O lago das Pontes, un mar de lecer

Maxia, teatro, circo e inchables xigantes foron os grandes atractivos da fin de semana
Actuación do Mago Paco no lago das Pontes, dentro da programación 'Un Mar de Lecer'. MARTA MANCEBO
photo_camera Actuación do Mago Paco no lago das Pontes, dentro da programación 'Un mar de lecer'. MARTA MANCEBO

O lago das Pontes converteuse durante toda a fin de semana nun pequeno parque de atraccións, ou nun mar de lecer, nome que lle otorgou o Concello á programación que ao longo do mes de agosto fará deste o emprazamento máis atractivo de toda a vila.

Maxia, teatro sobre rodas e inchables xigantes foron os principais reclamos durante os últimos días, unhas actividades coas que se pretende conmemorar o décimo aniversario do lago —este foi só un pequeno petisco, o groso chegará a fin de semana do 20 de agosto, día no que se conmemora a apertura oficial da praia— e que conseguiron xuntar a moitísima xente de todas as idades e condicións.

Colas de rapaces para subir aos inchables xigantes do lago das Pontes. M.M.
Colas de rapaces para subir aos inchables xigantes do lago das Pontes. M.M.

As actividades comezaron xa o venres coa instalación dunhas colchonetas de dimensións estratosféricas que fixeron as delicias de grandes e pequenos. Z-Gravity, Kamikaze e Selva son os nomes detrás dos que se agochan unhas atraccións non aptas para os que teñan vertixe, e que todavía se poden desfrutar este luns en horario de mañá, de 12.00 a 14.00 horas, e de tarde, de 16.00 a 20.00 horas.

E de saltos e baixadas a toda velocidade a un espazo escénico ambulante, o que achegou ao lago pontés Teatro sobre ruedas, unha compañía que mestura interpretación, música, malabares e, sobre todo, moito humor, e que fixo varios pases durante a fin de semana cunha gran resposta por parte do público, que tampouco dubidou en tomar algo na súa cantina con rodas.

Igual de exitoso foi o espectáculo do Mago Paco, unha actuación encadrada dentro de Galicia Ilusiona. Maxia na Rúa que tamén fixo dous pases, un o sábado e outro o domingo. Os máis pequenos desfrutaron de diferentes trucos, nos que incluso puideron intervir, e das risas que foron unha constante durante a actuación.

As actividades, organizadas polo Concello, teñen como obxectivo festexar o décimo aniversario do lago, que se cumpre o día 20

O mar de lecer continuará durante as próximas fins de semana de agosto. O 20 e 21, coincidindo coa data exacta do aniversario, haberá unha feira do comercio local promovida pola Deputación da Coruña e un Festival de Papaventos, que incluirá obradoiros e exhibicións.

Tamén haberá varias actuacións. Entre elas Mezzo el fantástico circo de insectos gigantes, C´est pas possible e Kanbahiota Volando Vengo, dirixidas a un público familiar. A isto sumarase La penúltima Sabinera, tributo a Joaquín Sabina, e un concerto do grupo The Broken Peach.

A programación pecharase os días 27 e 28 coa desputa do Campionato Galego de Vela clase Vaurien e cunha gran festa, na que se instalarán no lago cinco inchables acuáticos, catro de agua e outros cinco similares aos dos programas televisivos Humor Amarillo e Wipe Out.

Comentarios