José María López: "A casa do concello rematarase este ano, ímoslle dar un pulo definitivo co plan único"

Cando se pensa na veteranía dun rexedor, o nome deste abadinés natural da Pontenova ten que saír. Aos seus 66 anos, pode presumir de levar máis da metade da súa vida gobernando un municipio que cualifica coma "a porta grande da Terra Chá". O alcalde de Abadín abre a serie de entrevistas cos alcaldes da provincia

José María López Rancaño, alcalde de Abadín. EP
photo_camera José María López Rancaño, alcalde de Abadín. EP

ANO 1983. Son incontables as cousas que levan cambiado dende entón, mais unhas delas non é o nome do alcalde de Abadín. O popular José María López Rancaño leva encadeando maiorías dende entón. Suma nove mandatos, e non di que non a un décimo.

Pensa en volver presentarse?
Falta un ano, e en política iso é moito tempo, pero se me encontro coas mesmas forzas e ilusión que agora mesmo, si me presentarei. Por suposto, tamén dependerá do que me diga o partido.

Cal cre que foi o principal cambio que experimentou o concello dende que vostede é alcalde?
Moitos, empezando polo centro médico, que non había, e seguindo polos colexios de Moncelos e de Abadín, sen esquecernos de camiños, estradas, o pavillón, a nova casa do concello cando se acabe...

E como vai ese proxecto? Hai data de apertura?
Este ano ten que ser. Ímoslle dar o pulo definitivo co plan único, con investimentos en mobiliario ou na dotación dos radiadores e da iluminación. Estanse facendo todos os axustes que precisa a obra, porque ao levar tanto tempo feita xa hai cousas que reparar, e temos alí traballando os operarios do obradoiro de emprego.

Os terreos do polígono son da Deputación de Lugo e estamos a expensas do que fagan

Do que non hai noticias é do polígono.
Son terreos da Deputación de Lugo e estamos a expensas do que fagan. Por falta de requerimentos do Concello non é.

Tampouco houbo avances na idea de ter un xeriátrico?
Non, pero para palialo mellorouse o centro de día, que hoxe conta con 40 prazas. Dedicóuselle unha cantidade importante a incrementar o número de prazas ou cambiar a calefacción de gasóleo por pellets. Dende o Concello tentamos prestarlle atención ás súas demandas. É evidente que o centro de día non quita a residencia, pero é importante ter un servizo que funcione, tendo en conta que ademais é un servizo comarcal, con usuarios doutros municipios.

Abadín non é alleo á perda de veciños. Pasou de ter máis de 3.000 hai dez anos a non chegar aos 2.500 en 2017. Que se pode facer para frear esta tendencia?
Dende o Concello é complicado facer algo, teñen que ser as políticas autonómicas e estatais as que adopten medidas, sendo conscientes de que é moi difícil reverter esta tendencia, que é un mal endémico de Galicia e de España.

Onde destacan é no sector eólico, con tres parques máis en proxecto compartidos con Mondoñedo e A Pastoriza. Que supoñen para o concello?
Para as arcas municipais é unha fonte importante de ingresos, igual que para os veciños e as comunidades de montes. A iso hai que engadirlle as infraestruturas que se constrúen grazas a eles, coma camiños nos montes.

O monte é outro punto forte, é compatible a actividade eólica cos aproveitamentos tradicionais?
Si, e como dicía, crean mellores accesos para o aproveitamento do monte para outros fins.

Falando de vías, como lle afecta a Abadín a intermitencia da A-8?
Ao estar fóra do tramo que se pecha, non ten moito impacto. Sigo dicindo que a súa creación foi positiva para o pobo, porque quitou tráfico e o que quere parar, para. E somos o pobo con mellores accesos dende Oviedo ata A Coruña.

Non houbo avances na idea de ter un xeriátrico pero para palialo mellorouse o centro de día

Nun ano abriron tres albergues privados en Abadín. O Camiño Norte é un recurso a explotar?
Si, dende logo. Abadín é final de etapa e o camiño ten que ser un recurso para nós. Aos albergues non podo máis que augurarlles un futuro prometedor.

A oposición critica a falta de plenos ordinarios, por que non se convocan?
Tivemos un o 28 de marzo e plenos si que hai, porque cando hai cousas que tratar convócase un extraordinario. E podo dicir que non hai rogos nin preguntas sen contestar nin mocións, porque non se presentan.

O asunto chegou á Valedora do Pobo, que lles dixo?
Pediu información e o que acabo de dicir foi o que se lle contestou.

Algunhas das queixas son dunha concelleira que ía na súa lista e deixou o grupo, que lles pasou?
Si, era a número tres da lista e levaba anos comigo, e antes seu pai tamén fora concelleiro máis de 20 anos. Foi unha decisión persoal dela que respecto.

MOI PERSOAL
"Volvín incorporarme hai uns meses á empresa familiar"

De non ser alcalde sería...
Empresario, que é compatible.

Tras 35 anos no cargo, que lle queda por facer na alcaldía?
Hai moitas necesidades aínda, menos que hai 35 anos, pero quedan, como levar a cabo a concentración parcelaria naquelas parroquias que a demanden.

Hai algún momento que recorde con especial cariño?
Non, para min sempre é especial cando consegues darlle cobertura ás necesidades dos veciños.

Foi o sexto da provincia con maior porcentaxe de apoio en 2015, como o fai sentir ese respaldo?
Moi agradecido aos veciños de Abadín por confiar en min.

Como elabora a lista electoral?
Primeiro reúnome coa lista actual e pregúntolles se teñen ganas de seguir e a partir de aí, entre os que quedan miramos de completala.

Cal é o seu recuncho favorito de Abadín?
Todos, porque cada un ten a súa peculiaridade, tanto a montaña coma a zona da chaira. Abadín é a porta grande da Terra Chá.

E que espazo non se pode marchar o visitante sen coñecer?
Depende, se o que lle gusta é a montaña, o nacemento dos ríos Eume e Masma, a zona de Montouto e de Labrada ou A Fraga Vella, onde xuntan Abadín, Mondoñedo e Alfoz e o Valadouro a poucos metros. O outro día invitei aos da Mancomunidade Terra Chá a vir á Fraga Vella e as turbeiras.

Ten 66 anos, pensa na xubilación?
Non, de feito hai uns meses volvín incorporarme á empresa familiar, Lácteos Lorán, con moita ilusión.

 

CURIOSIDADES
A idade media dos seus 2.490 veciños é 57 anos

O concello de Abadín conta, segundo o Instituto Galego de Estatística (Ige), cun total de 2.490 veciños cunha media de 57 anos. Case o 43% da poboación ten máis de 65 anos, e só un 5% baixa dos 15.

Superficie e límites
Ten 196 quilómetros cadrados e limita con Alfoz, Valadouro, Mondoñedo, A Pastoriza, Cospeito, Vilalba e Muras. Repártese en 19 parroquias con preto de 200 núcleos de poboación.

Algunhas cifras
Segundo os datos de 2017, en Abadín hai 396 explotacións de gando bovino con máis de 11.000 reses. Os do ano 2016 falan da existencia de 2.441 vehículos rexistrados e dunhas 350 empresas, das que 240 están relacionadas co sector agrícola.

878
Son as afiliacións laborais do concello a decembro de 2017, das que 256 son do sector primario, 114 do industrial, 76 da construción e 432 do sector servizos 

Comentarios