José Ulla: "Foi un maratón espectacular, do que volvemos cos obxectivos cumpridos"

O alcalde de Begonte, José Ulla, é un asiduo das probas atléticas e agora vén de participar no maratón de Valencia
José Ulla. AEP
photo_camera José Ulla. AEP

O rexedor begontés, José Ulla, é un dos habituais das carreiras populares e agora vén de probar sorte nos 42 quilómetros do Maratón Valencia Trinidad Alfonso, onde logrou o posto 1.156 de máis de 20.000 corredores ao cruzar a meta en 2.51.59.

Que sensación queda?
Foi un resultado e unha carreira espectacular, tanto por percorrido, afección e incluso polo ambiente no avión, cheo de xente de Galicia que tamén participaba. Mereceu a pena o sufrimento porque, os tres do club Corre por Begonte que participamos, José Antonio López Panucci, Eva Ríos e eu, volvemos cos obxectivos cumpridos, que no meu caso era baixar das tres horas.

Foi unha proba na que tamén participaron varios famosos.
A Dabiz Muñoz, o cociñeiro, adianteino, pero non sei en que momento. (Ri).

E como decidiron participar?
Era unha aspiración que tiña dende que empecei a correr, fai uns nove anos. É a aspiración de todos os que corremos, así que dende o club decidimos apuntarnos, empezamos cos adestramentos e tivemos a sorte de entrar. En xuño xa se acabaran os 25.000 dorsais.

Canto tempo adestraron?
Durante tres meses polas noites, despois de traballar, durante catro ou cinco días á semana e, nas fins de semana, xa eran tiradas máis longas, de máis de 20 quilómetros.

Panucci, Eva Ríos e José Ulla ao remate do maratón. CORRE POR BEGONTE

Hai posibilidade de repetir?
Agora as pernas dinme que non, pero seguro que nunhas semanas o pensamos.

Como axuda o deporte a exercer a política?
Axuda en todo, por iso dende o Concello o impulsamos. Os que corremos sabemos os valores que aporta, o que é sufrir, pero tamén a solidariedade e o compañeirismo. Intentas superarte a ti mesmo e as túas marcas, pero non pasar por encima do compañeiro.

De onde se saca o tempo?
Se hai ganas, hai tempo. Ao mellor hai que levantarse ás
sete da mañá, pero este mundillo san e cheo de valores, engancha.

Comentarios