José Lorenzo basea a súa nova novela nun feito real

Toxosoutos publica o libro do escritor guitiricense, 'Non debeu faltar', que el define coma "unha historia de amor"
undefined
photo_camera José Lorenzo. EDUARDO CASTRO BAL (ARCHIVO)

Un titular de prensa chamou a atención do escritor guitiricense José Lorenzo Tomé e a difícil historia de amor que contaba aquela reportaxe serviulle de inspiración para o seu último traballo, unha novela curta que acaba de ver a luz, Non debeu faltar, publicada pola editorial Toxosoutos.

"Pareceume unha historia tan curiosa que me puxen a escribila e en 15 días xa tiña o borrador", explica Lorenzo Tomé sobre unha obra que cualifica como "unha historia de amor" —é o propio subtítulo do libro— e na que a través das súas pouco máis de 100 páxinas aborda "as dificultades dunha parella para casar a mediados do século pasado, polas circunstancias que teñen para vivir o seu amor en liberdade", reflexionando ademais sobre a realidade daquela época, o papel que xogaba a Igrexa en Galicia ou a situación na que se atopaba Europa.

"A min, como lector, a historia gustoume moito e a partir de aí fun construíndo a novela, incluíndo outros elementos, facendo unha reflexión, tendo en conta a miña vinculación profesional coa filosofía", precisa o escritor, que nos últimos anos, antes de xubilarse, foi profesor desta materia no IES Miraflores de Oleiros, localidade coruñesa na que reside dende fai dúas décadas.

"Se interesa, lese dun tirón", di Lorenzo, compartindo a valoración que lle fixeron amigos seus aos que logrou enganchar cunha "peripecia que será unha loita máis a favor do coñecemento e da liberdade", segundo recolle a sinopse da novela que se pode ler na páxina web de Toxosoutos, a editorial que apostou por publicar a que cualifica como unha "excelente novela".

Ao editor Roberto Abuín, a quen José Lorenzo xa coñecía polo seu traballo en Axóuxere, editorial a través da que en 2015 publicaba Delourando os días, "gustoulle a historia" e así saíu adiante esta nova obra que sucede a Bergan, publicada en 2019 por Baía, e que xa se pode atopar nas librerías.

José Lorenzo non descarta facer algunha presentación, se ben recoñece que aínda non toca, dadas as circunstancias. "Máis adiante, cando se poida", di, agardando a que chegue ese momento.

Comentarios