martes. 31.03.2020 |
El tiempo
martes. 31.03.2020
El tiempo

Libros para afianzar o rural

Un momento da presentación. S.IGLESIA
Un momento da presentación. S.IGLESIA
María López, Sonia Dorado e Montse Cabaneiro, veciñas da Pastoriza, veñen de poñer en marcha o club de lectura Entre Liñas

Un libro garda mundos enteiros dentro de si para quen o lea, abonda con animarse a botar un ollo para coñecelos. Ese pequeno empurrón que fai falta en ocasións ten caras e nome na Pastoriza. Entre Liñas acaba de nacer co firme propósito de devolverlle aos libros de sempre o lugar que merecen.

Tres veciñas do concello chairego, María López, Sonia Dorado e Montse Cabaneiro, foron as encargadas de darlle forma a este proxecto, o novo club de lectura "aberto a todos os que queiran participar e de balde". A recén estreada entidade naceu coa idea de "dinamizar a vida no rural", ademais de "animar á xente que xa le, a seguir lendo" e aos que aínda non teñen o hábito, "que se adentren" nel.

Da man de obras "variadas e elixidas democraticamente" nas reunións que manterán unha vez ao mes —os sábados, aínda que pode ser modificado o día—, os participantes empaparanse de literatura, debatirán sobre as súas percepcións e afianzarán relacións a través da "estimulación da imaxinación, dos sentidos e das emocións", afirman as ideadoras do club.

As obras elixiranse "democraticamente" nas reunións que serán unha vez ao mes, os sábados, aínda que pode ser modificado o día

Para crealo, María, Sonia e Montse puxeron en común a súa paixón polas letras e xa o ano pasado tiveron a oportunidade de testar a idea con actividades de iniciación á lectura dirixidas aos pequenos do colexio —as tres pertencen á Anpa—, aínda que o traballo cuns e con outros "é moi diferente".

O lugar de encontro non pode ser outro que a sala de lectura do Hábitat Cultural Fogar de Maeloc, onde tamén se inaugurou o club para o que xa hai "varias persoas interesadas". Fíxose nunha data especial, coincidindo coa presentación do libro El país del abeyeiro de Alberto Uría, apicultor tradicional e escritor da raia galega-asturiana que achegou aos presentes as ganas por volver a mirar cara ao rural e a importancia de facer cousas nel para que non quede baleiro.

O lugar de encontro para os membros do club de lectura será o Hábitat Cultural Fogar de Maeloc, na Pastoriza

As ideas que inundaron a casa da cultura pastoricense foron compartidas por todos os presentes e tamén polas tres mulleres que non dubidaron en dar un paso adiante na aventura de Entre Liñas, coa que se senten "moi ilusionadas".

Para ir botando a andar escolleron unha obra "moi axeitada", porque está "en galego, é dun veciño e a protagonista é a auténtica bandoleira galega". Pepa a loba, de Carlos G. Reigosa, acompañará durante este primeiro mes de andaina aos integrantes do club. Será a primeira historia e as primeiras liñas dunha morea delas que aínda están por ler.

Libros para afianzar o rural
Comentarios