Latexos de Meira a Houston

A neurocientífica Sonia Villapol, de Bretoña, volveu ao instituto no que estudou para poñerlle o seu nome ao laboratorio do centro
Sonia Villapol, no laboratorio do IES Pedregal de Irimia que xa leva o seu nome. C. PÉREZ
photo_camera Sonia Villapol, no laboratorio do IES Pedregal de Irimia que xa leva o seu nome. C. PÉREZ

A mediados dos 90, unha moza de Bretoña (A Pastoriza), graduábase no instituto de Meira coa ilusión de ser científica. Máis de 25 anos despois, Sonia Villapol Salgado, aquela rapaza chea de soños volveu ás aulas que regaron a semente do que é hoxe cunha maleta de realidades, para poñerlle o seu nome ao laboratorio de ciencias e demostrarlle así aos alumnos, e sobre todo ás alumnas, de hoxe e de mañá que se realmente se quere, nada é imposible.

"Foi moi emocionante entrar de novo no instituto", asegura a investigadora e profesora no instituto de investigación do Hospital Methodist de Houston, que viaxou polos recordos a través das fotografías das orlas de xeracións pasadas, acompañada pola súa familia e pola súa mellor amiga do instituto, Ana Isabel Rei.

Ademais de descubrir a "simbólica" placa que leva o seu nome, no marco dunha iniciativa impulsada polo centro para darlle visibilidade ao traballo das mulleres poñéndolle o seu nome a distintos espazos do instituto, Sonia Villapol compartiu tempo co alumnado do centro.

Primeiro reuniuse cos rapaces de Eso na casa da cultura, onde lles explicou a súa traxectoria e respondeu as súas preguntas, e logo, con alumnos de 4º de Eso e de 1º e 2º de BAC, estreou o mentorado Latexos pola Ciencia –unha referencia á revista do centro, Latexos, que ela cofundou–. A través desta idea, Villapol quere axudar a quen teña vocación científica a saber os pasos a seguir para pedir bolsas, prácticas ou estudos ou poñelos en contacto con profesionais que poidan serlles útiles na procura dun camiño profesional.

Comentarios