A CHAIRA, 15 ANOS: COSPEITO

A lagoa, corazón e nexo de novas propostas

O Concello integra o seu maior emblema en Feira do Monte, mentres antigos espazos  ofrecen novos usos que outros aínda agardan   
2009\> O vento tira as
últimas torres nazis,
no Arneiro e Momán
photo_camera 2009 > O vento tira as últimas torres nazis, no Arneiro e Momán. M.ROCA (AEP)
Veciñanza
Cando arrincaba o suplemento A Chaira en 2006, Cospeito sumaba 5.409 habitantes, 1.014 máis que 15 anos despois, cando conta con 4.395, segundo o Ige. A media de idade é de 53,73 anos. 
Onde están os marcos? 
Con 145 quilómetros cadrados de superficie e en pleno corazón da Terra Chá —limita cos concellos de Vilalba, Abadín, A Pastoriza, Begonte, Castro de Rei e Outeiro de Rei—, Cospeito divídese en 20 parroquias con dous grandes núcleos, Feira do Monte e Muimenta. As parroquias son Arcillá, Bexán, Bestar, Cospeito, Goá, Lamas, Momán, Muimenta, Pino, Rioaveso, Roás, Santa Cristina, Seixas, Sisoi, Sistallo, Támoga, Vilar, Vilapene, Xermar e Xustás.  
Quen manda aquí? 
Armando Castosa (PP) vai polo sétimo mandato dende que chegou á alcaldía no ano 1991 para substituír a Manuel Cabana (AP). O PP mantén a maioría absoluta en Cospeito e suma seis concelleiros, fronte aos catro do PSOE e un do BNG. O rexedor, presidente da Mancomunidade de Municipios Terra Chá, foi deputado provincial e senador por Lugo. 
Para botar un pé 
Ás festas de Feira do Monte súmanse moitas citas, incluída a dos Xogos Tradicionais. Pero se algo ten Cospeito son feiras: a da Filloa e a Moexmu, en Muimenta, e a da Maquinaria, Artesanía e Antigüidades e a do Porco da Ceba, en Feira do Monte. 

Nestes 15 anos o coñecido por ser o corazón da Terra Chá perdeu algunha oportunidade —o temporal tirou en 2009, tras caer a da Graña (Abadín) o mesmo ano que nacía A Chaira, as últimas torres nazis, que centraron posibles proxectos de musealización e un futuro parque temático que nunca chegou— pero alcanzou outras. O Concello, nunha aposta por integrar o seu maior emblema, a lagoa, no ir e vir de xentes e no propio rueiro, leva tempo impulsando proxectos para que esta, ademais de ser epicentro turístico, sexa nexo de unión. 

En 2007, mentres o símbolo chegaba á, naquel momento, recén remodelada Praza do Concello de Feira do Monte cunha fonte deseñada por Rafael Nadales, inaugurábase a senda peonil que une o miradoiro da Terra Chá coa lagoa, un primeiro camiño ao que se foron sumando outros. O último, en 2017, unha senda que une o humidal coa Casa das Aves, un museo que permite case ‘chapotear’ sobre a auga para viaxar ao ceo sen necesidade de ter ás. 

A Casa das Aves, que ocupa o que foi o antigo cuartel da Garda Civil na localidade —o novo inaugurouse en 2015—, relanzouse en 2018, aínda que as obras estaban rematadas moito antes. O museo, que complementa a visita a lagoa, como outras propostas turísticas e de lecer —unha ruta circular polas principais fontes de Feira do Monte ou o novo Parque Biosaudable da Ciencia, a Historia e as Artes que ocupa 40.000 metros cadrados da capitalidade municipal— é un dos antigos espazos que cambiaron de uso nos últimos anos. Outros naceron de cero e algúns, como a Torre de Caldaloba, continúan á espera dunha nova vida. A Xunta acaba de comprometerse a poñela en valor mentres o Concello negocia a súa titularidade coa propiedade. O tempo dirá cal é o destino doutro emblema que forma parte do propio escudo municipal. 

Nestes 15 anos quedan datas sinaladas como 2009, coa apertura da gardería; 2011, coa inauguración do centro de día Vila de Valverde —outra referencia máis á lagoa—; 2015, ao reabrir a cámara agraria como centro multiusos, ou 2017, coa posta en marcha da Edar, despois dunha grande aposta por levar a auga a todas as parroquias, ou co inicio da remodelación das naves do campo da feira na capitalidade municipal, onde tamén houbo iniciativas privadas. 

En 2009 inaugurouse a granxa escola Garabullos; en 2017, o novo tanatorio, e en 2018 tres socias apostaron por unha casa comunitaria para maiores en Támoga, Avime, que demostrou na pandemia que os peores presaxios poden ter final feliz. 

Pero non todo se centraliza en Feira do Monte. Houbo outros proxectos e os novos usos para antigos espazos chegaron a diversas parroquias, como coa remodelación das escolas. Moitos fixéronse realidade en Muimenta. 

Os veciños do outro gran núcleo de poboación, golpeado en 2019 pola nova máis triste que unha páxina pode contar, a morte da nena Desirée supostamente a mans da súa nai, sempre foron exemplo de unión. Impulsaron a recuperación da vella igrexa, reconverteron a antiga escola en museo pedagóxico en 2012 e abriron o Museo das Zocas en 2019, o mesmo ano no que os froitos vermellos empezaron a ocupar cada vez máis terreos no Arneiro, ese lugar ao que en marzo, un mes despois de que o Concello rescindise contrato co equipo redator do PXOM tras máis de dez anos de traballos, chegou a xigantesca M de McDonalds para recordar que o leite de Cospeito está no queixo das hamburguesas máis internacionais.

Protagonista
                               Isabel Rivas. A cospeitesa Isabel Rivas é o exemplo da volta ao rural. En 2018 apostou por rehabilitar un antigo muíño, o do Frouseiro, na parroquia de Goá e comezou a moer de forma artesanal para comercializar fariña do país. O proxecto contou cunha subvención do GDR Terra Chá e hoxe El Molino de Isabel, como se coñece o seu proxecto, é un referente na venta de fariñas, que tamén comercializa a través da súa propia páxina web.

Comentarios