Senra leva á CE o caso da abadinesa con mobilidade reducida que ten unha barreira na porta de casa

Diante da vivenda de Pilar Fernández López hai unha pista que foi reasfaltada en varias ocasións ata elevarse 12 centímetros do chan

Lidia Senra. AEP
photo_camera Lidia Senra. AEP

A eurodeputada galega do Grupo confederal Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e candidata de En Marea ás europeas do 26M, Lídia Senra, denunciou este martes na Comisión Europea (CE) a situación de falta de accesibilidade á súa vivenda que leva padecendo desde hai anos Pilar Fernández López, veciña de Abeledo, en Abadín (Lugo), que ten unha condición de mobilidade reducida, "o que lle obriga a utilizar sempre cadeira de rodas para os seus desprazamentos".

Precisamente, o pasado mes de marzo, saía á luz un vídeo respaldado polo director Jorge Coira, que reflexa a situación de Pilar. 

Así, Senra rexistrou este martes en Bruxelas un escrito dirixido á CE no que informa que desde hai 20 anos, a pista que pasa por diante da vivenda de Pilar Fernández foi asfaltada en numerosas ocasións, "o que provocou unha constante subida no nivel da estrada", polo que na actualidade atópase 12 centímetros por encima do nivel da entrada da súa casa, "o que lle impide o acceso sen axuda".

En 2013, "alertada porque se prevía botar novamente aglomerado sobre a pista", a afectada presentou escrito ante o concello, solicitando non só que non aumentasen a altura do nivel, senón que se aproveitase para eliminar a barreira existente.

"Despois de todos estes anos, continúa sen recibir resposta nin solución, a pesar de que a situación tamén foi denunciada ante a valedora do Pobo e ante a Xunta de Galicia", lamentou GUE/NGL nun comunicado.

ESTRATEXIA DISCAPACIDADE

Neste sentido, Senra preguntou á CE se non considera que esta situación vulnera os compromisos da Estratexia Europea sobre Discapacidade 2010-2020 e se pensa tomar algunha medida.

A eurodeputada defendeu que "non se pode permitir" que por culpa dunhas obras levadas a cabo por unha administración nunha vía pública, unha persona deixe de ter accesibilidade á súa propia casa.

"En lugar de avanzar na eliminación de barreiras para persoas con mobilidade reducida, resulta que imos cara atrás", denunciou Senra, que non ve "xustificación algunha" para que desde o concello ou desde a deputación provincial "non actúen de inmediato para rectificar esta situación".

Comentarios