A lembranza aos Irmáns da Lexía loita "contra a desmemoria"

Xermolos, Riazor Blues ou a peña Bebel colaboraron no acto de Santa Mariña
Ofrenda floral no monolito que lembra os Irmáns da Lexía.
photo_camera Ofrenda floral no monolito que lembra os Irmáns da Lexía. C.PÉREZ

"Loitamos contra a desmemoria, para que cada vez se faga máis luz e haxa máis verdade sobre o que aconteceu nesa longa noite de pedra, como dicía o poeta", aseguraba Alfonso Blanco, coordinador de Xermolos, no cuarto Memorial Irmáns da Lexía, promovido pola asociación guitiricense en Santa Mariña, coa Irmandade Manuel María, os Riazor Blues e a peña deportivista Bebel de Guitiriz.

"Hai que reparar o dano feito e devolver a dignidade, contar a verdade e non só a historia dos vencedores", apuntaba pola súa banda Mero Iglesias, nunha cita que contou con sendas ofrendas florais nos dous monumentos na honra dos represaliados de Santa Mariña, tanto dos irmáns Jaurés, France e Bebel, este último xogador do Deportivo, coma dos oito paseados que foron soterrados nunha fosa común no cemiterio e exhumados pola Asociación pola Recuperación de los Desaparecidos en el Franquismo en 2019.

"É un acto sinxelo pola pandemia, gustaríanos telo feito en agosto coma sempre, pero o importante é que isto non caia no olvido", dicía Bruno Mejuto, dos Riazor Blues, coa confianza posta en que este evento, caracterizado "polo compañeirismo e pola camaradería", se poida retomar con normalidade para o ano. Tamén se uniu a este desexo Suso Figueira, da peña Bebel, agradecendo a asistencia de todos os presentes para manter viva a memoria.

Comentarios