jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

GUITIRIZ

Lendas de sempre para darlle sentido á vida

Mural na Casa das Palabras de Guitiriz inspirado nas lendas locais. C.PÉREZ
Mural na Casa das Palabras de Guitiriz inspirado nas lendas locais. C.PÉREZ

O boca a orella fixo chegar ata o día de hoxe variadas narracións que xustifican a orixe de moitos dos nomes de Guitiriz, recollidas por escrito en diversas publicacións para que non esmorezan co paso do tempo

Poboación
Segundo o Ige, Guitiriz suma 5.512 veciños, sendo o único chairego que incrementou a súa poboación. Ten 17 habitantes máis ca en 2016. 
Vista atrás
O Abrigo de Pena Xiboi, no monte comunal de Parga, datado no Mesolítico e usado como refuxio varios milleiros de anos antes de Cristo, dá conta do tempo que levan habitadas as actuais terras de Guitiriz.
Curiosidades
No recinto do balneario de Guitiriz hai unha mezquita, edificada para que puidesen orar os combatentes musulmáns na Guerra Civil.

ENTRE OS MOITOS lugares vencellados á tradición popular que hai en Guitiriz, o Boedo ocupa un lugar predominante. Este gran pastizal foi, non hai tantos anos, punto de encontro interxeracional, un lugar de reunión ao que acudían veraneantes e veciños. "Aquilo era un festival para os nenos, iamos aos niños, aprendiamos a nadar no río, xogabamos ao fútbol no campo da Insua, que tiña un céspede natural que era de tan boa calidade que ata o levaron para o estadio de Riazor", conta o mestre Manuel Castro sobre un tempo no que cada verán centos de vacas —en todas as casas había unha ou dúas— saboreaban este pasto natural que durante o inverno se anegaba.

Entre xogos e contos, aqueles nenos recibían leccións de vida e viaxaban mentalmente a outros lares na voz dos emigrantes que visitaban á familia ou deses auguistas de aquí e de acolá que durante décadas inundaron Guitiriz invocados polos poderes curativos de tres fontes mineromedicinais.
E aqueles pícaros de onte quizais oíran, no Pozo da Campá, repicar as campás da igrexa que, coma o resto da vila, quedou mergullada por penitencia divina, logo de que os veciños se negasen a acoller unha familia pobre, que non era outra que Sagrada Familia.

Mais quedou un sitio que sobreviviu á chegada das augas, o Barreiro, onde unha familia moi pobre si lle deu acubillo a Xesús, Xosé e María, malia a non ter nin para si. En agradecemento á súa xenerosidade, a Virxe animou á muller a facer unha torta con cinza, un saboroso prato co que todos se alimentaron e hoxe é un dos principais embaixadores de Guitiriz: a torta de millo.

Poida que tamén lles contasen que non foi un castigo o que mergullou o Boedo, senón que a auga xurdiu dunha chuvia de estrelas, que ademais lle deu nome á parroquia de Lagostelle —lago de estrelas, de lacus, en latín balsa ou lago, e stellae, estrela—. 

E tendo en conta a riqueza acuífera do Boedo, quizais baixase ata alí para refrescarse a descomunal cobra que conta a lenda que vivía na Cova da Serpe, en Pena Furada, a 791 metros de altitude, da cabalo entre Friol e a parroquia guitiricense das Negradas.

Disque cando tiña sede ía beber a Santa Mariña, concretamente ao lugar de Rioseco, así chamado porque bebía tanto que secaba o manancial. E cando tiña fame, capturaba reses nos campos de Miraz. O seu tamaño era tal que, malia a haber oito quilómetros en liña recta ata a súa cova, a súa cola seguía nela.

O fin desta gran serpe é tan incerto coma a súa vida. Crese que os veciños, cansados de aturar as súas desfeitas, lle deron de alimento un burro manchado de alcatrán ou tamén que foi vítima da afouteza dun humilde mozo, namorado da filla do señor de San Paio de Narla, que se opuña á relación.

Os amantes, na súa fuxida, acubilláronse na gorida da cobra, onde o rapaz se enfrontou a ela e logrou matala dun certeiro golpe na testa. Porén, trala terrible loita, non puido sobrevivir aos ataques do bicho, un fin tráxico compartido por outro dos relatos da tradición oral que xustifica o nome da Ponte de Da.

