Lembranzas en galego no cemiterio dos Vilares

Raúl Río presenta este domingo 16, na escola da Conchada, un estudo das lápidas do camposanto da parroquia guitiricense escritas nesta lingua, que figura en 25 dos seus 251 panteóns 
Raúl Río, no cemiterio dos Vilares. C.PÉREZ
photo_camera Raúl Río, no cemiterio dos Vilares. C.PÉREZ

Vivín e amei á miña maneira, mais non me fun do mesmo xeito. Esta significativa lenda atópase nunha das lápidas do cemiterio da parroquia guitiricense dos Vilares. É a lembranza dun familiar finado prematuramente e tamén un bo exemplo dunha característica deste camposanto

O 10% dos seus panteóns teñen, en todos os nichos ou polo menos nalgún, a inscrición en galego, segundo concluíu o vilarego Raúl Río logo de facer un estudo que presentará o domingo 16, ás 18.00 horas, na escola da Conchada, nun acto organizado pola asociación Lareira de Soños e que contará coa presenza do profesor Bernardo Penabade, do Proxecto Neo; e dos cregos Alexandro Piñón, cura dos Vilares, e Alfonso Blanco, coordinador de Xermolos.

"De 251 panteóns familiares, hai inscricións en 25 deles", concreta Raúl Río, que hai uns meses comezaba esta investigación a raíz dunha confusión de quen o animou a facelo, Bernardo Penadabe. O profesor do IES Perdouro de Burela leva 20 anos cunha "intervención educativa que é do máis estable que hai no ensino galego", a través da que se busca "a dinamización económica e cultura no ámbito local". 

Nestes anos outros colectivos ou centros importaron o seu modelo, que traballa en diferentes áreas, entre elas a do patrimonio. A presenza do galego nos cemiterios –no de Burela, de 1912, púxose a primeira lápida en 1997 "e agora anda polas 100 familias"– é un do temas que abrangue e o propio Penabade quixo coñecer o dos Vilares "para saber cal fora a influencia de Xosé María Díaz Castro no lugar no que viviu" pensando, trabucadamente, que o escritor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 2014 estaba alí enterrado.

Panteón da familia de Raúl Río. C.PÉREZ
Panteón da familia de Raúl Río. C.PÉREZ

Non atopou o nicho, claro, pois o autor de Nimbos está no de San Xoán de Lagostelle, mais si se percatou que había unha "porcentaxe alta" de lápidas en galego –Penabade lembra que onde máis hai é no de Ribas de Miño (Paradela), seguido do de Vilanova de Lourenzá e logo xa estarían os dos Vilares e de Burela– o que á súa vez o levou a contactar con Raúl Río, de quen asegura que fixo "un traballo moi meritorio".

"Data de 1977, e antes de acabalo xa se enterrara aquí un veciño no chan, Cidre Rosende, e a historia foi curiosa, porque cando se decidiu facer o novo cemiterio, porque o que había ao lado da igrexa xa quedara pequeno, houbo unha tempada na que non morría ninguén e el dicía que ninguén quere ir para o Batán –chamábaselle así á zona por uns muíños próximos–, e ao final foi el o primeiro en vir", conta Raúl.

Detalla tamén que previamente se quería facer no Castro das Arroas, ata que Evaristo da Veiga accedeu a venderlle aos veciños os terreos para localizado onde hoxe está. Xosé Freire, coñecido como Alexandro do Cibreiro, levaba anos a dicir que facía falta un novo cemiterio, e finalmente "serían o crego don Celestino e Abelardo do Carboeiro os que lograron sacalo adiante", precisa Raúl.

Primeira lápida en galego do cemiterio. C.PÉREZ
Primeira lápida en galego do cemiterio. C.PÉREZ

E a primeira das lápidas en galego aparecería pouco despois, no panteón da Casa Carballeira do Vilariño. Antonio López falecía en 1978 e pouco despois a familia puxo a lenda en galego, igual que en todos os enterramentos posteriores. "Sempre crin que a lingua é unha cousa a defender, aquí todo o mundo fala galego e na casa é o que falamos, non tiña sentido poñer a placa en castelán", lembra Suso López sobre a decisión tomada hai catro décadas e mantida no tempo.

Tras esa, chegaron outras, coma as dos pais de Raúl ou as dos seus parentes de Río da Casanova, dos que lembra ademais unha curiosa anécdota: "Xacinto –finado en 1993–, non quixo flores no seu enterro e encomendoulle a Jesús plantar castiñeiros no adro da igrexa, cumpriu e alí están".

Lápida de Angelito do Fagundo. C.PÉREZ
Lápida de Angelito do Fagundo. C.PÉREZ

"Foi decisión da familia", confirma á súa vez no propio camposanto Edita do Fagundo mentres cambia as flores, "sempre naturais", do nicho do seu home, Angelito do Fagundo, outro dos lembrados en galego.

A maioría das lendas adhírense á fórmula común, pero tamén hai textos singulares, coma o dedicado a unha muller non menos senlleira, Asunción dos Ares, finada aos 101 anos e antes diso, recoñecida como Trapeira de Honra por Lareira de Soños. E precisamente nesa homenaxe, Mar Beres dedicáballe un poema do que a neta, Belén Iglesia, quixo recoller un fragmento na súa lápida: ...exemplo vivo de que a vida paga a pena veña o aire de onde veña

Lenda en galego na lápida de Asunción dos Ares. C.PÉREZ
Lenda en galego na lápida de Asunción dos Ares. C.PÉREZ

Igualmente notable é o caso do panteón de Casa Guinea, onde se usa o idioma na propiedade, Obdulia López López e fillos. A explicación é sinxela: "Estamos en Galicia e somos galegofalantes", di a familia, mais Penabade non pode deixar de destacar o seu mérito, pois "só hai un de cada mil". 

Para seguir debullando estas e outras historias, tanto Raúl –que cre que o labor de Xermolos e do IES Poeta Díaz Castro poideron influír nalgunhas decisións– coma Bernardo convidan a veciñanza  a asistir ao acto do 16, no que tamén se visitará o camposanto. Queren escoitar as súas voces: "É interesante oír os protagonistas, saber por que o fixeron, eses nichos son unha riqueza patrimonial que permite descubrir outra riqueza, quen fai isto?, sobre todo, cando non o facía ninguén".

Comentarios