José Francisco Ares: "O monte sempre foi o banco dos galegos e o eucalipto dá de comer"

Nun momento onde as posicións son cada vez máis enfrontadas, o presidente de Fomento Forestal, un colectivo que suma 700 socios en toda Galicia, fala da importancia de ordenar o monte para impulsar o sector forestal, que move "miles de millóns e moitos empregos"
 

José Francisco Ares, presidente de la asociación Fomento Forestal, en As Pontes. CRISTINA ARIAS
photo_camera José Francisco Ares, presidente de la asociación Fomento Forestal, en As Pontes. CRISTINA ARIAS

Ten claro que o monte non é de todos, senón dos propietarios, e que o da madeira é un "sector cun futuro moi esperanzador que hai que regular", xa que move "miles de millóns e moitos empregos". Nun momento onde as posicións son cada vez máis enfrontadas, defende o diálogo e a ordenación  dun sector, di, que pode ser "un dos grandes potenciais de Galicia". José Francisco Ares é o  presidente de Fomento Forestal, un colectivo con base en Monfero que suma arredor de 700 socios das catro provincias.

Cal é o obxectivo de Fomento Forestal?
O noso obxectivo non é só vender madeira, aínda que tamén é buscar os mellores prezos. Tratamos de fomentar o asociacionismo dos propietarios, ofrecer información e formación a través de cursos e visitas a fábricas, asesoramento...

Todos os socios son propietarios?
A maioría, pero algúns non. Pero teñen inquedanzas pola silvicultura ou a plantación, non só de piñeiros ou eucaliptos, tamén de castiñeiros ou maceiras.

A unión fai a forza?
Estamos vendendo á industria entre 50.000 e 60.000 toneladas de madeira ao ano. Iso é o que nos dá a forza para sentarnos na mesa a negociar. Ata 2010 a asociación traballaba cunha industria local para vender a madeira. E empezaron a vender á tonelada, deixaron de lado a venda a bulto.

Foi un paso adiante?
Moi grande. Como propietario perdíase moito. Así vendes o que tes. Alguén iría ao supermercado a comprar mazás a bulto? Non se me ocorrería vender nada a algo que non sexa tonelada  transparente. Tanto peso, tantos euros.

Fomento Forestal entrou no accionariado de Ence. Que implica iso?
A asociación empezou a medrar. Os propietarios tiñan moita madeira e viron que o prezo pode mellorarse. Negocian con Ence e sáelles ben un ano, así que empezan a negociar como formar  parte da industria e entran no accionariado. É unha porcentaxe moi pequena —25 céntimos por tonelada—, unha especie de pago en especie. Pero é moi positivo. A Ence asegúralle a venda da madeira e ao propietario un bo prezo e pasar a formar parte da industria. 

De que forma?
Elimínase o intermediario, o señor do móbil. Estamos facendo ben o traballo. O que traballa no monte, tamén cobra a tonelada. Así chegas a un equilibrio xusto. E o prezo agora varía en función  do PIX, o índice internacional dos prezos da pasta de papel, que é o máis xusto. 

Cal é o reto agora?
Ordenar o monte. Xuntar os veciños, coller as parcelas e unilas. Tirar os marcos. E a forma de  empezar son os cotos redondos, agrupacións de fincas de varios propietarios para xuntar mil e toneladas de madeira. Pero hai que facelo dende abaixo e non dende arriba como intentou a Xunta, que creou a figura das Sofor, pero a superficie mínima son 50 hectáreas. A administración ten que escoitar as asociacións e os propietarios. Non tivemos voz na elaboración da Lei de Montes. Só contan coa Asociación Forestal de Galicia, que non nos representa a todos.

