Letras para todos os gustos e ámbitos

A pregoeira da III Feira do Libro Vilalé, a historiadora Miriam Fernández, defendeu a importancia da literatura de investigación
Actuacións de Caramuxo Teatro. C.P.
photo_camera Actuacións de Caramuxo Teatro. C.P.

As investigadoras tamén escriben. Quizais non para o gran público, pero o seu labor é básico como fonte de información que logo se emprega noutros ámbitos, coma por exemplo no turismo. Así o destacaba o venres, no pregón da III Feira do Libro Vilalé, a historiadora vilalbesa Miriam Fernández Otero, autora dunha obra monográfica sobre o traballo feito polas mulleres da súa parroquia, Insua, para recuperar os traballos do liño e de numerosos artigos sobre etnografía e patrimonio.

"Se non sabemos o valor que teñen as cousas, non as imos respectar como se merecen", aseguraba a pregoeira, apuntando que "non vale de nada investigar se non fas que a xente o comprenda e achegas a historia e o patrimonio ao día a día".

Por iso, Fernández Otero agradeceu a oportunidade de "visibilizar" a área na que ela se desenvolve e animou aos lectores a darlle "unha oportunidade" a este tipo de obras, ademais de reivindicar que dende "as institucións e outros profesionais" tamén se teñan en conta estes traballos, ao seren, por exemplo, excluídos de diversas convocatorias.

Aproveitou tamén para reivindicar o uso do galego na investigación e nas publicacións científicas. "Non deberiamos nin cuestionar por un momento este tema", asegurou, lembrando que o idioma tamén forma parte "da nosa cultura, do noso sentir e do noso patrimonio, dun estado pluricultural que moitos se empeñan en negar".

                      Sobre estas liñas, firma de libros de Ana Meilán. Á dereita, actuacións de Caramuxo Teatro (arriba) e de Chus Álvarez, e a pregoeira (á dereita), coas autoridades.

Miriam Fernández quixo agradecer especialmente o apoio "incondicional" do Iescha aos autores e concluíu convidando aos presentes a mergullarse "na literatura en xeral e na de investigación en particular", un convite a ler que tamén fixeron o presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Domínguez; o secretario xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; e a alcaldesa en funcións de Vilalba, Elba Veleiro.

Domínguez recordou que a feira pasa por 14 localidades e destacouna como un punto de encontro para público, autores e libreiros, ao tempo que agradeceu o apoio da Xunta, da Deputación de Lugo e do Concello de Vilalba. Lorenzo animou a "perderse" na feira, mentres que Veleiro destacaba que "descubrir un novo libro é unha experiencia que sempre achega cousas" polo que animaba a non marchar sen un, así como a fomentar a lectura entre os nenos.

Para facerse cun exemplar, na Praza da Constitución estarán ata o domingo as casetas das librerías Andel, Cortiza, Carlin, Pergamino e Pedreira, á que se unen as do Iescha e a Deputación. Ao longo do día haberá sinaturas de libros e actuacións, así coma as presentacións de Feminismo en cen palabras, de Luca Chao (18.30), e de A parte dos Anxos, con Emma Pedreira e Carlos Lago (19.30).

Comentarios