Lunes. 10.12.2018 |
El tiempo
Lunes. 10.12.2018
El tiempo

Lois Pérez: "Sinto certa simpatía polos que roubaron o busto de Fraga"

Lois Pérez. ALBA DÍAZ
Lois Pérez. ALBA DÍAZ

Lois Pérez é de Lugo, pero as súas raíces están nunha Terra Chá con moita presenza nas historias que lle gusta contar, algunas a través das ondas, outras nas aulas, e moitas por escrito, mesmo en forma de versos, coma os de 'LP' (Emerxente, 2013) ou 'Long Play' (Xerais, 2017). Da man do Iescha, presentou esta obra en Vilalba, a onde volverá o 11 de maio para una das súas contadas

Vén de presentar Long Play en Vilalba, que vai atopar o lector neste poemario?

Algún talvez non encontre nada, nese caso detestará ao tipo da foto da portada. As almas sensíbeis e rebeldes encontrarán o que eu son: linguaxe directa, humor, surrealismo, banda deseñada, rock and roll... Full for love.

De onde xorde?

Xorde de querer plasmar con sinxeleza impresións e outros pensamentos máis profundos, sen chegar a afogar neles. Debemos contar o que pasou. A intrahistoria.

Como está a ser a acollida do libro, que xa vai pola segunda edición?

O libro parece que se foi vendendo ben, pero o difícil vén agora: que colla sitio fixo na mesiña de noite, non pra acender a grella do churrasco o domingo.

O libro xorde de querer plasmar con sinxeleza impesións e outros pensamentos máis profundos

De tres obras, este é o seu segundo poemario, os versos axudan a expresar mellor o que quere?
Non necesariamente, foi o que saíu agora, pero aspiro a que o mellor estea por chegar, xa sexa actuando ou escribindo unha boa novela, máis pronto ca tarde. Noblesse obligue.

Volverá a Vilalba o 11 de maio, de novo da man do Iescha, para contar historias, ten xa unha idea do que lle gustaría falar?

Si, supoño que falarei da quinta edición do 'Long Play' de Xerais e da emoción de recibir o Premio Nobel, pero non quero anticipar tantos detalles; falarei dunha pintada da Piringalla, o meu barrio: vacas, canutos, Bob Dylan.

Ten raíces chairegas, con que se queda desta comarca? Que peso teñen os contos de lareira da súa avoa nose seus monólogos?

Co pobo traballador e democrático, culto e festeiro da Terra Cha; co chairego, a lingua universal que fundou Paco Martín na boca de Ramón Lamote. Sinto certa simpatía tamén polos que roubaron o busto de Fraga. Miña avoa, meus avós, lévanme contado moitas cousas, e síntome afortunado por gozar da súa influenza.

Quedo co pobo traballador e democrático, culto e festeiro da Terra Chá e con 'chairego', a lingua universal que fundou Paco Martín

Á hora de subirse a un escenario, hai un guión pechado ou deixa oco para a improvisación?

O ideal é levar as cousas ben olvidadiñas da casa para despois poder abandonarse ao que apareza no momento. Iso é o bonito. E iso, é coma o swing: ou o tes ou non o tes. Eu téñoo (debo pensar que si).

Sabe a reacción que pode esperar nada máis ver o público ou leva sorpresas?

Ao público hai que lle ter sempre o máximo respecto, sempre. Enfrontar as contadas con humildade, boa disposición e reflexos (pra esquivar os obxectos que poidan caer ao palco). Sempre leva un sorpresas, normalmente agradábeis. En San Cibrao falei de Schwob e un fulano saltou: "Si, Xove, eu son de Xove, que carallo pasa!"

Ten unha axenda apretada, hoxe participa no acto inaugural do Festival Internacional Atlántica 2018 de narración oral, en que consistirá a súa achega?

Eu levarei unhas empanadas ao Teatro Principal. Amais, consistirá en contar e facerllo pasar ben ao público, que a nosa directora Sole Felloza se sinta orgullosa de me ter levado, e escoitala a ela, ao Quico, ao Celso, á Paula, ao Cándido... Un momento para os afectos e o goce da palabra.

