jueves. 29.10.2020 |
El tiempo
jueves. 29.10.2020
El tiempo

NECROLÓXICAS

José Antonio Varela, sempre na lembranza

Naceu en Vilalba uns meses despois de rematada a guerra civil. Fillo de garda civil, foi alumno da Academia Santa María da capital chairega. Accedeu ao Corpo de Mestres en 1961. Participou en campañas de alfabetización daqueles primeiros anos sesenta en Castela A Mancha. Xogador e mesmo árbitro de fútbol. Acadou praza no colexio de Vilalba e deu clase tamén no centro de Formación Profesional. Cando en 1977 se puxo en funcionamento o colexio nº 2, o ‘colexio de abaixo’, agora Insua Bermúdez, optou por incorporarse a ese centro, do que foi o seu primeiro director, cargo que ocuparía durante máis dunha década. Rematou a súa traxectoria profesional no coleixo da Ponte, en Lugo, cidade na que vivía dende hai máis de trinta anos. Ata onde puido, non perdeu contacto coa súa Vilalba natal.

José Antonio Varela Veiga finou o pasado venres, día 2.

Esta sería unha sinxela semblanza de José Antonio Varela Veiga, Varela para os amigos, compañeiros e coñecidos, e Don Varela para a inmensa marioría dos seus alunos. Sería moi inxusto deixala aquí, porque Varela foi moito máis. Tiven a sorte de traballar no actual Insua no curso 79/80, e máis tarde nos cursos 82/83, 83/84 e 84/85, con el de director. Varela exercía un liderado sereno e prudente sobre o alumnado (que o respectaba xustamente por iso), o profesorado e os pais e nais. Era un firme defensor do colexio, do alumnado e do profesorado, e non dubidaba en demandar aquilo que entendía que era de xustiza; iso si, sempre con argumentos serenos pero firmes. Neses catro cursos, puiden ver en primeira persoa o seu apoio a toda iniciativa que partise do profesorado: sempre dicía que si a todo; el era o primeiro estímulo que se atopaba para levar adiante actividades extraescolares coma teatro, prensa escolar, recompilación de prensa antiga e de poetas de Vilalba, ou reportaxes fotográficas sobre o capón, o queixo de San Simón ou os zoqueiros (nos corredores do colexio están expostos paneis con prensa de Vilalba e coas reportaxes fotográficas indicadas).

Varela era querido en Vilalba, e non só por ser vilalbés ou director do colexio. Home de palabra, era querido polo seu talante dialogante pero serio, pola súa afabilidade e pola súa enorme calidade humana, pola súa bonhomía. Porque se era bo como mestre, director ou compañeiro, como persoa era infinitamente superior. Quen isto escribe pode dar boa fe do mesmo. Tanta, que para min foi coma un segundo pai na miña estadía en Vilalba. Sempre me lembrarei cando, ao chegar eu ao colexio en setembro de 1979, sen coñecerme de nada, nin eu a el, foi decisivo para poder solventar un problema persoal que era meu, pero no que el se implicou tanto que o tomou como seu. O mesmo aconteceu ao meu retorno en 1982. E outros detalles que fan que por riba do profesional estea o lado humano de Varela, aquela xenerosidade inmensa, aquelas conversas que mantiñamos sobre o colexio e sobre a vida, e nas que me daba indicacións que logo me foron moi valiosas. E iso sempre se leva na memoria e no corazón, nunca se esquece. Ademais, estou convencido de que Varela deixou un pouso enorme entre o numeroso alumnado que pasou polo colexio ou polas súas clases e mesmo entre o profesorado. Aos mozos vilalbeses de agora o nome de José Antonio Varela non lles dirá nada, pero a moitos dos seus pais e dos seus avós seguro que si. Estou seguro de que así é porque Varela era dos bos e xenerosos. Chema González Barcia.

AGRADECIMIENTO. La familia del fallecido Moisés Boo Parga (q.e.p.d.), ante la imposibilidad material de contestar los numerosos testimonios de pésame, agradece por este medio la asistencia a los actos de funeral y entierro celebrados ayer, día 5, en Goa (Cospeito), y las muestras de condolencia recibidas.

José Antonio Varela, sempre na lembranza
Comentarios