En loita contra as mimosas e os plumeiros

O Observatorio de Especies Exóticas Invasoras da Terra Chá nacía hai tres anos co obxectivo de erradicar as plantas foráneas a través de accións propias e de labores de concienciación
A Oenothera glazioviana, coñecida como onagra, prolifera sobre todo nas beiras das pistas. C.PÉREZ
photo_camera A Oenothera glazioviana, coñecida como onagra, prolifera sobre todo nas beiras das pistas. C.PÉREZ

A Asociación Galega de Custodia do Territorio creou en 2018 o Observatorio de Especies Exóticas Invasoras (EEI) da Terra Chá, "co obxectivo de facer un seguimento das poboacións, detectar o máis rápido posible a presenza de novas especies ou novas poboacións e ofrecer información detallada e actualizada sobre estas ás administracións con competencias no territorio", explican.

A entidade nacía ao amparo do proxecto Adaptando que es gerundio. Preparando la reserva de la biosfera Terras do Miño para el cambio climático, financiado pola Fundación Biodiversidad e a Deputación de Lugo, e unha das súas primeiras actuacións foi a creación dunha ferramenta dixital, na plataforma iNaturalist, para que calquera poida colaborar na recollida de datos destas especies co seu móbil ou tablet.

Así, no tempo que leva operativa, xa se subiron preto de 400 observacións de 26 especies diferentes, tanto de flora coma de fauna, entre as que destacan a presenza de plumeiros, mimosas, yucas, onagras ou chispas, entre as plantas, e de velutinas ou langostinos americanos, entre os animais. Estas e outras son consideradas invasoras pola súa orixe foránea e pola súa capacidade de propagación, que pode chegar a afectar ás variedades autóctonas, alterando os seus hábitats.

A entidade xa levou a cabo charlas, buzoneos e campañas de retirada de invasoras, actividades ás que quere dar continuidade

Por iso, dende o observatorio, ademais de documentar a existencia das EEI, traballan para acadar a súa erradicación, a través de diversas actividades divulgativas e de concienciación, a desenvolver en colaboración coas administracións. 

Entre 2018 e 2020, promoveron a eliminación de focos de mimosas ou de plumeiros en parcelas de particulares e en camiños, dun de crocosmia en Begonte e doutro de mimosas nos Sete Muíños de Guitiriz. Ademais, neste último municipio impartironse algunhas charlas para os veciños e levouse a cabo un buzoneo dunha folla con información sobre invasoras máis comúns, unha iniciativa que queren levar a outros concellos.

E aínda que a pandemia dificultou o seu labor, a idea é "seguir traballando cos concellos da Terra Chá e coa Deputación de Lugo para ir avanzando na difusións da problemática e propoñendo accións de erradicación de determinadas poboacións".

Comentarios