Letras Galegas: estudantes entre poemas, retos e botellas

Colexios e institutos promoven estes días distintos actos para lembrar a Florencio Delgado Gurriarán, coma no Ceip Aquilino Iglesia Alvariño, onde gravan videoclips, ou no IES Basanta Silva, onde os alumnos se converten en mestres
Alumnado do Ceip Aquilino Iglesia Alvariño de Abadín. C.PÉREZ
photo_camera Alumnado do Ceip Aquilino Iglesia Alvariño de Abadín. C.PÉREZ
O Ceip Aquilino Iglesia Alvariño de Abadín, no Mariñavisión
O colexio abadinés apostou por unirse ao proxecto Mariñavisión, ideado polo equipo de dinamización lingüística do Ceip Juan Rey de Lourenzá e no que animaron a sumarse a outros centros da Mariña e da Terra Chá. A finalidade da iniciativa é promover a lingua e a música galega coa gravación de videoclips. Inicialmente ía ser un concurso, pero ao final será só unha mostra. No seus traballos audiovisuais, gravados en playback con coreografía, o colexio abadinés usa a lingua de signos.
Fun ao mercado e Ti e eu
A cantiga infantil do proxecto María Fumaça é a escollida para interpretar polos 36 alumnos de infantil e de 1º ciclo de primaria, mentres que os 24 escolares de 2º e 3 ciclo de primaria escenifican o tema da Banda da Loba composto a partir dun poema de Celso Emilio Ferreiro.

Onde naceu?
Que carreira estudou?
En 1939 viuse obrigado a exiliarse a...
En México fundou a revista...
No 63 publicou... 

Estas e outras preguntas similares, con catro opcións de resposta cada unha delas –está a correcta, e outras tan variopintas como Luar, Carpanta, Paixón de Gaviláns...–, son algunhas das que deben responder correctamente o alumnado do IES Basanta Silva de Vilalba logo dunha clase intensiva sobre o autor homenaxeado este 17 de maio, Florencio Delgado Gurriarán.

Repartidos en equipos, todos queren gañar, e para iso é imprescindible obter cantas máis respostas correctas mellor. Hai rivalidade, nótase no ambiente. Os postos van bailando entre uns e outros competidores. Sucédense as expresións de alegría, de frustración, os desafíos entre equipos rivais. Ata que se completa a ronda de 13 preguntas. Hai expectación máxima á espera de descubrir o resultado. E finalmente, son Sabela e Uxía (equipo SabeeUxiia!) as que se fan coa vitoria cuns meritorios 8.696 puntos, por diante dos Mosqueteros (8.278) e de Alex Andrea (8.207).

Clase sobre Florencio Delgado no IES Basanta Silva de Vilalba. C.PÉREZ
Clase sobre Florencio Delgado no IES Basanta Silva de Vilalba. C.PÉREZ

Parabéns para as gañadoras do kahoot realizado nunha das clases de terceiro de secundaria do instituto vilalbés, que levan como premio unha estrela no seu expediente –máis valiosa que un punto positivo– e o mérito de terense imposto nesta sorte de trivial.

A proba, que está a colleitar un grande éxito entre o alumnado do centro, é o colofón da nova actividade proposta este ano polo departamento de Lingua e Literatura Galega do Basanta Silva para conmemorar o Día das Letras Galegas. Solicitáronse voluntarios en terceiro e en cuarto de Eso e en primeiro de BAC para seren profesores por un día e explicarlles aos seus compañeiros, aula por aula, a figura do homenaxeado neste 2022.

Alumnos voluntarios de terceiro e cuarto de Eso e de primeiro de BAC foron falando sobre Florencio nas distintas aulas do IES Basanta Silva

É o caso de Adrián, Irene e Óscar, estudantes de primeiro de BAC que se ofreceron voluntarios para seren profesores expertos no escritor ourensán e compartir algunha das claves da súa obra e da súa vida cos seus compañeiros de instituto.

