Laura Vilaboy: "A necesidade é incuestionable, pero fáltanos o recoñecemento"

A pontesa, que dende principios de xaneiro traballa na Xanela, afronta o último ano de mandato como presidenta do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg). Esta entidade loita por que se valore unha profesión que gañou en importancia durante a pandemia
Laura Vilaboy Romero, presidenta do Ceesg. M.MANCEBO
photo_camera Laura Vilaboy Romero, presidenta do Ceesg. M.MANCEBO

Que labor desenvolven os educadores sociais? Que metoloxías empregan?

Na Educación Social traballamos cunha metoloxía baseada na cidadanía. Facémolo individualmente pero dun xeito integral e integrado na comunidade. Porque somos seres sociais por natureza e estamos relacionándonos continuamente. Un dos nosos principais obxectivos pasa por fomentar esa relación coa sociedade, habilidades sociais, emocionais, apoio psicosocial... E traballamos con todo tipo de colectivos: maiores, menores, diversidade funcional, mulleres víctimas de violencia de xénero e os seus orfos, infancia, adolescencia, inmigrantes, drogodependentes, educación ambiental, servizos sociais... 

É unha profesión necesaria?

A necesidade é incuestionable dentro das equipas multidisciplinais. Porque sempre dicimos que somos necesarios, pero non como un ente único, senón como un traballo en equipo. Con psicólogos, traballadores sociais, pedagogos, terapeutas ocupacionais... O educador social é unha figura importante porque traballamos ao pé da persoa, facilitándolle recursos, acompañándoa, guiándoa... Na rúa, non nun despacho. 

E cre que ten a consideración que debería?

O recoñecemento non o temos. Sobre todo a nivel legal. Estamos nesa loita de creación dunha lei social para a cidadanía, tanto a nivel galego como estatal. Estase a traballar para acadar este obxectivo. E tamén para que se nos teña en conta nas RPT, nos convenios colectivos ou cando saen oposicións. Ademais de falta de recoñecemento na nosa profesión tamén hai intrusismo.

En que punto está o tema da lei?

Conseguimos o apoio dalgunhas institucións, das catro Deputacións e de moitos concellos. Pero cando chega á Xunta falta ese paso  final. Entenden que é unha figura importante, pero quédanse aí.

Están en constante loita?

Pelexamos todos os días. Non o publicamos aos mil ventos, pero sempre hai chamadas, correos electrónicos...

Cando asumiu a presidencia do Ceesg? Por que decidiu dar o paso?

Foi en abril de 2018 e estaremos ata o 2022. Empecei formando parte do Geix —Grupo de Estudos e Intervención Xeragóxica—, relacionado con maiores. Picoume a curiosidade por ese amor á profesión e por estar informada e decidín aportar o meu gran de area. Xurdiu a proposta de poder estar na xunta de goberno en 2015, e no 2018 houbo cambio de presidente. Foi un reto para min, a decisión tomouse de xeito dialogado, había que propoñerse e decidín asumir esa responsabilidade.

Que funcións ten esta entidade?

Fundamentalmente velar porque a profesión sexa recoñecida e polo dereito da cidadanía a que poidan contar coa nosa figura profesionalmente. 

Como lles afectou a pandemia? 

Viuse a necesidade da profesión, como profesión esencial. Segue faltando ese recoñecemento pero si que recibimos chamadas incluso da administración para pedir algo de apoio. Para ter, por exemplo, un listado de persoas que soupéramos que podían traballar con menores, en caso de que houbera contaxios. Pero tamén houbo ertes, despidos, proxectos interrumpidos,... Afectou como a calquera outra profesión. 

Dende xaneiro traballa na Xanela das Pontes. Que funcións realiza?

Son a educadora social. Apoio, tanto a nivel individual como de familias, con diferentes intervencións e traballando coa terapeuta ocupacional no seu programa. Tamén organizo actividades grupais socioeducativas, cuxo obxectivo oculto é manter capacidades, favorecer a socialización,... Tratamos de que se sintan útiles e manteñan esa autonomía. 

Que outras actividades se realizan dentro da asociación? 

Hai programas de fisioterapia, lanaterapia, terapia ocupacional, bolillos, artes plásticas, ximnasia e actividades socioeducativas. Actualmente hai ao redor de 30 usuarios. Ademais, o centro tamén é prestador de servizos a persoas maiores, e acaba de recibir o recoñecemento de utilidade pública, polo que non fai falta ser socios para poder asistir a calquera das actividades. Está aberto a toda a cidadanía.

Acaban de poñer en marcha un programa de respiro familiar. En que consiste?

Ante a necesidade palpable de facilitar recursos ás familias que teñen ao seu cargo persoas con algún tipo de demencia ou deterioro congnitivo en estadios iniciais, púxose en marcha este iniciativa para ofrecer actividades que permitan o mantemento das capacidades mentres a familia ten ese respiro, ese descanso e poida conciliar un pouco. A xente tíñase que marchar das Pontes a outros recursos cando aquí se podía estar facendo, porque na Xanela hai profesionais que o poden levar a cabo. 

En que outros proxectos de futuro lle gustaría participar?

Quero traballar o desenvolvemento comunitario, sobre todo con maiores e persoas maiores con discapacidade. É un tema que está moi pouco traballado. A esperanza de vida destas persoas aumenta, porque a nivel sanitario se teñen máis recursos, e non hai moito material ao respecto. É algo que me gusta moito e sobre todo traballalo dende o desenrolo comunitario, tanto en domicilios como en calquera entidade ou institución. É un tema moi importante, porque como persoas, independentemente de se teñan ou non unha discapacidade, seguen formando parte da sociedade e teñen que ter ese sentimento de pertenza.

"O lugar da Picheira, onde naceu meu pai, faime recordar unha infancia feliz"
Se non fora Educadora Social. Que profesión escollería?
Non me vexo facendo outra cousa. E ademais penso que seguirei fando o mesmo sempre, ata que me toque xubilarse.
Ten algún referente?
Todos e ningún. Gústame coñecer xente da profesión e trato de aprender dos seus erros e dos seus acertos. Retroalimentarme. Pero si que hai compañeiras que me gusta escoitar e coas que me sinto moi próxima en pensamentos como poden ser Lourdes Bermejo ou Marichu Calvo.
Que afeccións ten?
Gústame o cine, agora máis ben as series, e viaxar. Pero sobre todo, desfrutar das amizades.
Algunha viaxe pendente?
Moitísimas. Pero hai unha que xa fixen e que me gustaría repetir cos meus fillos, a Kenia. É unha viaxe que te axuda a aprender a valorar .
Ten algún recuncho especial nas Pontes?
Teño varios. A Picheira, o lugar onde naceu meu pai e onde sempre nos reuniamos cos curmás, os tíos... Faime recordar unha infancia moi feliz. E actual, gústame o mural do Banco dos Bicos.
Un libro.
O último que estou relendo, ‘Todo esto te daré’, de Dolores Redondo.
Unha serie. 
‘Por trece razones’. 

Comentarios