O valeroso cabaleiro don Gutierre, fillo de don Alonso, señor de Caldaloba, casou coa bela Leonor de Montenegro, coa que foi vivir ao castelo de Guitiriz —suponse que localizado na Torre—. Na súa ausencia, o paxe Nuño namorouse da señora, pero ela non o correspondeu, polo que en vinganza, mentiulle ao señor, dicíndolle que Leonor tivera amores con Alonso.

Crendo a invención, mandoulle ao paxe decapitar a Leonor, mentres que el foi pasear co seu pai, ao que lle fixo axeonllarse e pedir perdón pola traizón antes de morrer. Mentres o mataba, sobre unha ponte, dise que don Alonso berraba: "Dá, meu fillo, dá!" Enterado logo da verdade, Gutierre toleu e prendeulle lume ao castelo. Hoxe, tres cruces de incerta orixe gravadas na pedra da Ponte de Da lembran esta tráxica historia de amor e traizón que sobrevive no imaxinario popular.

Outro mítico cabaleiro que tivo a ben visitar as terras guitiricenses foi o valente Roldán, quen nos seus últimos anos de vida pasou polos Vilares, onde quixo deixar para a posteridade o seu selo, partindo en tres coa súa espada unha gran rocha na que tamén se conservan as pegadas do seu cabalo. É a Pena de Roldán da Reboira.

Demos, lobos, mouros, nubeiros ou costumes ancestrais tamén teñen o seu oco na toponimia e na tradición oral local, recollida para que non se perda por diversos autores e publicacións, seguindo o exemplo, conscientemente ou non, do vilarego Xosé María Díaz Castro: Poeta ou non, eu cantarei as cousas/ que na soleira de min mesmo agardan./ Alumarei con fachas de palabras,/ ancho herdo meu, o mundo que me deron.

CO OLLO ABERTO
A chave de Bascuas. A curta de Bruno Pena recupera a historia verídica convertida en lenda desta chave coa que sinalaban na fronte os sospeitosos de ter a rabia, fosen animais ou persoas. A chave gárdase na capela de Bascuas, museo relixioso rural.
Curta con premio. O IES Poeta Díaz Castro impulsou a obra Os camiños esquencidos, premiada no Ouff Ourense, onde tamén lles recoñeceron o proxecto Algo pasa en Guitiriz.
CANCIONEIRO
Letra inmortal. Fun a Parga e Guitiriz, Guitiriz e máis Teixeiro, fun a Parga e Guitiriz, hoxe fun ao mundo enteiro, cantaban Os Diplomáticos de Monte Alto inspirándose en Paco Ja.
O Belonio. O gaiteiro Ramiro Rodríguez, de Sambreixo, tocou no San Alberte con só dez anos. Levou a cultura galega a París, onde deu clases máis de 50 anos. O grupo Airiños da Freba recolleu varias das súas pezas.
POR ESCRITO
Manual. O libro de Jenaro Pérez e Yasmina Seijas ‘Tras las huellas de la cultura y del medio natural de Guitiriz’ recompila todo tipo de datos do concello.
Guitiriz. Carlos Ameixide ambienta unha das súas obras en varios espazos do concello.
Nimbos. O único libro de Xosé María Díaz Castro é un canto de amor á súa terra.
CON MOITO GUSTO
Torta de millo. O prato por excelencia do municipio, a base de ovos, manteiga, fariña de millo, azucre e limón. O Concello dedícalle unha festa en xullo.
Polbo á feira. Cita obrigada é a Feira de Parga, que se celebra o domingo entre o 9 e o 15 e o último de mes. Tamén se pode degustar no mercado de Guitiriz os mércores.
PARA SENTIR
Festival de Pardiñas. Un dos festivais máis antigos de Galicia bebe das augas máxicas da fonte de Santo Domingo.
Fonte da Fala. Ata Manuel María foi ao San Alberte de neno para beber das augas milagreiras da Fonte da Fala. A capela e a ponte son paso do Camiño Norte.
canto conto
Fonte da Nena. En Ferreira vivía unha nena de familia moi pobre e orfa de nai. Ao ir por auga á fonte de Buxío, viu unha muller que despois lle daba moedas cada vez que ía alí. Cando llo dixo ao pai, a muller deixou de aparecérselle. A crenza popular é que era o espírito da súa nai.
A ánima en coiros. Nos Vilares había unha muller máis mala cá peste, cuxa morte non causou pena. Disque a súa ánima vaga espida de noite, uns cren que en castigo polos seus pecados, outros, que ata morta segue a facer mal.

 

Lendas de sempre para darlle sentido á vida
Comentarios