Jesusa Camaño debuta na escrita co premio do XLVIII Certame Literario

O garlardón vilalbés supón o primeiro recoñecemento para a profesora canguesa, que recibirá unha recompensa de 7.000 euros e verá publicado o poemario 'As feridas dun amor efémero como preámbulo desta morte soñada'
Jesusa Camaño. EP
photo_camera Jesusa Camaño. EP

Quen lle ía dicir a Jesusa Camaño Giráldez que aquel anuncio que viu na prensa dun certame literario que non coñecía, e ao que decidiu presentarse porque tiña "tempo libre", acabaría por converterse no seu primeiro premio e no seu primeiro libro publicado?

"Aínda non mo creo", dicía ao teléfono, pouco despois de recibir a chamada do Concello de Vilalba coa que lle comunicaban que o seu poemario As feridas dun amor efémero como preámbulo desta morte soñada, presentado baixo o lema Illamento, era o gañador do XLVIII Certame Literario.

O xurado elixiu a súa obra entre os máis de 90 orixinais que concorreron ao certame

O xurado, formado por Darío Villanueva, Ramón Villares, Fidel Fernán e Xulio Xiz, elixiu a obra entre os máis de 90 orixinais participantes. "Cando me chamaron pensei que era para convidarme ao acto, non polo premio, non mo esperaba", confesaba tamén unha "abraiada" Jesusa Camaño, profesora de Lingua e Literatura galegas (conta co Celga 5) e natural de Cangas, aínda que leva 20 anos vivindo en Santiago, onde se licenciou en Filoloxía Hispánica.

"Téñome presentado a bastantes certames, pero gañar, nunca", precisa a autora, ao tempo que apunta que ten "moito escrito", aínda que polo momento só publicou algún artigo. Logo de ver a convocatoria de Vilalba, xurdía este poemario de temática amorosa. "É unha muller que fala dende a dor e a nostalxia, dun tempo pasado, dun tempo mellor", explica, mentres incide en que a protagonista non é quen de enfrontarse á realidade que supón experimentar un "amor non correspondido".

A entrega do premio terá lugar no auditorio municipal vilalbés o día 30 

O que si lle corresponde é ver a súa primeira obra publicada, xunto cos 7.000 euros do premio, un galardón que recollerá o día 30, a partir das 19.00 horas, no autidorio municipal de Vilalba, no marco das celebracións das festas patronais de San Ramón e Santa María.

Comentarios