar en obradoiros, tempos curtos de certa intensidade, donde se dan momentos moi fermosos. Tamén me gusta moito traballar con persoas que non están vencelladas á fotografía profesionalmente.

Fai xa dous anos e medio que se converteu na primeira galega e a terceira muller española en ingresar na prestixiosa axencia Magnum. Que balance fai?
Positivo, require moito sacrificio, pero estou facendo o que máis me gusta.

Estou traballando sobre Galicia e noutro proxecto relacionado coas xeracións que naceron a finais dos 90 en adiante

Dende que se converteu en membro asociado iniciábase outro período de dous anos para que a organización a declarase como membro de pleno dereito. En que punto está o proceso?
En xuño presentareime para ser membro de pleno dereito. É un proceso de votación democrático, xa que se trata dunha cooperativa.

Que outras metas ou obxectivos ten en mente?
Agora mesmo teño que presentar o libro coa editorial Dalpine e intentar que teña o maior alcance posible.

Comentarios