sábado. 28.03.2020 |
El tiempo
sábado. 28.03.2020
El tiempo

Rodríguez Ónega: "Seguirei sendo alcalde ata que me toque vir para a residencia"

Lino Rodríguez Ónega. AEP
Lino Rodríguez Ónega. AEP

O alcalde de Pol revalidou nas municipais a súa ampla maioría

Lino Rodríguez Ónega revalidou nos pasados comicios municipais a súa ampla maioría para seguir sendo alcande de Pol, chegando de novo aos sete concelleiros, fronte aos dous que se reparten o PP e o BNG. 

Que retos ten por diante? 
O obxectivo é cumprir con todos os proxectos do noso programa. É moi importante acabar de levar a auga e terminar o arranxo das pistas de acceso ás vivendas e explotacións. Ademais, imos cambiar todas as luminarias, o que conlevará un gran aforro enerxético. 

Algún outro proxecto en mente? 
Queremos empezar no mes de xullo a construción dunha área de xogos tradicionais na zona das piscinas, onde se mellorará o acceso ás mesmas. Rehabilitar a igrexa de Caraño e restaurar a reitoral de Suegos son outros dos proxectos para estes catro anos. 

No pasado mandato estreouse como deputado. Que balance fai? 
Ten unha parte positiva e outra negativa. Por un lado estou contento porque puidemos continuar co proxecto do centro de recría da Granxa Gayoso e asinar un convenio coa universidade, pero quedaron outras iniciativas que non puideron saír adiante polos atrancos que puxeron a señora Elena Candia e o señor Manolo Martínez.

Vai repetir como deputado? 
Non. Valoro moitísimo todo o traballo que se desenvolve dende a administración provincial, pero non vou ser deputado. Só espero que aos que lles encarguen esa tarefa traballen moito. Creo que este mandato vai ser moi diferente e non haberá tantos problemas. 

Como viu a dimisión de Santos? 
Neste momento non sei que puido suceder. Os que mandan son os de Santiago e son eles os que teñen que explicar o porqué. Eu teño boa relación con todos. Se teñen diferenzas son eles os que teñen que falar. 

O coordinador de Ciudadanos en Lugo acusouno de utilizar becerros da Granxa Gayoso para unha churrascada electoral. 
Mentres o de Ciudadanos andaba buscando os becerros desaparecidos, o alcalde de Pol estaba procurando votos. Fan denuncias falsas e sen ningún fundamento. Teñen que centrarse en falar cos veciños e conseguirán así outros resultados electorais. 

Este será o seu último mandato? 
Estamos moi contentos coa posta en marcha da residencia. E creo que ata que me toque vir para aquí, seguirei sendo alcalde.

Rodríguez Ónega: "Seguirei sendo alcalde ata que me toque vir para...
Comentarios