Letras que nunca fallan

O vilalbés Hugo Lozano acumula galardóns coa súa afección: a escrita. O día 19 recollerá o terceiro premio consecutivo no Xuventude Crea
Hugo Lozano, diante do museo vilalbés. M.M
photo_camera Hugo Lozano, diante do museo vilalbés. M.M

Unha das súas grandes afeccións é a de xuntar letras. Letras que pola xeira de resultados que leva parece que nunca fallan. E é que o talento na escrita do mozo vilalbés Hugo Lozano Hermida parece lonxe de toda dúbida. Este ano sumou o seu terceiro premio consecutivo no Xuventude Crea —certame promovido pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia—, nesta ocasión na categoría de poesía, coa obra o Muíño de medianoite.

"O ano pasado gañara na de relato curto con O tempo e a ventá, así que non podía repetir na mesma categoría", explica o mozo, que en 2017 si que concorreu en relato —con O visitante nunca marcha só—, pero tivo que conformarse coa segunda praza, xa que a vitoria recaeu noutro vilalbés, Brais Lamela.

"Non hai rivalidade. Cando compite Brais, eu non podo gañar", comenta cun sorriso, destacando a calidade do traballo deste veciño, que tamén repite éxitos en cada certame ao que concorre.

En ambos casos, a escrita é máis unha afección que un medio de vida. "Sempre me gustou escribir, dende pequeno, pero antes non me presentaba aos certames máis alá dalgún a nivel escolar. Na maioría dos casos compartía con algún coñecido o que escribira ou simplemente despois dun tempo o borraba", explica Hugo, que hai tres anos empezou a ver estes concursos como un boa "fonte de financiamento" para a súa tese.

"No Xuventude Crea o primeiro premio é de 3.000 euros e, o segundo, de 1.500. Son cantidades importantes", di o mozo vilalbés, que recollerá o seu galardón, "e entregarei outro", nunha gala que se celebrará o vindeiro día 19 en Santiago de Compostela.

"Nesta ocasión non contaba co premio para nada. Prefiro o relato que a poesía. É un xénero que se me fai máis complexo e ao que non lle dedico tanto tempo", confirma o gañador, que ata o de agora as únicas publicacións que realizou foron "de carácter máis científico" e vencelladas ao mundo da arqueoloxía.

Hugo Lozano está moi unido ao museo vilalbés como discípulo de Eduardo Ramil, o director da súa tese de doutoramento

"Non descarto nada, pero creo que escribir seguirá sendo unha afección, non o vexo como un traballo", reflexiona Hugo, que centra sempre os seus escritos nas mesmas temáticas.

"Adoito falar da soidade, da beleza ou da morte", precisa un mozo que aproveitará a súa última opción —ao Xuventude Crea só poden concorrer os menores de 30 anos— para tratar de sumar o vindeiro ano, na modalidade de relato, o que sería o seu cuarto premio consecutivo.

Mentres prepara esa próxima obra gañadora, seguirá centrado na súa tese doutoral, que tamén espera poder concluír proximamente, e que versa sobre "os castrexos e os romanos no occidente cantábrico".

Eduardo Ramil, director do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (Mupav), é o que dirixe o seu traballo. "Son o seu discípulo. Levo moitos anos vencellado ao museo e dende o último cambio na directiva tamén son vogal da asociación", explica Hugo.

Un mozo quen ademais de xuntar palabras é unha das cabezas pensantes da homenaxe que a entidade quere renderlle o vindeiro día 14 a José Ramil Soneira, fundador deste centro de culto ao pasado máis remoto da comarca chairega.

Comentarios