Un libro recolle os 50 anos de historia do teleclub de Bazar

O centro social, que mantén a actividade, foi un dos máis relevantes da provincia

Preparación, en 1974, dunha proxección na escola de Carravilar. EP
photo_camera Preparación, en 1974, dunha proxección na escola de Carravilar. EP

Un televisor e un lote de libros, todo facilitado polo Ministerio de Información e Turismo, foron a única semente necesaria para que xermolase o teleclub de Bazar en Coea. O 12 de xuño de 1968, representantes da parroquia recibían, nun acto no Goberno Civil, a documentación para crear o que foi un dos centros sociais máis relevantes da provincia e que aínda hoxe mantén a súa actividade. Agora, un libro que está a piques de saír do prelo repasa medio século de historia baixo o significativo título de 'Bazar, milagre social'.

A publicación, coordinada por Xulio Xiz e editada pola Deputación de Lugo, recompila documentos, fotografías, recortes de prensa ou numerosas colaboracións, ademais dos traballos premiados no certame convocado con motivo do 50 aniversario. A efeméride coincidía ademais coa do centenario da igrexa de Bazar, en cuxos terreos se ergueu o centro social.

Luis Veiga, a quen a súa "vocación de servizo público" o vencellou ao teleclub en distintas etapas ata sumar máis de tres décadas, converténdoo en "parte da miña vida", lembra que inicialmente o centro se instalou nun local cedido pola familia de Casa Varela.

Uns dez anos despois comezaríase a construir a actual sede, na que aínda se conservan elementos orixinais, coma o escenario. "A parroquia colaborou con man de obra, cos tractores, por exemplo para o recheo da pista polideportiva", lembra Luis. E é que esa é unha das grandes particularidades deste teleclub, bautizado posteriormente como centro cultural Ignacio Rey Stolle, é que non só constaba do edificio, senón que tiña diversas instalacións exteriores nas que se organizaban (e se organizan), competicións, coma o tradicional torneo de tenis.

Entrega do V Trofeo Ignacio Rey Stolle e I Open Terra Chá, en 1979. EPAquel televisor, que foi o terceiro receptor de toda a parroquia, incentivou a unión veciñal nun lugar que daquela sumaba 150 familias, moitas das cales acudían ás noites de xuntanza, onde se vían concursos, películas, sobre todo do Oeste, ou partidos de fútbol. "A boa acollida levou a pensar en novos proxectos", lembra Luis. E e así chegarían incluso a ir proxectar películas de 16 milímetros a outros lugares ou a editar o seu propio xornal Onte, Hoxe e Mañá, ademais de organizar semanas culturais ou o pregón de Nadal, que hoxe se mantén.

"Nesta parroquia hai algo cultivado", dicía o xeriatra coruñés Fernando Jiménez logo de impartir unha conferencia, segundo lembra Luis Veiga, que agora espera que o libro sirva "para que as xeracións presentes e futuras saiban o esforzo que costou levar esto adiante".

Entrega de premios coa presentación
O centro cultural Ignacio Rey Stolle ten pendente a entrega dos premios do certame literario convocado polo cincuentenario, en lembranza dos concursos que se promovían antigamente. Luis Veiga adianta que os galardóns se entregarán coincidindo coa presentación do libro.

Mellores propostas
Antonio Cendán, con ‘Breve historia de Bazar e o seu teleclub’ gañou o primeiro premio e Benito Ónega fíxose co segundo por ‘O mago’. ‘Historia’, de Iria Pérez, de dez anos, acadou un premio especial e Alejandro P.Ferreiro e Maite Cupeiro acadaron sendas mencións de honra.

 

Comentarios