José Manuel Miragaya: "De pequeno sempre había algún parente que me levaba ás atraccións do San Xoán"

O preparador físico do CB Breogán, equipo no que leva dez anos traballando, criouse ao pé do campo da feira de Guitiriz, onde ano tras ano vivía en primeira liña as patronais da vila, todo un acontecemento social do que este ano lle toca ser un dos grandes protagonistas. O venres 22, ás 22.45 horas, lerá o pregón inaugural das festas

José Manuel Miragaya. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera José Manuel Miragaya. VICTORIA RODRÍGUEZ

Como o fai sentir que lle propuxeran ser o pregoeiro das festas do San Xóan?

Unha gran responsabilidade, e á vez, unha sensación de agradecemento enorme por lembrarse de min.

Ten xa unha idea do que dirá, pode avanzar algo?

Xa está moi avanzado, só quedan pequenos detalles, pero non se pode avanzar nada, que senón pérdese o factor sorpresa.

Que caras lle gustaría ver ese día no campo da festa?

Estarei moi agradecido a todas as persoas que perdan dez minutos da súa vida para vir escoitarme, e tamén me lembrarei doutras que lles gustaría estar e que por diferentes circustancias non van poder estar.

Co ascenso temos a sensación do deber cumprido, eran moitos anos loitando por lograr esta meta

Que é para vostede o San Xoán?

Unha data marcada en vermello no calendario, onde hai reencotros con xente que non adoitas ver ao longo do ano, coma familiares e amizades.

Que recordos ten da infancia desta festa?

Uns recordos moi felices, cando eu era pequeno meus pais tiñan a taberna aberta e era unha época de moito alboroto, pero sempre había algún amigo da familia ou un parente que me levaba as atraccións. Eso si, cando remataba a festa e vía que desmontaban todo, sufría unha pequena depresión postfesta (risas).

Tamén é unha cara habitual no Festival de Pardiñas, onde coordina a carreira popular, cal é o segredo para que leve case 40 anos celebrándose?

Non hai ningún segredo, hai unha persoa que é Alfonso Blanco e toda a xente que ten ao redor, que durante o ano traballan de forma incansable e altruistamente. O Festival de Pardiñas é un patrimonio de valor incalculable para o concello e, entre todos, debemos coidalo. Dende aquí quero agradecer a todos os que me botan unha man para a organización da carreira, sen eles sería imposible levala a cabo.

Leva unha década no Breogán, cal é a sensación logo de acadar o desexado ascenso?

A sensación é a do deber cumprido. Eran moitos anos loitando por lograr esta meta.

O Festival de Pardiñas é un patrimonio de valor incalculable para o concello e entre todos debemos coidalo

Como lembra os inicios, como foi comezar a traballar no club?

Pois complicados, cheguei a metade de temporada, sen experiencia no mundo do baloncesto e cun equipo feito para ascender. Algunha noite que outra durmín pouco. O tema da presión hai que aprender a convivir con el.

Como preparador físico, en que lles insiste máis aos xogadores que ten ao seu cargo?

Teño a sorte de traballar con xogadores profesionais, que saben perfectamente o que teñen que facer. O seu corpo é a súa ferramenta de traballo e teñen que coidala.

Falouse moito dos preto de 20 quilos que conseguiu que Stainbrook baixase, algunha recomendación para a xente de a pé?

Hai tres piares básicos no rendemento das persoas: adestramento, alimentación e descanso. Á xente de a pé, diríalle que abandone a vida sedentaria, que faga unha dieta equilibrada e que procure durmir como mínimo sete horas ao día.

Á xente diríalle que abandone a vida sedentaria, que faga una dieta equilibrada e que procure durmir sete horas

Participa co club en xornadas de formación en centros educativos, que tentan transmitirlles aos alumnos?

A importancia de desenvolver unha formación académica paralelamente á formación física. Tentamos transmitir a importancia do crecemento integral dos rapaces. Tamén me gusta falar cos mestres sobre a empatía que deberían ter cos alumnos, por exemplo, á hora de cambiar a data dun exame por culpa de que un alumno teña unha competición. Case sempre hai problemas e deberían valorar o esforzo que fai o alumno por compatibilizar ambas cousas.

E cales son as cousas polas que adoitan preguntar eles?

Se se ganan moitos cartos (risas), se me fan caso cando lles mando facer algo e como nos entendemos cos xogadores estranxeiros. Pero teñen preguntas moi curiosas e orixinais.

"Miñas irmás son un piar básico da miña vida"
É o pequeno da familia, con dúas irmás maiores, como marca iso?
Marca moito. Por unha parte, son un afortunado que ten dous exemplos inmellorables na casa a nivel académico, profesional e persoal. Por outra, sempre me sentín moi protexido por elas e por que non dicilo, mimado. Miñas irmás son un piar básico da miña vida.
Cal é o seu recuncho favorito de Guitiriz?
Os Sete Muíños, pero é difícil quedar cun só sitio. Son un namorado do meu concello.
Algunha anécdota confesable do seu traballo?
Deixo liada algunha que outra co inglés, co correspondente vacile e risas por parte dos xogadores.
Cantos idiomas se poden oír no vestiario? 
Moitísimos: lituano, serbio, francés, italiano, catalán, holandés, varios africanos... pero os oficiais son o inglés e o castelán.
E cantos entende?
Vou entendendo o inglés, o italiano e pouco a pouco vou colléndolle cousas aos cataláns, ou eso creo (risas).
Teríalle gustado ser xogador?
Por suposto. Hoxe en Guitiriz é difícil que saia un xogador, dende a desaparición do equipo de Xermolos quedamos orfos de baloncesto.
Un equipo?
O Guitiriz e o Breogán.
Un deporte?
Moitos, non podería quedar cun só.
Un libro?
Memorias dun neno labrego.
Unha película?
El golpe.
Unha canción?
Pacto de caballeros, de Sabina.
De maior quería ser...
Feliz (e sono).

Comentarios