"É interesante ir más alá e non só expoñerlle á xente que xa coñeces", explica Irene, que se encargaba de profundizar no labor de Florencio xunto ao seu compañeiro Adrián, quen cualifica esta proposta como unha "boa iniciativa". "Algúns queremos ser profesores, así que isto é coma un titorial para nós", engade este alumno de primeiro de bacharelato.

Esta era a primeira vez que se organizaba unha iniciativa así, pero a boa acollida pode levar a que teña continuidade

"É unha experiencia moi boa para o noso futuro, para ir entrando na dinámica da universidade, e para eles é unha clase máis dinámica", precisa pola súa banda Óscar, o primeiro en tomar a palabra ante os estudantes para ofrecer algunhas pinceladas da vida do homenaxeado. "O alumno é o que mellor entende ao propio alumno", asegura, confiando en que se manteña no tempo esta iniciativa.

E poida ser que así sexa, pois no centro tamén están contentos cos resultados. "Esta é a primeira vez que se organiza, para achegarlles o autor dunha maneira distinta, pero pode ser que teña continuidade; aos que participan sérvelles para practicar, para falar en público e poñerse na pel dos profesores nun intercambio de papeis no que o profesor tamén se volve alumno", apunta Almudena Falcón, profesora de Lingua e Literatura Galega, sobre esa particular hora de clase monográfica sobre Florencio Delgado na que os alumnos se volven mestres de secundaria.

Exposición sobre Florencio na biblioteca do IES Basanta Silva. C.PÉREZ
Exposición sobre Florencio na biblioteca do IES Basanta Silva. C.PÉREZ

Esta proposta lectiva, pero cun punto lúdico, non foi a única do centro ao redor das Letras Galegas, pois na biblioteca Agustín Fernández Paz tamén se compuxo unha exposición sobre o autor –foto de portada–, na que un dos elementos fundamentais son as botellas con mensaxes, replicando aquelas que se lanzaron pola borda do barco no que o escritor viaxaba cara ao exilio, de Francia a México, ao pasar fronte ás costas galegas.

Mostras, obradoiros, roteiros e intercambios interxeracionais

As exposicións, tanto dos paneis facilitados pola Consellería de Educación sobre o autor coma as elaboradas polos propios centros, son unha constante desta celebración. No IES da Terra Chá José Trapero Pardo de Castro de Ribeiras de Lea optaron por amosar libros escritos por profesores ou exalumnos do centro e no IES Fonmiñá da Pastoriza, ademais de dar a coñecer a outra nas aulas, promover unha xincana ao redor de Florencio ou de recibir a visita do poeta Jesús Castro, tamén se elaborou unha exposición ao redor do escritor ourensán.

Exposición polas Letras Galegas no IES Fonmiñá. EP
Exposición polas Letras Galegas no IES Fonmiñá. EP

Na chamada Semana das Letras do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz déuselle difusión ao vídeo Falar esta fala, Malva imparte este mércores un obradoiro de Skam e tamén haberá regueifas e a elaboración dun mural, mentres que no IES Lois Peña Novo de Vilalba organizan un concurso e ademais, no ciclo de atención sociosanitaria, recibirán nesta semana a visita de usuarios do centro de día de Abadín.

Este intercambio interxeracional tamén foi un dos protagonistas dos actos do IES Pedregal de Irimia, onde recibiron a visita de residentes do centro de maiores da vila, mentres que no CPI Virxe do Monte de Cospeito foron os alumnos de secundaria os que visitaron o centro de día Vila de Valverde para contar quen era Florencio. Ademais, entre outras decoracións, no centro deseñaron acios de uvas ilustradas con palabras galegas.

