sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

José López Díaz, ‘Pepe de Cristos’

Pepe de Cristos. AEP
Pepe de Cristos. AEP

Nestes incertos tempos nos que nin un enterro é o que era, os veciños da parroquia guitiricense dos Vilares tiveron que despedir dende as súas casas a José López Díaz, máis coñecido como Pepe de Cristos, que finaba este 31 de marzo aos 89 anos de idade. Veciño da Reboira, Pepe representaba coma ninguén o espírito dos músicos de antano, dispostos a percorrer quilómetros por corredoiras para animar romarías aquí e acolá ou tardes de baile nos salóns, viaxando en carros ou durmindo en palleiras.

E por iso no ano 2016 Os Vilares, Lareira de Soños quixo personificar nel a homenaxe a todos eses instrumentistas que marcaron unha época e serviron de exemplo para as xeracións vindeiras coa entrega do premio Trapeiro de Honra. Saxofonista e clarinetista, Pepe de Cristos tocou en orquestras como Armonía ou Chedeiro, ás que chegou logo de estudar música cun grande esforzo persoal, pois foi aprender solfeo cun mestre da Costa do Sal, ata onde se desprazaba mesmo andando, e ensaiaba cando podía, no monte ou no descanso entre traballos agrícolas.

“O espírito ambulante e emprendedor, o esforzo e a humildade de Pepe de Cristos representa tamén o significado deste premio creado como recoñecemento público ao labor de persoas e de entidades pola nosa parroquia”, resumían dende a entidade para dar conta dun recoñecemento popular no que familiares e veciños lle agradecían a Pepe o seu amor pola música.

Agora, toca despedir “unha grande persoa dunha xeración irremplazable”, como escriben dende a entidade, pero o seu espírito, o seu esforzo e esas melodías que tanto amaba quedarán para sempre na memoria daqueles que algunha vez tiveron a sorte de botar un pé ou, simplemente, escoitar a Pepe de Cristos tocando unha peza.

DEP, que a música te acompañe.

José López Díaz, ‘Pepe de Cristos’
Comentarios