A loita por manter a memoria

O acto para recordar aos Irmáns da Lexía, organizado en Guitiriz por Xermolos e Riazor Blues, xunto a outros colectivos, avoga por non esquecer "a todos os que aínda están nas cunetas"
Persoas presentes no acto celebrado en Santa Mariña. C.ARIAS
photo_camera Persoas presentes no acto celebrado en Santa Mariña. C.ARIAS

A situación sanitaria actual obriga a facer cambios e a anular actos, pero hai algúns que resisten, aínda que só sexa na súa esencia. Sen partidos de fútbol ou xantar popular, como nas anteriores edicións, o III Memorial Irmáns da Lexía non quixo esquecer e volveu encher de reivindicacións e dignidades a parroquia de Santa Mariña de Guitiriz cunha ofrenda floral no monolito que recorda a France, Bébel e Jaurés, que foron apresados alí en 1936 e posteriormente paseados na Coruña.

Nun pequeno acto, organizado por Xermolos e os Riazor Blues, xunto a outros colectivos como a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, a peña guitiricense Bébel ou Causa Galiza, os presentes avogaron por manter viva a memoria e por non esquecer, non só aos Irmáns da Lexía, senon "a todos os que aínda están nas cunetas".

O coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco, que abriu o acto, falou das "vítimas da barbarie" como "un facho aceso" e foi o encargado de poñer voz a Selva García, filla de Pepín, o irmán maior dos homenaxeados, exiliado a Arxentina, porque este ano ela non puido estar presente: "Díxome que vos transmitise o seu saúdo e prometeu que se é posible se achegará algún día".

O escritor Mero Iglesias sumouse á voz de Alfonso Blanco e incidiu en que "segue a haber centos de persoas cuneteadas, que están en calquera sitio e que non sabemos nin o nome nin o lugar, que necesitan que a nosa memoria colectiva sexa forte". E moitos despois fixeron o mesmo, lanzando críticas "ao fascismo moderno", falando de República ou dignificando o legado de vítimas como os Irmáns da Lexía.

Tras as intervencións, os asistentes realizaron outra ofrenda floral no monolito na súa memoria que deseñou Valdi, que tamén estivo presente nos actos.

O terceiro memorial dos Irmáns da Lexía forma parte do programa do XLI Festival de Pardiñas, que este ano cambiou de formato para ofrecer un mes de propostas.

ACTOS. O próximo sábado será a quenda da terceira edición do Urban Witiricus, con obradoiros de graffittis, parkour, cine e concertos. Tamén está programado o espectáculo infantil "Muu: Crunch!" e a entrega de premios do XLI Certame Terra Chá de Literatura e Debuxo Infantil e Xuvenil. O domingo está prevista unha homenaxe a Carballo Calero.

O último fin de semana de agosto está programada o sábado unha homenaxe aos artesáns de Pardiñas, coa presentación do Caderno sobre Ramón Villar e os libros Palleta maldita, de Sito Carracedo, e Ferreñas e Rock and Roll, de Laura Romero. Ademais o domingo haberá unha xornada sobre o Camiño Norte ou da Cova da Serpe e Xavier Varela presentará o cómic Lendas do peregrino de Xavier Varela. Tamén haberá unha actuación de Sons de Aldea.

Comentarios