José Torres: "Ser 'best seller' faime sentir realizado nesta arte da poesía"

Ata hai menos de dous anos, a súa era unha faciana popular no mundo da música, pero completamente descoñecida no literario. Poemas y canciones de una vida abría un exitoso camiño que continúa Poemas del alma y de vida 
undefined
photo_camera José Torres. EP

O solfeo era a súa materia preferida de neno e, aínda que se dedicou a outros quefaceres e non se centrou só na música, o certo é que a composición e a interpretación sempre formaron parte da vida do begontés José Torres, natural de Saavedra e hoxe veciño de Lugo, logo de vivir en distintas partes de España por traballo. Ao mundo da literatura tardou un pouco máis en chegar, pero entrou pisando forte e, con dous poemarios publicados en dous anos e un terceiro rematado, semella disposto a quedar.

Co primeiro libro nas mans, dicía que nunca pensara en publicar, e xa vai polo segundo. Que o levou a apostar por publicar outra vez?

Poemas del alma y de vida é unha parte do contido que me quedou pendente do primeiro libro, Poemas y canciones de una vida. A partir deste, foime entrando o gusto pola escritura e a necesidade de escribir e poder publicar. Por iso, xunto a outros poemas que fun escribindo, pareceume oportuno facer outro libro só en castelán, sen mesturar as linguas coma no primeiro libro.

O libro está a ter unha gran acollida e chegou a ser número 1 en vendas en Amazon, como o fai sentir esta repercusión?

A decisión que tomei de publicar este segundo libro creo que foi moi acertada e afortunada. E encheume de orgullo, pois nunca pensei que eu chegase a ter un libro publicado e que chegase a ser best seller un dos meus libros. Sen dúbida que me fai sentir moi motivado e realizado nesta arte da poesía e a escritura, que tampouco nunca pensei en exercer a este nivel, profesionalmente. 

Que inspirou este poemario?

Inspirouno esta pandemia que estamos sufrindo, xa que, ao non poder facer presentacións presenciais como estaba a facer do meu primeiro libro, apunteime a un curso de escritura de Best Seller en Amazon, e ao momento de estalo facendo, tiven esta idea para cando rematara o curso, que podía publicar o contido de poemas que eu xa tiña escritos nun borrador.

Haberá presentacións?

Nesta situación que estamos, non se están a facer presentacións presenciais de libros, principalmente en librerías, e noutros espazos tampouco é recomendable. Pero sen dúbida que, cando esta situación nos deixe volver un pouco á normalidade, si volverei facelas.

Que semellanzas e diferencias hai con respecto á súa obra de debut, Poemas y canciones de una vida?

A única semellanza é no contido, unha boa parte do mesmo está escrito baixo as mesmas influencias e vivencias. A diferencia principal é a lingua. Poemas y canciones de una vida está escrito mesturando o galego e o castelán e, como dicía antes, en Poemas del alma y de vida só usei o castelán.

Haberá un terceiro poemario? 

Si, xa teño á espera da publicación o meu terceiro poemario, estou valorando onde facer a publicación, xa que este está escrito totalmente en galego e para min vai ser moi especial, pois con el pecho o meu primeiro capítulo de poesía.

Tamén tiña en proxecto unha novela, como vai?

Teño xa algún capítulo en estudo, pero estou agardando a rematar outros proxectos anteriores, que para min son máis importantes. 

Que temas centran a súa obra? 

Principalmente, a miña poesía xira moi ao redor das miñas experiencias, das vivencias e dos propios avatares da mesma vida.

Acaba de debutar como escritor, pero conta cunha longa traxectoria como músico, que o levou a interesarse pola música?

A música formou parte da miña vida dende sempre. Aos 13 ou 14 anos descubrín o primeiro instrumento nas miñas mans, unha guitarra, e xa me namorou para sempre pola dozura do seu son e pola súa figura.

Tamén conta con numerosas pezas musicais da súa autoría, que o inspira para compoñer?  

Para min, a composición musical é algo semellante á poesía, á escritura, etc. Calquera cousa me pode inspirar para facer unha canción: o amor, o desamor, a natureza, o canto dun paxariño, as inxustizas… En fin, depende do momento no que me atope e como me afecten as cousas para que a miña mente comece a voar.

Forma parte do grupo de música antiga Nihil Novum, cando nace?

Nace en 2018, xusto cando cheguei aquí, a Lugo cidade, para vivir aquí definitivamente. Tiña a idea na cabeza dende facía un tempo, por ter contacto con grandes músicos e grupos de música antiga de fóra de Galicia. A verdade, custoume un pouco dar con músicos que lles apaixonase este proxecto tanto coma a min. 

Que obxectivos ten? 

O obxectivo é levar este tipo de música tan importante para nós aos máis diversos lugares da nosa contorna e da nosa terra, xa que é unha música que está moi abandonada e descoñecida co paso das xeracións e xeralmente falando.

Como seleccionan o repertorio?

Buscando os temas que máis nos gusten, dos escoitados a outras formacións e despois adaptámolos á nosa. Tamén adaptamos algunha peza que coñecemos das transcricións antigas.

Ten outro proxecto en marcha? 

Non, neste intre non teño máis proxectos a curto prazo que poida atender.

"Para desconectar do mundo escollo unhas boas vacacións nun hotel rural de montaña"
A música é... 
A banda sonora da vida.
Un músico?
Martín Códax.
Unha canción?
Gracias a la vida.
Un instrumento?
A zanfona.
Cantos instrumentos toca?
Podo dicir que son máis de media ducia.
Un escenario?
O do teatro lucense que non temos en Lugo.
E se lle din Los Tupy’s, que se lle vén a cabeza?
Begonte, o primeiro grupo músical que axudei a formar.
Un libro? 
El tercer ojo.
Un autor?
Rosalía de Castro.
Un lugar para escribir?
Cerrado no meu estudio.
Púxolle música a algún dos seus poemas?
Claro que si. 
E alguén o fixo por vostede, musicar un texto da súa autoría?
Aínda non tiven esa sorte.
É un pouco trotamundos e residiu en moitos sitios, con que lugar queda para vivir?
Agora, aquí onde vivo.
Para desconectar do mundo prefire...
Unhas boas vacacións nun hotel rural de montaña.
Saavedra é...
O meu lugar de nacemento.

Comentarios