Jesús Rodríguez: "Para moito profesorado o difícil é atopar o que necesitan na saturación de información"

O profesor de Ciencias da Educación da USC fala sobre o novo banco de recursos educativos sobre coronavirus  
undefined
photo_camera Jesús Rodríguez, en Cabreiros. AEP

A pandemia afecta a todos, tamén a nivel educativo, e os alumnos de Deseño e Elaboración de Materiais Didácticos de Ciencias da Educación da USC apostaron por crear un banco de recursos educativos sobre coronavirus. Jesús Rodríguez, natural de Cabreiros (Xermade), e Tania Caamaño, son os docentes que coordinan Educar en tempos de Covid.  

Como xorde este proxecto? 

O obxectivo é sistematizar e centralizar todos os materiais que hai en galego ou feitos por xente de Galicia sobre covid nunha web e ao mesmo tempo poñer en valor a educación galega e o esforzo do profesorado. 

E hai material suficiente nas aulas para falar de covid? 

Hai material, si. Unha parte importante do profesorado fixo un esforzo por elaborar materiais propios e outros por adaptar os que había ás circunstancias. Non quere dicir que tamén haxa críticas e profesorado que non quería saír da metodoloxía tradicional. Pero o traballo pretende transmitir a outra modalidade, con recursos de calidade. 

Que beneficios ten o banco de recursos? 

Saber a onde se pode dirixir e nunha mesma páxina atopar, dividido por temáticas, libros, cadernos, documentais, blogs, unidades didácticas, películas, música... que poden usar logo na aula. Imos continuar un curso máis para seguir completándoo. Para moito profesorado o difícil é atopar o que necesitan entre a saturación de información. E deixamos a porta aberta a que nos envíen máis traballos. 

O coronavirus cambiou a forma de afrontar as clases? 

Houbo un profesorado que se sentiu obrigado a formarse para usar os medios dixitais. Indirectamente houbo un estímulo, e vai quedar. Pero a pandemia evidenciou moitas carencias do profesorado en competencias dixitais, pero tamén demostrou que a presencialidade ten sentido, pero que hai que saber aproveitala: os afectos, vernos, interactuar, buscar a orixinalidade... 

Comentarios