É posible tirar os marcos na Galicia do minifundio?
Queda moito traballo por diante. Pero hai exemplos, como o que se fixo en Trabada, que  reagruparon miles de fincas. Aquí está a mentalidade do minifundio moi arraigada e a desconfianza.  Temos que lidiar cos novos, que cren que o entenden todo, e cos maiores, que están acostumados a que historicamente a madeira non estaba controlada. Agora todo o que se vende está certificado. 

O eucalipto está no punto de mira. É o inimigo?
É o que demanda a industria. O carballo non o queren. O eucalipto dá de comer a moita xente, está pagando coches, hipotecas... Moita xente maior está cortando para axudar aos fillos. O monte  sempre foi o banco dos galegos. E tamén é un risco que che arda, polo que ningún propietario se beneficia dos incendios. Os propietarios son aos que menos lles interesa que arda o monte. O eucalipto ten unha importancia económica que ninguén nega. 

Pero onde está o límite?
Intentouse parar a plantación abusiva de nitens —medra máis rápido que o globulus— e ten que  haber unha regulación, por suposto. A nós como propietarios tamén nos interesa. Se tes moita oferta e pouca demanda os prezos caen e o obxectivo é mantelos. Pero o eucalipto non é unha  praga. Só non se estende, medra onde o plantas. Ten que haber un equilibrio e onde hai eucalipto hai que seguir téndoo, pero controlado. Os eucaliptos son os maiores consumidores de CO2 e  limpan as augas subterráneas.

Que pasa cos incendios? Non supoñen un risco a maiores?
Creouse un odio infundado contra o eucalipto. Estamos de acordo en que hai que regulalo, marcar zonas e distancias, pero un incendio non se propaga no meu monte se o teño limpo. Iso é o máis  importante, non a especie en si. O perigo está na materia combustible que hai abaixo e que crea un foco de calor que se expande cara arriba. A ordenación é a clave. 

E como inflúe a despoboación do rural?
O abandono rural inflúe en todo. A xente nova vaise, os maiores van desaparecendo, as casas  quedan baleiras... Hai un problema grave. Se non somos capaces de ordenar o monte nos próximos  anos teremos un problema gravísimo. Hai que buscar solucións para o rural. A xente está preocupada polo futuro.

Hai que investir máis en prevención?
Por suposto, pero a administración está asumindo simplemente a extinción, non a prevención. E é o máis importante. As cuadrillas antiincedios, os axentes da Xunta, son para apagar os lumes, non para previr. E iso é un problema.

"O máis difícil é dialogar coas administracións, sempre din que si, pero nunca fan nada"

De onde lle vén o interese polo monte?
Meu pai dedicou toda a súa vida a coidar o monte, que herdei, e a cortar madeira para outros. 

É natural de Vilarmaior, pero reside nas Pontes dende hai décadas. Un lugar para perderse?
As Fragas do Eume, pero teñen que ser públicas. Estase a facer un uso público de algo privado.

Unha afección?
O sendeirismo.

Unha árbore?
O castiñeiro, que é o símbolo de Fomento Forestal.

Que implica ser o presidente?
(Sorrí). Moitos problemas, moita dedicación e conflitos. 

E unha planta?
É máis difícil, pero a camelia.

Como é o monte perfecto?
Un de catro hectáreas, unha superficie fácil de controlar e economicamente viable. 

É máis difícil dialogar coas empresas, as administracións ou os ecoloxistas?
Coas administracións, sempre din que si pero nunca fan nada. 

Falouse moitas veces da posibilidade de implantar unha celulosa nas Pontes. Sería positivo?
Non vou a entrar en valoracións. Pero si pecha Pontevedra, Navia non está preparada para asumir eucalipto nitens e non temos unha industria alternativa en Galicia. A única saída sería a exportación a Portugal e perderiamos moito. 

Fomento Forestal creou equipos de vixilancia antiincendios en Vilarmaior e Monfero. Que fan? 
Facemos rutas intempestivas para controlar os montes e se vemos riscos tomamos nota e avisamos a quen corresponda. E levamos oito anos sen incendios.

Comentarios