viernes. 19.07.2019 |
El tiempo
viernes. 19.07.2019
El tiempo

Taín: "Se condenan a nai por asasinato a pena podería elevarse a 25 anos"

José Antonio Vázquez Taín. EP
José Antonio Vázquez Taín. EP

Enfrontouse á instrución dun dos casos máis mediáticos en Galicia, o asasinato de Asunta Basterra. Curtido en mil batallas, o maxistrado José Antonio Vázquez Taín analiza o caso de Desirée Leal e aclara o futuro procesal da única investigada pola súa morte, Ana Sandamil

O MAXISTRADO José Antonio Vázquez Taín, que estivo á fronte da instrución do asasinato de Asunta Basterra, debulla algunhas das claves xudiciais do caso de Desirée Leal, a pequena que apareceu morta na cama da súa casa de Muimenta o pasado 3 de maio.

Que coñece do caso?

Falei con fontes próximas á investigación. Sei que aínda están pendentes dos informes definitivos sobre a autopsia e de resultados dalgunhas das probas que se lle practicaron á nena e que se remitiron a Madrid.

A xuíza ordenou o ingreso en prisión da nai de Desirée, Ana Sandamil, hai xa dous meses. É a principal sospeitosa e está sendo investigada por un delito de asasinato ou homicidio. Que diferenzas hai?

O asasinato é un tipo agravado de homicidio recollido no Código Penal. Nas instrucións tendemos a escoller o delito máis grave porque despois na sentenza sempre se pode reducir. Será considerado asasinato se existe dolo pola desproporción da capacidade do agresor fronte á vítima ou se esta non puidera defenderse se estivese drogada, por exemplo.

"O Código Penal di que o asasinato dun menor de idade pode castigarse coa prisión permanente revisable"

Por que a xuíza non definiu aínda o tipo de delito?

Porque aínda non está pechado o círculo. Estamos ante unha fase moi inicial do caso. Quedan feitos por resolver e a confirmación das análises para valorar a cantidade de tóxicos que tiña no corpo e os efectos que estes puideron ter.

A nai leva ingresada máis de dous meses no módulo de custodia de presos no Hula. É habitual que se prolongue tanto o internamento?

Non. Pero non depende dos xuíces. É unha decisión que teñen que valorar os médicos. Se non hai evolución, pode permanecer máis tempo no hospital, aínda que non é habitual. Tamén podería ingresar en prisión e ir directamente ao módulo psiquiátrico do que dispoñen moitos cárceres.

Existen uns prazos legais?

Non. Nós non temos influencia ningunha, depende do informe médico. De feito, se non ten a alta hospitalaria e se fai o ingreso en prisión podería considerarse unha detención ilegal.

Quen custodia á investigada no Hula?

No hospital encárganse da custodia os axentes da Policía Nacional, en quendas dunhas seis horas. Habitualmente fanse tres con dous policías. Unha vez que ingrese na cadea a custodia dependerá da Garda Civil.

Segundo os datos do sumario, a investigada non tiña ningunha patoloxía previa diagnosticada.

Danse moitos casos así. Unha cousa é que non estivese diagnosticada e outra que non a teña. Hai psicopatías que están latentes. Hai persoas que teñen comportamentos obsesivos compulsivos, que escoitan voces e que non son tratados. As crises esquizoides poden producirse de repente. Por exemplo, o suxeito ve o diaño e mata o seu pai. Unha vez estabilizado e con medicación non ten por que ter máis fases agudas.

Sería unha eximente?

Pode ser unha eximente, pero nunca absolutorio. En delitos de sangue, e se se proba unha patoloxía, deberá cumprir a condena completa nun centro de internamento psiquiátrico.

Os primeiros informes falan de que Ana Sandamil podería ter un cadro de ideación delirante. Pero tamén din que no seu ingreso involuntario no Hula tiña un discurso «fluído, coherente e espontáneo». É posible?

Hai que diferenciar entre enfermidade e trastorno. Os trastornos delirantes poden ir asociados ou non a unha enfermidade. Haberá que analizar en profundidade os informes definitivos.

Podería simular a enfermidade?

Podería intentalo, pero os facultativos realizarán entrevistas e probas que poden levar tempo, pero que serán claves para dar cun diagnóstico definitivo.

"Os xuíces instrutores temos que enfrontarnos a cada caso en branco, como se fora totalmente novo"

Este caso será xulgado por un xurado popular?

Si, incluso se hai unha eximente de enfermidade.

E a que penas se podería enfrontar a nai de Desirée?

O arco é moi amplo. En caso de que sexa acusada de homicidio os anos varían dos oito aos 14, seis cunha rebaixa. E en caso de asasinato as condenas poderían elevarse aos 25 anos, se se inclúe o parentesco, a indefensión da filla, o feito probado de que fose drogada...

O pai reiterou en numerosas ocasións que pedirá a prisión permanente revisable. Podería chegar a aplicarse neste caso?

O Código Penal recolle que un caso de asasinato dun menor de idade podería castigarse coa prisión permanente revisable. Pero o Supremo rebaixou algunhas sentenzas ao considerar que non se pode ter en conta dúas veces a mesma circunstancia. É dicir, se se califica de asasinato porque se trata dunha menor de 13 anos, ese argumento xa non se podería utilizar para a prisión permanente.

E se se probase que houbo ensañamento ou alevosía?

Nese caso si, porque sería outro argumento novo.

Algúns relacionaron o caso de Desirée Leal co de Asunta Basterra. Atopa algunha similitude?

A nivel visual si. Son dúas nenas, hai tóxicos... pero é moi atrevido. Os xuíces instrutores temos que ter moito coidado e non comparar. É fundamental enfrontarse a cada caso en branco, como se fora totalmente novo.

Taín: "Se condenan a nai por asasinato a pena podería elevarse a 25...
Comentarios