José Alberto Iglesia: "Os concursos implican moitas horas de traballo e só tes 15 minutos para defendelo"

A SAT Rey de Miñotelo é un referente nos concursos de gando frisón. Toda a familia, ademais de traballar arreo nunha explotación con preto de 400 cabezas, dedican moito esforzo a preparar un grupo de animais que levan o nome da Pastoriza ao máis alto de citas autonómicas e nacionais
José Alberto Iglesia, da SAT Rey de Miñotelo, no Concurso Nacional. VACA PINTA
photo_camera José Alberto Iglesia, da SAT Rey de Miñotelo, no Concurso Nacional. VACA PINTA

Dende cando tivo claro que este era o seu mundo?

Sempre, dende o primeiro momento. Incorporeime en agosto de 2011, pero xa levaba tempo axudando na casa.

Cantas cabezas teñen actualmente na explotación?

Sobre 380. Foise incrementando nos últimos anos. Cando eu entrei tiñamos sobre 180. Non compramos case nada, salvo algún animal de alto valor xenético dos cales sacamos embrións para mellorar o noso rebaño, o resto foi a base de recría.

E canta xente traballa na SAT?

Estamos meu pai, miña nai, un empregado e máis eu. Tamén colaboran os meus irmáns —son catro, a pequena lévase 15 anos con Alberto—, pero non a tempo completo.

E como se consegue ter tantas vacas ‘top’ dentro da mesma explotación?

A base é o traballo de moitos anos. Unha boa aparece en calquera momento, pero tantas implica ter unha liña clara de traballo. Saber onde queremos ir. Sácolle moitas horas ao meu tempo libre, pero tamén toda a familia. A implicación é de todos. 

Como é un día a día na SAT Rey de Miñotelo?

Como en calquera outra. A única diferencia é que temos uns 15 animais separados do resto os 365 días do ano e aos que lles damos unha alimentación diferente.

Cal é esa comida?

Non ten moito segredo. A alimentación é a base de racións altas en fibra e un penso que aporte proteínas. O obxectivo é que se manteñan en boa condición corporal.

En Galicia hai moito marxe de mellora. Hai que seguir traballando e esforzándose para competir cos grandes

E antes dos concursos. Como se preparan? Con canto tempo?

A preparación inicíase con meses de antelación. Por exemplo, agora xa estamos seleccionando os animais que levaremos previsiblemente en abril á Moexmu. As semanas previas, ademais, hai que pelalas varias veces para que lles saia un bo pelo, lavalas en múltiples ocasións e ensinarlles a camiñar...

Como vive o momento de dar o salto á pista durante os certames?

Ás veces con máis presión que outras. Os concursos implican moitas horas de traballo e ao final alí só tes 15 minutos para defendelo.

Como foi a evolución dos seus animais nestas citas. Porque non sempre gañaron.

Para nada. Ao principio levamos paus por todos os lados. Para nós meter unha das nosas vacas entre as cinco primeiras xa estaba moi ben. Non empezamos arriba para nada, ninguén nos deu nada feito. Por iso a xente ten que ter claro que non se pode perder a ilusión nin as ganas de gañar, porque traballando os resultados chegan.

imgData

No seu caso pasaron de conquistar a Moexmu en numerosas ocasións a sumar títulos a pares a nivel galego e tamén nacional.

Si, ao principio gañar a Moexmu era o que nos facía máis ilusión. Gañamos catro anos consecutivos coa mesma vaca, e cinco das últimas seis edicións do concurso. Despois chegou o resto. Conseguimos o título de Vaca Gran Campiona de Galicia de maneira consecutiva nas últimas tres edicións e fai unhas semanas logramos no Concurso Nacional de Gijón a xata Gran Campiona e os premios de mellor rebaño e de mellor criador de xatas. É do máis importante que acadamos, xa que era un certame onde estaban as mellores ganderías de España.

Pensaban chegar a iso?

Se mo din hai cinco ou seis anos pareceríame impensable. Para nós é incrible poder estar competindo de ti a ti con Badiola, Flora, Cudaña, Venturo, Ceceño... que son das mellores explotacións que hai. Iso indícanos que se están facendo ben as cousas.

Non descartamos a posibilidade de dar o salto á competición internacional, pero polo momento non hai nada pechado

Cre que hai máis nivel en Asturias ou Cantabria que en Galicia?

Creo que temos moito marxe de mellora con respecto a eles. Hai que seguir traballando e esforzándonos para competir cos grandes.

Condicionounos a pandemia?

Si. Cun ano de parón sempre resulta difícil empezar de novo. Tivemos que adaptarnos. Antes preparabamos dous ou tres animais por ano para os concursos e agora temos entre 20 e 24 en selección.

Pensan na posibilidade de dar o salto á competición internacional?

Non o descartamos, pero polo momento non hai nada pechado.

Ademais de estar centrado na SAT e nos concursos, asumiu a vicepresidencia de Africor hai un ano. 

Saín elexido polos socios como o segundo máis votado. Meu pai xa estivera nunha das directivas.

A entidade tamén estivo parada pola pandemia?

Si, non se puideron desenvolver os tradicionais concursos, nin as subastas, nin as charlas presenciais. Agora empeza a retomarse algo.

Que importancia ten Africor?

Para min permite facer unha fotografía das granxas de Lugo, grazas ás bases de datos onde se pode sacar moita información sobre o control leiteiro, probas de touros...

E en que momento cre que está o sector?

Nun complicado. Subiu todo menos o leite, e sobre todo os cereais, que é unha auténtica barbaridade.

Como animaría a outros mozos a dedicarse á gandería?

Dicíndolles que cambiou moito, malia que aínda existe unha imaxe negativa e antiga do sector, traballar nas granxas é como outro traballo calquera. Ten horarios e salarios dignos. Ademais, non ten nada que ver co que era hai dez ano polo que se modernizaron as explotacións. A xente ten que estar preparada a nivel infórmatico para o uso de robots ou salas de ordeño modernizadas e para os trámites que hai facer.

De preto
Fóra do traballo, que afeccións ten?
A miña afección son os concursos de gando e poder ir progresando neles.
Un lugar especial?
O recinto feiral da Moexmu, porque alí foi onde me iniciei e a miña vida xira ao redor das persoas que coñecín nos concursos.
Que lle evoca ese evento?
Para min significa ilusión.
E se lle digo Sonrrisa? Que lle vén á cabeza?
Foi irrepetible. Con ela comezou todo. 
Unha viaxe especial?
A que fixen con Sonrrisa ao campionato Europeo de Colmar, en Francia. A cita é como a Eurocopa ou o Mundial de fútbol, celébrase cada tres anos e é o máximo ao que se pode aspirar.
Algún soño por cumprir.
Gañar o Gran Campionato Nacional con vacas.

Comentarios