Miércoles. 22.05.2019 |
El tiempo
Miércoles. 22.05.2019
El tiempo

Lembranza dos oficios de sempre

Un dos canteiros da feira. C. PÉREZ
Un dos canteiros da feira. C. PÉREZ

A III Feira de Artesanía de Vilalba conta coa participación duns 60 postos, entre os que gañan presenza as demostracións e os obradoiros

Vender conta, pero non é o máis importante. A máxima aspiración da III Feira de Artesanía de Vilalba é amosar os traballos de sempre, os oficios tradicionais, para que os máis novos os descubran e os máis vellos traian as súas lembranzas ata o presente.

"O que pretendemos non é facer unha feira para vender, aínda que as vendas son importantes e hai tamén xente que fai contactos e á que lle encargan traballos, senón para pór en valor os oficios", explicaba a concelleira de feiras e mercados de Vilalba, Cheri Grandío, satisfeita coa marcha da primeira xornada das dúas das que consta a cita promovida polo Concello.

A principal novidade desta edición é a disposición dos postos, espallados por toda a carpa -ademais de haber algúns no exterior-, unha proposta pensada para darlle visibilidade ás distintas demostracións, e que agradou a algúns dos ao redor de 60 artesáns participantes e sorprendeu a outros.

"Prefería las casetas, para poder colgar las piezas, tener a la gente pasando por detrás es raro", explicaban os artistas do coiro Ana e Marcus, chegados por segunda vez dende As Somozas a una feira que, aseguraban, "nos gusta".

Porén o trío que forman os artistas vilalbeses Clara Naseiro, Marcos Ladra e José Gómez decántase polo novo formato. "Gústanos o espazo diáfano e aberto, ver os outros artesáns, cada un no seu oficio, anímanos a "picarnos" para ver quen traballa máis", bromeaba Clara, que adiantou que, igual que fixeron o ano pasado, están a elaborar unha peza conxunta de pedra e madeira, inspirada na maternidade e na paternidade.

"Dá gusto vir a feiras con outros astesáns", indicaba Lourdes Otero, do obradoiro Fusaiola, traballando incansablemente no seu tear, mentres a só uns metros, un grupo de nenos e de nenas decoraba pezas de cerámica saídas do torno oleiro de Alén das Olas, presente por primeira vez na feira vilalbesa, ao considerar que encaixa perfectamente na súa proposta "demostrativa e participativa".

"A primeira impresión está a ser boa, hai poucas feiras coma esta, onde se aposte pola participación dos oficios", aseguraban, mentres de fondo soaban Os Monifates, un espectáculo no que os monicreques bailaban ao son de ritmos tradicionais.

Este domingo celébrase a segunda e última xornada da feria na Praza da Constitución, en horario de 10.00 a 20.00 horas, e contará con xogos populares matutinos e actuacións do afiador Rodesindo da Borrosa pola mañá e pola tarde, ademais da animación musical a cargo dos grupos locais.

Por segundo ano, os que asistan á feira poderán levar unha exclusiva moeda conmemorativa, cun deseño único no que se inclúe o xabarín e a Torre dos Andrade, elaborada polo obradoiro do escultor mindoniense Raimundo Rubal.

Lembranza dos oficios de sempre
Comentarios