viernes. 24.09.2021 |
El tiempo
viernes. 24.09.2021
El tiempo

Lousada acolle unha andaina e a presentación dunha guía e un libro de Pepa A Loba

2021072512534898049
Antonio Riveira presenta a guía da Ruta do Batán de Folgoso. C. ARIAS
A organización foi do colectivo xermadés Roteiros da Carba 

Entre patrimonio e letras, historia e lendas, pasado e presente, a asociación xermadesa Roteiros da Carba organizou onte a oitava Xornada Etnográfica por Lousada, que incluíu unha camiñata pola Ruta do Batán de Folgoso e a presentación de dúas publicacións.

A xornada comezou seguindo os pasos de Pepa A Loba, na Abelleira, na vella pousada onde supostamente viviu e morreu a bandoleira galega máis afamada. E xusto alí o escritor vilalbés Vicente Piñeiro presentou o libro 'Pepa A Loba, de pastora de ovellas a bandoleira', unha novela que parte da lenda para contar unha historia que podería ser desta célebre bandoleira ou dalgunha outra.

"É unha emoción grande presentar aquí o libro. Se efectivamente esta foi a casa de Pepa A Loba, onde se refuxiou cos seus bandoleiros, onde viviu...", explicaba Vicente Piñeiro, que ten escritos varios guións sobre unha personaxe "case mítica" e inluso unha obra de teatro, que hai anos estreou o Centro Dramático Vilalbés na capital chairega.

"O lector vaise atopar no libro poesías, romances e unha historia bonita que fala de bandoleiros", aseguraba o autor, mentres falaba dunha protagonista arredor da que "hai moitas lendas e moi pouca información histórica documentada". E facíao fronte aos muros desa antiga pousada que se mantén en pé, cos seus segredos e o seu pasado.

A xornada etnográfica deixou atrás a Pepa A Loba para adentrarse noutro pasado, o dos muíños, as fábricas de luz e o batán de Folgoso, da man de Antonio Riveira, o presidente do colectivo Roteiros da Carba, unha entidade que traballa por «descubrir, enxalzar e preservar» un espazo "que representa un entorno singular de beleza que nos brinda unha maxistral lección de etnografía, historia e antropoloxía, cuxas pegadas se conservan ao longo do tempo, semellando que voltamos á vida dous séculos atrás".

"Este recuncho da terra está gardando a historia para que a volvamos atopar", dixo o presidente da entidade, antes de dar comenzo á andaina e de presentar unha guía que acaban de editar sobre a Ruta do Batán de Folgoso, que inclúe información sobre o entorno, fotografías ou incluso un plano do trazado.

Dende o colectivo loitan por conseguir crear un centro de interpretación en Folgoso e o Concello de Xermade, coa súa colaboración, xa realizou obras para rehabilitar os distintos elementos. En total, investíronse preto de 800.000 euros en dúas anualidades para renovar as cubertas das plantas da luz de Orxás e Folgoso, dos muíño de Orxás e Folgoso e do batán, onde se rehabilitou unha noria. "O obxectivo agora sería recuperalo, facer que funcionase", dixeron, mentres volveron camiñar para manter vivo o pasado.

Lousada acolle unha andaina e a presentación dunha guía e un libro...
Comentarios