OBITUARIO

José Castro Uz

Este venres, despedíase arroupado por toda a súa familia, como el quería. E mañá sábado familiares, veciños e amigos poderán acompañalo ás 17.45 dende o Tanatorio Serfuja de Castro ata o cemiterio parroquial de Bazar
José Castro Uz
photo_camera José Castro Uz.


Quería chegar aos 100. Entrar no selecto club dos centenarios. E conseguiuno. O mércores, José Campo Uz, nado na Ponte de Outeiro o 17 de novembro de 1921, cumpría ese obxectivo e oía cantar o 'Cumpleaños feliz'. Este venres, despedíase arroupado por toda a súa familia, tamén como el quería. E mañá sábado familiares, veciños e amigos poderán acompañalo ás 17.45 dende o Tanatorio Serfuja de Castro ata o cemiterio parroquial de Bazar, cuxa igrexa acollerá unha misa na súa memoria.

José de Rafael dicía adeus para irse reunir coa muller, coa súa benquerida Modesta, coa que botou máis de 70 anos casado. Tiveron cinco fillos que el mesmo axudou a vir a este mundo, ademais de implicarse na súa educación e, ante todo, en que fosen persoas de ben. Agora, os dous volven ser un equipo, igual que durante moitos anos o foron para a parroquia de Bazar e os seus veciños, a que en agradecemento os nomeou veciños de honra a través do centro cultural Ignacio Rey Stolle.

Coa marcha de José vaise un pedazo da nosa historia, pero tras el quedan as súas ensinanzas, iluminándonos e guiándonos de por vida. Porque José foi sempre unha referencia para todos, un espello no que mirarse.

José comezou e acabou a súa vida laboral como gandeiro. Foino na súa casa natal da Ponte de Outeiro e, xa octoxenario, tivo un cebadeiro de becerros en Bazar. E polo medio, fixo un pouco de todo. Foi perito, capador, dentista (a súa principal ocupación, que o levou a percorrer toda a provincia e a facer grandes distancias en cabalo ou bicicleta), puxo escola (a súa vocación pedagóxica era tal que daba clases para adultos e nenos á noite, cando volvía de traballar), formou parte do voluntariado pastoral (sempre se preocupou de botarlle unha man aos que menos tiñan, colaborou con Cáritas e ía ao cárcere de Bonxe), foi concelleiro (con Emilio Sinde e Arturo Pereiro), pelexou por traer a concentración parcelaria á parroquia e ata debutou como escritor aos 92 anos, publicando 'Poemas e contos'.

Mais os que o coñeceron non só o lembrarán polo que fixo, senón por quen era, por como era. Por ter as portas da súa casa sempre abertas para todo o mundo, ese sorriso perenne que o acompañaba, polo seu talante conciliador que axudou a solventar máis dun conflito veciñal, pola súa predisposición a botar sempre unha man ou por ser esa persoa que sempre tiña o consello adecuado para darche. 

Grazas José, por facer tanto e tanto ben!