Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

José Ulla: "Neste mandato apostamos pola mellora de servizos e por investir en infraestruturas"

José Ulla. EP
José Ulla. EP

O alcalde begontés encara o último ano de mandato coa confianza de ter os deberes feitos e dous grandes proxectos en marcha: a reforma da casa do concello e da cámara agraria ► A mellora do alumeado público, de vías e das redes de saneamento e de abastecemento son apostas continuas mentres confía en que a iniciativa privada reforce o turismo

JOSÉ ULLA curtiuse políticamente no equipo de Pena Rábade durante dous mandatos e botou catro na oposición antes de que en 2011 lle chegase a oportunidade de ocupar a cadeira de mando de Begonte cunha maioría absoluta que os veciños lle volverían outorgar nos comicios de 2015.

Que balance fai deste mandato?
Bastante positivo. A pesar da coxuntura económica, das restricións e do control de gasto imposto ás administracións locais, conseguimos executar entre o 80 e o 90% do programa electoral do PP de Begonte. E confío en que no ano que falta ata as eleccións poderemos chegar ao 100%.

Cales foron os puntos fortes?
O investimento en infraestruturas e a mellora de servizos. Fixemos locais sociais nas parroquias que non había, investimos uns 200.000 euros por ano en ampliar e mellorar a eficiencia do alumeado público e na rede viaria apostamos por un cambio importante e comezamos a usar aglomerado.

Que prevé facer no ano que lle resta de mandato?
Completar a instalación do alumeado público en todas as parroquias, porque en moitas estaba como semipúblico, cun contador. Quedarán tres parroquias e a final de ano esperamos telo, se non rematado, polo menos orzamentado. Tamén prevemos ter rematadas en 2019 as obras de acondicionamento da antiga cámara agraria, un proxecto ambicioso, cun investimento grande.

Temos previsto mellorar a estación de bombeo, cun convenio de 50.000 euros con Augas de Galicia, para que non se repitan os problemas das últimas inundacións

E que faría se o orzamento non fose un problema?
Co arranxo da cámara agraria e da casa do concello, para o que estamos buscando fondos para o mobiliario e a fachada, parécenos importante mellorar a Praza Irmáns Souto Montenegro. Necesitaríanse uns 500.000 euros para delimitar aparcamentos, peonalizar, axardinar, colocar mobilizario urbano, etc. Temos pedida unha axuda da Xunta para a mellora de espazos públicos.

Que demandas fan os veciños?
O que se está a facer. Pedían melloras no alumeado e nas redes de saneamento, que imos ampliando, e de abastecemento, que xa están completas en todas as parroquias. Tamén temos previsto mellorar a estación de bombeo, cun convenio de 50.000 euros con Augas de Galicia, para que non se repitan os problemas das últimas inundacións, cando quedou inutilizada ao chegar a auga ás bombas. Tamén nos piden levar actividades ao rural e por iso puxemos en marcha, por exemplo, cursos de ximnasia de mantemento nas parroquias, para que os veciños non se teñan que desprazar.

Pregunta repetida, Pacios-Baamonde será unha realidade?
Non depende de nós. Hai unha nova reunión convocada con Xestur e sei que hai interese por parte de empresas loxísticas. A idea é que sexa a empresa a que compre ou alugue o solo e o urbanice.

Begonte precisa solo industrial?
Si que hai demanda. Hai un proxecto privado para ampliar o polígono de Begonte, que está estancado pola situación económica, pero espero que saia adiante. As naves baleiras estanse ocupando, Ingapan vai ampliar e no de Carral estanse a vender parcelas.

O belén e o Camiño Norte atraen xente e a hostalaría funciona moi ben, pero a infraestrutura hoteleira non é moi grande

Que repercusión tivo para Begonte a declaración do belén como Festa de Interese Turístico?
Deulle máis proxección e incrementouse o número de visitantes. Ademais, a achega económica da Xunta e de Abanca é importante. O belén e o Camiño Norte atraen xente e a hostalaría funciona moi ben, pero a infraestrutura hoteleira non é moi grande, aínda que xa hai algún proxecto neste sentido en Baamonde. Begonte ten unha gran potencialidade polo seu patrimonio cultural, as lagoas, os clubs fluviais... na medida en que as infraestruturas e os servizos sexan acordes.

Ten sido moi crítico coas achegas da Deputación. O plan único corrixe esa eiva?
É un balón de osíxeno para os concellos. Nós pasamos de 13.000 a 300.000 euros. Nótase moito.

A moción de censura pode ter algunha repercusión para Begonte?
Se se cumpre co orzamento aprobado e mantendo a liña de investimentos non debería afectarlle. Na N-VI e na A-6 xa se fixeron melloras, pero hai que investir máis, porque é un eixo de comunicación fundamental. Había un compromiso de Fomento que agardamos que o novo ministro respecte.


"Repetirei mentres teña ilusión e os veciños confíen en min"

Repetirá candidatura?
Dependerá dos meus compañeiros, pero mentres teña ilusión e proxectos inacadabos, vexa que son útil e os veciños me dean a súa confianza, si me presentarei.

Hai diferenzas entre un primeiro e un segundo mandato?
A experiencia, aínda que xa tiña de antes, dá unha bagaxe, abordas os problemas doutro xeito.

É deputado provincial, que diferencia a política local da provincial?
Na municipal estás ao carón dos veciños, é política para persoas con cara, con nome e apelidos. Na Deputación é máis un labor político, de partido.

Segue a exercer de veterinario?
Si. Cada vez me é máis complicado, pero non quero perder o contacto. É a miña vocación, non pretendo vivir da política e penso volver á miña actividade.

Que faría se o seu fillo lle di que quere dedicarse á política?
Non llo descartaría, pero diríalle que primeiro ten que formarse, ter algo que lle dea un sustento. Non se pode vivir exclusivamente da política.

Ten mascota?
Non teño porque non me gusta ter os animais desatendidos. Tiven un cabalo, pero non tiña tempo para montar e gustaríame ter un can cando poida atendelo.

Como desconecta?
O fútbol e o running é ao que dedico a maior parte do meu tempo libre. Creamos o club Corre por Begonte e somos case 30 persoas. É do máis gratificante, polo compañeirismo e por sentirse ben de saúde. É das mellores cousas que me pasaron nos últimos anos.

Curiosidades
No limbo dos 3.000 veciños


Os datos do Instituto Galego de Estatística (Ige) din que Begonte contaba con 3.071 habitantes censados en 2017, uns 500 menos que hai dez anos. Aínda que o concello non é alleo ao envellecemento poboacional, dende o goberno local amósanse esperanzados porque notan un incremento da xente nova que queda a vivir e de retornados. A media de idade do municipio é de 54,47 anos, con 217 veciños menores de 15 anos e 1.106 maiores de 65.

Superficie e límites
Cos seus 126,8 quilómetros cadrados, repartidos en 19 parroquias, Begonte é o concello máis pequeno dos nove que conforman a comarca da Terra Chá. Limita con Guitiriz, Vilalba, Cospeito, Rábade, Outeiro de Rei e Friol.

Laboral
O sector agrogandeiro non é o referente. Segundo as afiliacións en alta laboral de marzo, 121 persoas traballan na agricultura, superando por moi pouco as da construción (104) e por debaixo da industria (209) e dos servizos (627).

José Ulla: "Neste mandato apostamos pola mellora de servizos e por...
Comentarios