Unha mirada 'ecolóxica' das linguas implica favorecer e promover a que está minorizada. Alguén pensa en serio que vai desaparecer o castelán

A difusión da tradición oral é un dos seus sinais de identidade, canto se perdeu e que habería que facer para mellorar a súa conservación?

Supoño que habería que tirar os televisores pola fiestra e facer cumprir a Lei do Libro e da Lectura de 2006. As africanas din que cando morre unha anciá arde unha biblioteca, non lles falta razón, tendo en conta que aquí xa arde o monte a maiores tamén. E xa de paso, igual era bo que votásemos con algo máis de xeito.

Como cre que anda de saúde o galego?

Estamos nun proceso de substitución lingüística, onde a xente que goberna non o fala, por tanto é difícil corrixir esta situación. A xente debe razoar e entender que unha mirada ecolóxica das linguas implica favorecer e promover máis a lingua que está minorizada. Alguén pensa en serio que vai desaparecer o castelán? Ademais temos aos starship troopers de Galicia Bilingüe, que problema hai?

Algún outro proxecto a curto prazo que poida adiantar?

Vou ir recitar canda a Yolanda Castaño e o Frank Báez (estrela da nova poesía latinoamericana) a media hora de aquí, no Centro Ágora da Coruña, o vindeiro luns 19 de marzo. Avisai á xente e vide. E algunhas cousiñas que non podemos desvelar aínda. Un churrasco logo de contar en Compostela.

A chave para a nosa pervivencia como pobo, como lingua, é a curiosidade dunha crianza polo mundo que a rodea

É mestre, que leva á aula do seu personaxe público?

Tento compartir con naturalidade o que son coas meniñas e cos meniños, a paixón polo que me gusta: que é a música, os libros, os contos... Penso que na escola debemos ser xenerosas e ofrecérmonos tal como somos. A chave para a nosa pervivencia como pobo, como lingua é a curiosidade dunha crianza polo mundo que a rodea. Un mestre debe ter curiosidade e ilusión por aprender e saber facerlla sentir aos meniños. E aprender a querer. All you need is love.

De preto
Un recuncho da Chaira?
Xermar, Momán, Roás...O río. O meu triángulo das Bermudas da infancia. Adorei perderme polos carreiros e ir na bicicleta ver as antenas que puxeran os nazis. E chorar cando tiraban os fuegos.
Un lugar para desconectar?
A Illa de Arousa, San Cibrao, Begonte, o sofá da miña casa, O Palmar andaluz...
Unha fonte de inspiración?
A Alba e o Loisiño. A dor, a inxustiza, o tempo que se nos vai. Baldo Pestana.
Un autor de referencia?
Darío Xohán Cabana. Anne Marie Morris.
Unha obra imprescindible?
'Si esto es un hombre', de Primo Levi.
Un escenario?
O do Teatro Federico García Lorca en Lima, Perú.
Unha canción?
'Terra Cha, Cha, Cha', de Radio Océano; 'Once upon a time a Terra Cha', de Ataque Escampe.
Unha crítica que o marcase?
A de Leo Bassi, atrás dun escenario: "Non te obsesiones en ter que dicir o que moita xente quere escoitar; céntrate só en que a xente teña que escoitar o que ti queres dicir".
Quedar en branco é...
Bonito, porque así podes contar que en galego e portugués é branco, en francés branc, en italiano bianco, e en inglés black, porque inicialmente describía a ausencia de cor, e despois xa te acordas do que querías contar.
Toca moitos paus, sería quen de escoller un?
Si, destacaría con modestia a miña facilidade pra comer patacas.
Todo ten que ser LP?
Non. Tamén pode ser Long Play. É un bo título, alomenos para os próximos libros.

 

Lois Pérez: "Sinto certa simpatía polos que roubaron o busto de Fraga"
Comentarios