jueves. 26.05.2022 |
El tiempo
jueves. 26.05.2022
El tiempo

Labrada e os seus tesouros a descubrir

undefined
Visita guiada á igrexa de Labrada. EP
Branka Villar ofrece visitas guiadas á igrexa e ao cemiterio desta parroquia guitiricense, que se complementan co Facebook ‘Os segredos agochados’

Segredos gardados
no silente recinto pétreo,
que acubilla no seu ventre
milleiros de pasos
o longo dos séculos
ate o presente,
pasos anegados
de profundos sentimentos, raigame da humanidade
que son recibidos
ó chegar o templo por un tesouro,
facianas pintadas con dozura
que ollan através dos séculos
dende as paredes
da Igrexa de Labrada

Co poema Segredos pesenta Branka Villar Os Segredos Agochados, unha porta virtual en Facebook aberta ao mundo para dar a coñecer o patrimonio da parroquia guitiricense de Labrada. 

En marzo estreaba as visitas guiadas á igrexa e os seus frescos —pódense concertar no 622.55.47.73—, co fin de "chamar a atención sobre esta pequena obra de arte" que se agochaba nas paredes do templo románico. "Queremos poñer o punto de atención nos frescos, a ver se conseguimos que os restauren", asegura, salientando a boa acollida dos seus tours pola igrexa, aos que sumou o cemiterio, "porque a súa arquitectura é unha beleza". "Estamos a ter dúas ou tres visitas cada fin de semana, e cada vez con grupos máis numerosos", explica.

E para abrir boca ou para quen non poida ir en persoa, sempre están as redes sociais, nas que un vídeo de Zeltia Villar introduce ao público na igrexa. E vanse debullando curiosidades: "A primeira nova que se ten sobre estes frescos data do 29 de decembro de 1703: Por quanto las paredes de la capilla mayor están sin blanquear y descubierta con toda indecencia. Posteriormente, en 1742 , solicítase a cuberta con cal de todo o templo, laboura que se acometería ao ano seguinte, tras traer o material de Betanzos".

Tamén se fala do templo, reconstruído entre o XVII e o XVIII e que formaba parte do Mosteiro da Granxa. "A primeira noticia que se ten sobre esta pequena freguesía data de 1177, cando Fernando II de León expide un privilexio polo que doaba o Mosteiro da Granxa de Labrada o Mosteiro de Monfero", relátase.

Branka, que custodia tesouros coma a cruz templaria gravada na parede, confía en ir dándolle visibilidade non só á igrexa senón tamén a outros puntos de interese de Labrada, onde hai castros, mámoas, capelas... Moitos segredos agochados a descubrir.

Labrada e os seus tesouros a descubrir
Comentarios