Labrada terá unha biblioteca rural no presbiterio da igrexa parroquial

Unha veciña, Branka Villar, e o cura Luís Ángel Rodríguez Patiño impulsan este proxecto ► O futuro centro supera as 5.000 obras doadas e está á espera dos estantes para colocalas
Branka Villar, no presbiterio da igrexa con algunhas das obras doadas para a futura biblioteca.
photo_camera Branka Villar, no presbiterio da igrexa con algunhas das obras doadas para a futura biblioteca. C. PÉREZ

Cando era nena, Branka Villar soñaba con que na súa parroquia natal, Labrada, onde segue a vivir, houbese unha gran biblioteca chea de libros, onde ela, e o resto dos veciños da volta, poidesen darlle renda solta á paixón pola lectura.

Aquela arela infantil tardaría en callar, pero agora, grazas á implicación do párroco Luís Ángel Rodríguez Patiño, está a piques de converterse en realidade no presbiterio da igrexa parroquial de Santa María.

"Queremos crear un punto de referencia da cultura local", asegura a principal promotora desta iniciativa, que agradece a colaboración desinteresada de quen se foi sumando ao proxecto. E é que polo momento, non foi necesario facer investimentos, pois todo o material co que contan foi doado por particulares ou entidades que quixeron sumarse á proposta.

"Estamos dandolle forma á biblioteca a base de doazóns", precisa Branka, transmitindo un especial agradecemento á mestra e escritora vilalbesa María Xosé Lamas. "Xubilouse e fíxonos unha gran doazón, porque renovaron a biblioteca do colexio no que estaba e os libros que descartaron acabaron aquí, para que poidesemos aproveitalos", di Branka, que fala tamén doutras contribucións por parte de persoas que, "ao ter coñecemento do proxecto, quixeron botar unha man". E así, foron sumando unha importante cifra de referencias de todo tipo.

"Calculo que temos xa entre 5.000 e 6.000 libros", precisa, salientando por exemplo tres volumes sobre mitoloxía grega en Galicia agasallados fai pouco pola sociedade histórica da Coruña.

Esta curiosa referencia dá conta da variedade da oferta coa que contará a futura biblioteca, pois nela haberá dende as enciclopedias de sempre ata obras de poesía en galego, teatro ou literatura clásica, pasando polas narracións infantís e xuvenís ou o ensaio, ata volumes históricos, coma unha "preciosa edición para nenos" de El Quijote de 1925.

Xa lles doaron tamén mesas e cadeiras, máis os libros agardan en caixas ao outro elemento fundamental, os estantes. "Estamos á espera de que o Concello nos envíe uns que ten comprometidos e que son imprescindibles para poder colocar os libros", di Branka, transmitindo outro agradecemento a Puri Díaz, da adega Val do Frade da Ribeira Sacra.

Coñecéronse a través dun grupo poético e, ao saber do proxecto, decidiu contribuír con dous estantes feitos dunha barrica de viño centenaria.

Cando se poidan expoñer, farase a catalogación e organizarase un sistema de préstamos. "Teño unha amiga bibliotecaria que me falou dun programa informático que permite facilmente tanto a documentación do libro para organizar os fondos como atopalo para o usuario", di Branka, que tamén tentará ter un rexistro físico para quen non teña internet.

"Estamos deixando morrer o rural e confiamos en que esto sexa un aliciente e que sirva de exemplo para ver o que se pode facer nas parroquias", asegura Branka, ilusionada cun proxecto que ofrecerá un novo servizo, posible grazas ao apoio de Patiño, que pensou no espazo dispoñible sobre a sancristía para crear esta biblioteca rural que confían en poder inaugurar cunha gran festa que sirva para celebrar tanto a apertura como o ver un soño infantil ao fin cumprido.

Comentarios