Visita de alumnos do CPI Virxe do Monte ao centro de día de Cospeito. EP
Visita de alumnos do CPI Virxe do Monte ao centro de día de Cospeito. EP

Un podcast no Ceip Virxe do Corpiño de Begonte, unha busca do tesouro e unha charla da asociación Avelino Díaz no Ceip Ramón Falcón de Castro de Rei, un xogo de pistas no Ceip Poeta Avelino Díaz de Meira ou un roteiro e xogos populares no Ceip Rosalía de Castro de Pol son algúns dos actos que se promoven ao redor do 17 de maio nos colexios da volta. E tamén hai actuacións estelares, coma a de Pakolas este mércores no Ceip Lagostelle de Guitiriz –ademais recitarán Galicia infinda entre todo o alumnado e cantarán o himno galego– ou a que xa tivo lugar de Migallas na Escola de Educación Infantil (EEI) de Vilalba, onde ademais deseñaron un mural.

No vilalbés Ceip Monseivane, as Letras Galegas compartiron celebración cos maios, no Mato Vizoso houbo un gran festival, igual ca no Ceip de Bretoña, mentres que no Ceip Insua Bermúdez estes días gravaron o vídeo Galegueando con Galegría, dedicáronlle un telexornal a Florencio e están a elaborar unha revista.

Actos no Ceip de Bretoña. EP
Actos no Ceip de Bretoña. EP

Tamén se promoveu o traballo na aula, entre outras propostas, no Ceip Terra Chá de Román (Vilalba), no Ceip Antía Cal de Muras ou nos colexios ponteses Santa María, A Magdalena e A Fraga.


Certames poéticos en Xermade e no Veleiro Docampo
Os brancos foles das nubes ao lombo das serras, van... Estes versos inspiraron o V Certame Veleiriña do Ceip Veleiro Docampo, con premios por aula. No Ceip de Xermade o 20 haberá concurso de poesía en galego e no Ceip Santo Estevo de Parga están a preparar o certame de Xermolos do Festival de Pardiñas.
Recital público escolar na praza de Bretoña o día 20
Os escolares do Ceip de Bretoña e os do Ceip O Salvador da Pastoriza uniranse na mañá do venres, ao redor das 10.15 horas, para protagonizar un recital poético público e conxunto que terá lugar na praza de Bretoña e que incluirá poemas musicados e recitados e unha biografía do autor.
Poesía e fotografía, unidas nun concurso do Virxe do Monte
O CPI Virxe do Monte de Cospeito organiza o concurso de fotografía Polos Vieiros de Florencio, no que se propoñía relacionar un poema do autor cunha instantánea que o ilustre. As propostas expóñense no centro e concederanse tres premios ás mellores fusións de versos e de imaxes.
Lendas da lagoa, da man de Xosé Otero Canto na Pastoriza
O Concello da Pastoriza, co apoio da Deputación, edita o romanceiro Berce máxico e uterino. Lendas da lagoa de Fonmiñá, escrito por Xosé Otero Canto e que coñecerán no propio humidal os alumnos do Ceip O Salvador da Pastoriza nun acto fixado para o día 20, ao redor das 12.00.
Só cinco mulleres foron homenaxeadas polas Letras Galegas
O Ceip Lagostelle de Guitiriz elabora un calendario dedicado a mulleres e en maio fixeron unha edición especial sobre as Letras Galegas na que fan fincapé en que só hai cinco ás que se lles dedicase o 17 de maio dende 1963. Na primeira edición a homenaxeada foi Rosalía de Castro.
Contacontos entre escolares en Muimenta e Vilalba
O alumnado de 6º de primaria do Ceip Insua Bermúdez de Vilalba protagoniza sesións de contos para os escolares de infantil do centro e para os da veciña Escola de Educación Infantil. No Ceip de Muimenta tamén houbo contacontos, nos que os maiores lles relatan historias aos pequenos.
O IES Fonmiñá súmase ao reto en TikTok de Fapacel
Elixe uns versos, grava un vídeo e comparte!. Este é o reto en TikTok presentado pola Federación de Anpas de Centros de Ensino Público da provincia de Lugo (Fapacel) para conmemorar o Día das Letras Galegas ao que se sumou o IES Fonmiñá da Pastoriza gravando diversos vídeos.

Comentarios