Os libros fortalécense ante o covid na Terra Chá, Meira e As Pontes

As bibliotecas municipais viven un incremento de préstamos dende o inicio da pandemia. A subida nótase principalmente en lecturas infantís e en novelas
Biblioteca de Vilalba. M. ROCA
photo_camera Biblioteca de Vilalba. M. ROCA

As estatísticas reflicten que os libros se fortaleceron na pandemia. Nun momento no que hai que descartar moitos plans, viaxar entre as páxinas é unha alternativa que moitos elixen. O ano 2021 péchase con cifras de venda históricas —estímase unha facturación de 2.900 millóns de euros no mercado español, un 20% máis que en 2020—. E esa tendencia chega tamén ás bibliotecas.

Nas comarcas de Terra Chá, Meira e As Pontes hai en funcionamento nove centros públicos — os de Cospeito, Pol e Begonte están pechados e o de Muras funciona a medio gas— que encerran máis de 100.000 libros entre as súas paredes, listos para prestar.

Neste momento, entre todas suman 7.250 usuarios. Pero, aínda que cada vez son máis os que apostan por buscar libros nas súas estanterías, o incremento de cifras nótase máis nos préstamos que no aumento de usuarios.

Os centros públicos poñen á disposición dos lectores máis de 100.000 libros e suman neste momento máis de 7.250 usuarios

"Notouse o incremento, tanto en adultos como en infantil, e hai sensación de acopio ás veces, pensando nun posible confinamento", di Atenea Ruibal, da biblioteca de Vilalba —2.500 usuarios e 25.000 exemplares—, que incide en que ademais do libro en papel tamén creceu o uso do libro dixital a través da plataforma GaliciaLe.

"A estantería de novidades está sempre baleira", di Anabel Alonso, das Pontes —2.600 socios e 30.000 exemplares—, onde medra o préstamo de adultos. E actividades como os Xoves na Biblio ou o Reto Lector gañan adeptos.

Non é o habitual, o traballo na aula e as actividades caen mentres o préstamo sobe. "Aumentaron moitísimo, sobre todo o de infantil", di Montse Vidal, da biblioteca de Meira —240 usuarios e 3.600 libros—, que indica que cada usuario leva máis dun libro.

Na de Xermade, un referente que leva seis anos logrado o premio María Moliner do Ministerio de Cultura —100 usuarios e 11.000 libros—, as cifras tamén medran, sobre todo en infantil e xuvenil.

O caso da biblioteca pública de Guitiriz —no municipio tamén hai a de Xermolos na Casa das Palabras— é especial —60 usuarios e 3.800 libros— porque empezaron a prestar libros coa pandemia. "Levamos ano e pico, non podemos comparar pero está funcionando ben", di Ana María Pérez.

Noutras pequenas bibliotecas as cifras mantéñense, como na de Castro de Rei e a de Castro —ambas con 500 socios e 10.000 libros— na de Abadín —400 usuarios e 6.000 exemplares— e na Pastoriza —350 socios e 5.000 libros—.