Lolo Castro: "Aquí temos a tendencia de non valorar as cousas ata que as perdemos, fóra non pasa"

Un clásico no Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, o pontés repetirá como relator esta fin de semana 
Lolo Castro 1
photo_camera Lolo Castro. MARTA MACEBO

O PONTÉS Lolo Castro, que recibiu en 2018 o Premio Artesanía da Xunta de Galicia pola súa traxectoria de máis de cinco décadas vencellado ao mundo do torno, será de novo un dos relatores do Encontro Internacional de Torneiros da Madeira que se celebrará esta fin de semana, os días 17, 18 e 19, no pavillón municipal de Xermade. A cita, á que Castro só fallou nunha das súas 21 edicións, recupera a presencialidade despois dun ano de parón pola pandemia.

De onde lle vén a súa profesión?

Aquí en Galicia era unha zona moi tradicional. Xa en 1700 e pico había nas Pontes unha vintena de torneiros que facían escobillas de madeira. Daquela utilizábase para todo tipo de pezas que se usaban na casa. Na nosa familia, sobre 1900, xa hai indicios de que tamén se dedicaban a este oficio. Meu avó montou un torno na aldea e despois seguiu meu pai. Tiñan na casa muíño e planta eléctrica, así que utilizaban o muíño para moer pero tamén para tornear.

Cando tivo o seu primeiro contacto co torno?

Tería 13 anos. Aínda que meu pai me criou xa no medio das 'virutas', facíame alí un niño con elas cando era pequeno (ri). De dez irmáns que fomos, os cinco maiores sabemos tornear, pero só dous, eu e máis Tito, quedámonos no negocio da madeira.

Onde vendían aqueles primeiros produtos que elaboraban de maneira artesanal?

Como as pezas que tradicionalmente se usaban tiñan demanda e saída, iamos ás feiras. Despois cando a xente do campo empezou a emigrar e marchar para as cidades, foi en decadencia ese uso. E nós, os fillos de Severiano, xa con el, empezamos a modificar o sistema de torneado, transformándoo máis en pezas decorativas, e así seguimos.

Que anécdotas conserva da época das feiras?

Meu pai asistía a moitas feiras tradicionais por toda a rexión e, cando empezamos xa a derivar nesas pezas máis decorativas, entablou amizade con Cunqueiro. Eran os dous parlanchíns, e sempre lle encargaba que lle levase copas de teixo de tamaño grande porque as tiña na casa para cando había invitados. Dáballes de broma o coñac nesas copas xigantes de teixo (ri).

A que feiras adoitaban ir?

Á San Lucas a Mondoñedo e ao San Froilán a Lugo. E no mes de agosto, nos últimos anos, aproveitabamos a visita que facía Franco á Coruña durante 15 días. Desprazábanse moitos madrileños naquelas datas, poñiámonos na Rúa Real para amosar o material e vendíase moi ben.

De que maneira considera que evolucionou este oficio?

Sufriu un cambio xeracional que modificou os usos e costumes deste tipo de traballos tradicionais. Agora non se vive deste oficio como antes, agás excepcións. Hai que adaptarse e seguir innovando e facendo cousas de madeira para non perder as raíces.

Hai unhas cualidades específicas para ser un bo torneiro?

Moitas. Un pode formarse, pero creo que un bo torneiro nace coa persoa. De 100 que practican, salen poucos que sexan realmente torneiros. Hai moita afección, a ver o que vén máis adiante. Esa é unha das cuestións máis problemáticas.

Hai cambio xeracional neste sector?

Está a cousa complicada. Os oficios tradicionalmente artesanos eran utilitarios todos e agora son máis decorativos e unha forma de folclore, de manter e conservar eses costumes e esa cultura, máis que unha forma de vida. Amigos da Madeira sempre o pon de referente a nivel europeo pero tamén como exemplo de que se pode vivir desta profesión.

Como o fan dende Adera? Traballan de xeito industrial e artesanal?

Levamos case 40 anos coa empresa. Tivemos que industrializar e facer o que demanda o mercado. Porén, dentro disto conservamos as raíces e a forma de traballar artesanalmente.

Que produtos teñen actualmente máis saída?

Todo o que sexa utilitario para casa e sobre todo o decorativo, para tendas do grupo Inditex.

Nalgunha época facían ata bates de béisbol para Estados Unidos.

Si, foi unha anécdota dentro deste percorrido de catro décadas. Encargaron e faciamos, simplemente. Era un traballo como calquera dos outros.

A onde exportan os produtos?

Estamos traballando para todo o territorio. Alí onde demandan, alí producimos.

Que importancia cre que ten o Encontro Internacional de Torneiros da Madeira de Xermade para conservar este oficio?

Moita. Este evento é un recoñecemento aos torneiros tradicionais e unha forma de captar novas xeracións que poidan seguir a tradición, se non perderíase. E está dando resultado, porque como dicía hai moita afección e vai saíndo xente moi valiosa para este traballo. Un deles, por exemplo, é Adrián Pena, outro dos relatores que participará neste encontro.

E vostede estará de novo. Estivo presente en todas as edicións?

Só fallei unha. Dende os comezos, con Vicente Ledo e Fernando Vérez. Precisamente agora, o que facemos tamén ten algo de homenaxe hacia Fernando, non porque non estea aquí, senón porque era un exemplo a seguir do que hai que facer para poder preservar este oficio.

Que é o que máis lle gusta destes encontros?

Gústame todo. É como un bo caldo galego, ten que ter todos os elementos para que saía como ten que saír. E aquí pasa un pouco o mesmo. É unha xuntanza de culturas diferentes, pero o fin é o mesmo: ensinar e aprender.

Fixo moitas demostracións en Xermade, pero tamén tivo ocasión de facelas fóra. Valórase máis o oficio lonxe das nosas fronteiras?

Fun xa catro veces a Francia. Hai unha diferenza enorme. Valórase moito máis fóra. Aquí temos a tendencia de non valorar as cousas que temos ata que as perdemos. E fóra non pasa isto. 

"Todas as pezas son especiais, por ser únicas e diferentes"
Se non escollese este oficio, a que lle gustaría terse dedicado na vida?
Nunca mo planteei. En realidade para arrancar o negocio tivemos que facer de todo. De muiñeiros, labradores, torneiros, camioneiros...
Un referente no mundo do torno?
Meu pai e un irmán del, Gervasio, era un grandísimo torneiro, dos que máis admiraba.
Unha madeira?
Todas son diferentes pero teñen as súas cualidades. Segundo para o que sexa a madeira, así hai que escollela.
E unha peza? Todas son especiais por ser únicas e diferentes. Ese é un dos méritos do torneado artesanal.
Ten afeccións lonxe das labras?
Gústame a restauración. Estou agora cun hórreo da casa do meu bisavó en San Mamede. E tamén a horticultura e a agricultura.

Comentarios