sábado. 05.12.2020 |
El tiempo
sábado. 05.12.2020
El tiempo

A loita contra o virus, na rúa

Estrella Naseiro. EP
Estrella Naseiro. EP
A vilalbesa Estrella Naseiro rescata os seus personaxes de 'Mellor na casa' para unha segunda entrega na que obxectos cotiáns collen vida e ensinan como facer fronte ao covid-19

En canto puideron, Superxabón e os seus colegas de Mellor na casa, o libro de ilustracións infantil da vilalbesa Estrella Naseiro, tamén tomaron as rúas logo de meses encerrados no seu fogar, pero, iso si, "tomando tódalas precaucións contra o coronavirus", indica a súa creadora en referencia á máscara coa que locen todos en Mellor con sentidiño: o protagonista, dona Cafeteira, don Platón, a toalla Rosiña, o brócoli don Cociño, o equipo dos Zanahorios...

"Ningún está inspirado en personaxes reais", asegura Estrella, que recoñece que a súa andaina literaria comezou froito da casualidade: "Antes non os vía, e desde o confinamento véxoos". E é que os obxectos cotiáns adquiriron unha dimensión diferente e, aínda que na primeira entrega relataban as súas aventuras baixo teito, agora fano no exterior, tratando de trasladarlle aos lectores a mellor maneira de manter afastado o covid-19.

A autora de 'Mellor con sentidiño' asegura que aínda que pode parecer un libro infantil, é para ler en familia e crear conversas

"Pode parecer que é para os nenos, pero é un libro para ler en familia e crear conversas, creo que é máis didáctico có primeiro", asegura a artista vilalbesa, ao tempo que engade que as experiencias que narra nas páxinas de Mellor con sentidiño, en pequenas doses de texto, e as localizacións escollidas para facer de telón de fondo, coma o Hula, a praia de Riazor, a Praza da Constitución ou a área da Magdalena, poden servir de xerme para iniciar eses diálogos entre pais e fillos.

E os que xa tiveron a oportunidade de ler o regreso de Superxabón e os seus, trasladáronlle á súa creadora a noraboa por un traballo que se poderá ler proximamente na páxina de Facebook Mellor na casa, onde están publicadas algunhas escenas do novo libro, ao que aínda lle queda moito percorrido por diante.

"Algúns personaxes están listos para unha terceira entrega", adianta Estrella Naseiro. "A realidade é a que é, estamos nunha situación delicada, pero con eles tamén se pasa un momento entretido e, se a vida segue, eles tamén", conclúe unha muller cuxa imaxinación non coñece de límites. 

A loita contra o virus, na rúa
Comentarios