Club Lagostelle Ra, compañía e boa puntería

Unhas 20 persoas crean unha nova entidade en Guitiriz para practicar e promocionar este xogo popular
 
Integrantes do club Lagostelle Ra na II Copa do Xogo da Ra dentro dos Xogos da Primavera. M.ROCA
photo_camera Integrantes do club Lagostelle Ra na II Copa do Xogo da Ra dentro dos Xogos da Primavera. M.ROCA

"Todo empezou porque atopamos esta ra nun almacén. Estaba abandonada, amañámola e empezamos a xogar de broma con ela", recorda Jesús Fernández, presidente do novo club Lagostelle Ra, unha entidade nacida da convivencia e complicidade xurdida entre os participantes nunha actividade da biblioteca pública municipal Casa Habanera de Guitiriz e que ten o tradicional xogo da ra como eixo central.

O xerme desta iniciativa atópase nos Xogos da Primavera, unha proposta de lecer que promove dende o ano 2022 a biblioteca guitiricense. Nela, todos os mércores sacábanse xogos populares para pasar a tarde e o da ra era un deles. O interese que xurdiu en torno a el fixo que o ano pasado se organizara a primeira Copa do Xogo da Ra, a cal resultou ser un éxito de convocatoria.

A partir de aí, a unión entre os participantes foi a máis. "A idea foi facer unha especie de club para unir a un grupo de xente en torno a unha actividade á que xa estaba vindo", indica Ana María Pérez, a responsable da biblioteca Casa Habanera, que engade que queren "nun futuro movernos pola zona e ir divulgando e ensinando este xogo" e que esperan facelo pronto visitando os centros educativos do concello e o centro de día Casa do Capataz.

O novo club conta cunha vintena de integrantes de idades do máis variado, os cales "estaban vindo os mércores e quedaban despois a tomar algo e facían convivencia", di Ana. Porque a iniciativa conta tamén con outro obxectivo importante: "Promocionar a relación interxeracional a través do xogo e buscando recuperar un xogo antigo".

Estrea

E recentemente o Lagostelle Ra tivo a súa posta de largo, coa súa primeira actividade. Esta coincidiu coa celebración da II Copa da Ra, que serviu para abrir a terceira edición dos Xogos da Primavera e que contou con 17 inscritos entre os oito e os 70 anos. Nela proclamouse vencedor Daniel, mentres que Arbolita e Ana Casas quedaron en segundo e terceiro lugar. A concelleira de Integración, Promoción e Servizos Sociais, Sofía Sánchez, entregou os premios.

"Pasámolo moi ben. E no verán pasa por aquí xente que vén de vacacións de Barcelona ou de Bilbao e gústalles. Aínda que hai moitas persoas que recoñecen o xogo e despois non se animan a tirar, porque é difícil", precisa o presidente. Pero para perder o medo propón unha solución: "Todos os mércores, o que queira vir, aquí estamos dúas horas polas tardes", invita Jesús. Anotado queda!

Comentarios